rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Laboratorio de Metodoloxías Imaxinarias. Programa de Estudos en Man Común.

Laboratorio de Metodoloxías Imaxinarias. Programa de Estudos en Man Común.

Datas: 
27 maio 2017
Horario: 
De 11.30 a 14.30 e de 17.00 a 19.30
Lugar: 
#salóndomarco
Prezo: 
de balde


Volven os encontros do Programa de Estudos en Man Común, e desta volta tratarán en torno a metodoloxías imaxinarias, sobre a performatividade, e a investigación-acción. Será o sábado 27 de maio no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) onde terán lugar dous encontros nos que poremos en práctica diversas estratexias de intercambio de aprendizaxe e de diálogo de saberes.

Das 11.30 ás 14.30 terá lugar a Sesión ¡CHUCHPAKUY COMPAÑEI?RAS!: Laboratorio de Metodoloxías Imaxinarias, conducido e mediado por María Fernanda (Mafé) Moscoso. Neste encontro analizaranse os lazos de interdependencia e solidariedade, é decir, as estratexias de resistencia comunais que teñen lugar nas zonas rurais en España. Moscoso propón reflexionar e imaxinar o común nas zonas rurais do Estado á luz das experiencias coa comunidade da Pitana Alta (Ecuador), intercambiando aprendizax?es e compartindo saberes. O seu obxectivo é por en común unha serie de ferramentas metodolóxicas dirixidas a reflexionar e fortalecer os lazos comunitarios entre distintos grupos e actores sociais que conviven nas zonas rurais en España. Mafé Moscoso, doutora en Antropologia pola Freie Universität Berlin, coordina entre outras moitas accións, o proxecto de Pedagoxía, Arte e Investigación <Toma (r) Madrid: Artegrafias Decoloniales> en INTERMEDIAE-MATADERO. Esta sesión é o resultado da convocatoria para dinamizar as sesións do PEMAN e foi seleccionada polas propias persoas participantes no PEMAN, que se configuran como comuneiros e comuneiras do mesmo.

A partir das 17.00 ata as 19.30 terá lugar o Obradoiro Performando "Alén dos Xéneros". Neste obradoiro proponse unha visita performada á exposición que na actualidade ocupa as salas do 1º andar do MARCO. Apropiarémonos do espazo expositivo, facendo unha lectura performativa das pezas e da narrativa da curadora, achegándonos á exposición dende os intereses e os afectos de cada participante, utilizando o corpo e a consciencia. Este obradoiro será mediado por Carmen Platero, María Novas e Lara Dopazo, comuneiras do PEMAN, e conta coa colaboración da comisaria da exposición Anxela Caramés.

Esta xornada é gratuíta, está aberta á participación, mais cómpre anotarse a través do e-mail info@estudosenmancomun.gal indicando nome e apelidos e o interese en participar. Para participar na actividade Performando "Alén dos Xéneros", recoméndase visitar a exposición con anterioridade.

A xornada terá lugar no #Salón do MARCO (Espazo Anexo no vestíbulo principal, ao carón da cafetería do Museo).

Esta actividade enmárcase dentro do Programa de Estudos en Man Común. Ruralidades, Feminismos e Comúns, espazo crítico de pensamento e acción, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo de investigación HISTAGRA, e o colectivo de praxe contemporánea Montenoso, e que conta co apoio da Fundación Daniel e Nina Carasso.