rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
_ACHAR (detalle) 2015. Foto: cortesía do artista
_ACHAR (detalle) 2015. Foto: cortesía do artista
_ACHAR 2015. Foto: cortesía do artista
Foto: cortesía do artista
Foto: cortesía do artista
Foto: cortesía do artista

JUAN LÓPEZ _ACHAR

Ficha

Datas: 
26 xuño 2015 - 3 novembro 2015
Lugar: 
Espazo Anexo
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 / Domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Ángel Calvo Ulloa

Coincidindo coa xornada inaugural, o venres 26 de xuño ás 19.30 terá lugar no salón de actos un encontro-coloquio aberto ao público entre o artista Juan López, e o comisario, Ángel Calvo Ulloa.

Ciclo INTERTEXTUAL

Programación e calendario

Lugar: Anexo (vestíbulo principal)
Comisariado por Ángel Calvo Ulloa

A partir de xaneiro 2015, o lugar ata agora dedicado a tenda-librería no vestíbulo principal do MARCO convertiuse en sala de proxectos, retomando o espírito do Espazo Anexo na praza peonil posterior (2004-2011). Seguindo un dos signos distintivos do MARCO, esta nova liña de programación pon especial énfase na produción propia, tanto no que se refire ás obras en si —novas producións realizadas especificamente para este espazo— como ao comisariado —ciclos de exposicións por proposta dun mesmo comisario, con periodicidade anual.

Intertextual parte dunha selección de artistas pertencentes a unha mesma xeración, voceiros da realidade artística nacional e internacional dos últimos anos, que atopan nesa conexión de influencias un campo de traballo ideal. A proposta nace da necesidade de configurar lugares para proxectos que ofrezan aos artistas a oportunidade de producir obras específicas, a partir da recreación e consolidación dun espazo que ofrece un lugar privilexiado, tanto polas súas dimensións e características coma polo tránsito continuo de visitantes, para a visibilidade dos proxectos.

O ciclo inaugurouse o 16 de xaneiro con 249 litros, de Carlos Maciá, continuou con Cismadores de Mauro Cerqueira, e actualmente co proxecto de Juan López, ao que seguirán as propostas de Fernando García (Madrid, 1975) e June Crespo (Bilbao, 1982).

FERNANDO GARCÍA
13 novembro 2015 – 24 xaneiro 2016

JUNE CRESPO
5 febreiro – 17 abril 2016

Información e visitas guiadas


O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00
  • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Síntese do proxecto

A obra de Juan López é, polo xeral, espacial e conceptualmente específica. As súas intervencións parten do concreto para ir ampliando, paseniño, o seu campo de acción ata establecer unha serie de vínculos ou interconexións con puntos externos, que poderían non gardar relación, pero que rematan por facelo de xeito irrevogable

_ACHAR, o proxecto que presenta nesta terceira mostra do ciclo INTERTEXTUAL, bota man do debuxo orixinado polo desgaste ao que a cidade é sometida. _ACHAR remite a proxectos como 0, realizado para Artium en 2014, no que por medio do pneumático dunha moto xeraba un debuxo sobre o chan da sala. No Anexo do MARCO, López inseriu dous grandes farois cuxo tamaño excedía o ancho do espazo e, axudado por un motor, forzounos a atascarse para que permanezan nel. É un xesto mínimo que nembargante require dun importante despregue, que procura introducir ese elemento meramente noctámbulo no interior do edificio e que xera ao mesmo tempo un indeleble rexistro, testemuño da acción violenta e do paso forzado. Iso mesmo ocorría sobre os muros das celas deste inmoble, proxectado como cárcere a mediados do século XIX e hoxe convertido en museo.

O interese pola linguaxe é moi visible na práctica do artista. A maioría dos seus proxectos conlevan un xogo lingüístico: dende intervencións textuais no espazo urbano, nas que a partir de manipulacións de elementos pre-existentes consegue novos significados, á construción de enunciados cargados de poética ou humor que dan título aos seus proxectos. En _ACHAR, ao xeito do popular xogo do aforcado, a presenza/ausencia dunha letra remítenos tanto á violencia da acción levada a cabo, como ao achádego de novos significados.

Artistas


O traballo de Juan López (Alto Maliaño, Cantabria, 1979) mantén un estreito diálogo coa arquitectura. Investiga como a experiencia de habitar delimita a percepción de espazo, tempo e política. No contexto urbano e museístico, traballa a partir da idea de arquitectura como representación do poder establecido, que determina as relacións sociais. Por medio de metáforas, en forma de intervencións site specific, intenta ofrecer novos puntos de vista sobre a realidade dos dous eidos.

Coa intención de difuminar as fronteiras entre o espazo institucional e o doméstico, tómanse elementos provenientes de ambos os dous campos para, posteriormente, realizar un intercambio de información, vivencias e aprendizaxe. Analízanse as súas posibilidades estéticas, xogando cos espazos, deseñando complexas construcións icónicas e tratando de cambiar a percepción da arquitectura.

Juan López é licenciado en Belas Artes pola Universidad de Castilla La Mancha. Dende 1999 o seu traballo foi exposto en galerías, centros de arte, feiras e museos nacionais e internacionais como La Casa Encendida, Madrid; Galería La Fábrica, Madrid; Galería NoguerasBlanchard, Barcelona; MUSAC, León; Centro de Arte Laboral, Xixón; Fundación Joan Miró, Barcelona; Artium, Vitoria; La Panera, Lleida; Liste Art Fair, Basel; O.K. Centrum Linz, Austria; Museo Nacional de la República, Brasilia; Tokyo Wonder Site, Xapón; Art Basel Miami Beach, USA ou Den Frie, Copenhaguen. Recibiu diversos premios e bolsas como Beca CAM de Artes Plásticas, Premio ABC de Arte, Premio Altadis de Artes Plásticas, Beca Fundación Marcelino Botín, Premio Gobierno de Cantabria ou Muestra de Arte INJUVE.

Na actualidade vive e traballa en Madrid.

http://www.rayoslopez.com

Comisariado

Ángel Calvo Ulloa


Ángel Calvo Ulloa (Lalín, 1984) vive e traballa entre Madrid e Santiago de Compostela.

Desenvolveu o proxecto de intervencións públicas Un disparo de advertencia (Lalín, Pontevedra) en 2011, Natureza! Estás soa? de Álvaro Negro en PALEXCO (A Coruña) en 2011; Welcome to my loft no Centro Torrente Ballester de Ferrol en 2012; Wily Forza Ingobernable no FAC (Santiago de Compostela) en 2013; Sssh! del silencio un lenguaje na Galería Nuble (Santander) en 2013; ou o proxecto Diálogos Improbables no Espazo NonLugar (Lalín, Pontevedra) en 2012-13. Durante 2014 e 2015 comisariou Crise de Identidade na Fundación Granell (Santiago de Compostela); En el coche de San Fernando en SALÓN (Madrid); Sobre el muro na Galería L21 (Madrid) dentro do programa Jugada a 3 Bandas; Ende der party en Tokonoma Apartment (Kasel); C O M E R C U L E B R A en 1er Escalón (Murcia); Fugir para lado algum dentro do programa Expediçao no espazo Maus Hábitos (Porto) e Del rombo al hexágono hay dos líneas, xunto con Tania Pardo, para a Galería Rosa Santos (Valencia). Actualmente desenvolve INTERTEXTUAL, o ciclo de intervencións para o MARCO, e prepara, xunto con Alfredo Aracil, Tener que sentir, coa colección Los Bragales, para o Antiguo Instituto Jovellanos (Xixón). Foi premiado dentro do programa Inéditos 2014 por La Casa Encendida, onde realizou a exposición Aprender a caer. Recentemente foi premiado dentro da convocatoria de artes visuais de Can Felipa (Barcelona) para realizar o proxecto Incluso un paisaje tranquilo… Participou en proxectos virtuais como They've left us alone para The Naked, A Haia (2014) ou Numismática con río Miño al fondo con Fermín Jiménez Landa para Curatorial Clube (2014). É membro do colectivo OsTres co que elabora o programa expositivo do Espazo Miramemira (Santiago de Compostela).

www.angelcalvoulloa.com

 

Crítico de arte e comisario independente, Ángel Calvo Ulloa (Lalín, Pontevedra, 1984) é redactor xefe de Dardo
Magazine e redactor de A*Desk. Como comisario desenvolveu o proxecto de intervencións públicas Un disparo
de advertencia (Lalín, 2011); a exposición Natureza! Estás soa? de Álvaro Negro (PALEXCO, A Coruña, 2011); a
colectiva Welcome to my Loft (Centro Torrente Ballester, Ferrol, 2012); Wily Forza Ingobernable (FAC, Santiago
de Compostela, 2013); Agora!, proxecto de intervencións no espazo das Bodegas Martín Códax (Cambados,
Pontevedra, 2013); Sssh! Del silencio un lenguaje (Galería Nuble, Santander, 2013); Crise de identidade
(Fundación Granell, Santiago de Compostela), En el coche de San Fernando (SALÓN (Madrid); Sobre el muro
(Galería L21, Madrid), dentro do programa Jugada a 3 Bandas (2014); Aprender a caer (Programa Inéditos 2014,
La Casa Encendida, Madrid), e Aún un paisaje tranquilo... (Barcelona, Convocatoria 2014 Can Felipa de Arts
Visuals). Dentro do programa TOKONOMADRID, foi convidado a participar como comisario na residencia do
Tokonoma Apartment de Kassel. Ángel Calvo Ulloa é membro do colectivo OsTres, que elabora o programa
expositivo do Espacio Miramemira, en Santiago de Compostela.
www.angelcalvoulloa.co