rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
LABORATORIOS DE EXPERIMENTACIÓN E CREACIÓN EN FAMILIA. Obradoiros de verán para público infantil

LABORATORIOS DE EXPERIMENTACIÓN E CREACIÓN EN FAMILIA. Obradoiros de verán para público infantil

Datas: 
12 xullo 2022 - 28 xullo 2022
Horario: 
martes e xoves de 11.00 a 12.30
Lugar: 
MARCO: Espazo Anexo (praza peonil posterior), Galería B3 e salas de exposición

Colabora: Fundación "La Caixa" 

Cara a este período estival, a área de Didáctica do MARCO retoma a súa programación especial de verán, que este ano inclúe, ademais de obradoiros infantís, un innovador programa destinado a público familiar:

Para público familiar (nenos/as a partir de 4 anos acompañados de persoas adultas)
Conducidos por Cristina González Larriba (Arte y Garabato) e Mª Xosé Martínez

GRATUÍTO, PREVIA INSCRICIÓN
Reservas de praza a partir do 5 de xullo en taquilla recepcion.marco@gmail.com / Tel. 986 113900 (ext. 100)

Público infantil e adulto participa conxuntamente nestas sesións de taller, un programa de experimentación e creación artística en familia, cuxo obxectivo é xerar espazos e procesos abertos para maiores e pequenos. Cada sesión, baseada en procesos creativos de diferentes artistas, invítanos a investigar, xogar, explorar e reflexionar sobre as propiedades físicas, gráficas, estéticas e sensoriais da materia. O ambiente dos diferentes espazos propiciará un diálogo entre os participantes, as obras presentes no Museo e as propostas de cada taller, provocando interaccións e impulsando procesos de aprendizaxe.

SESIÓN 1 / Martes 12 xullo
“Arredor da casa”
Reinterpretamos a obra do mesmo título, do artista Alfredo Alcain, en tres dimensións, para explorar conceptos como o volume, o movemento, a silueta e o reflexo.

SESIÓN 2 / Xoves 14 xullo
“Skyline”
Investigamos sobre as calidades físicas e estéticas da madeira e do cartón, construímos unha paisaxe mediante pezas destes materiais, e experimentamos coa luz creando un “skyline” a través das sombras proxectadas sobre a parede.

SESIÓN 3 / Martes 19 xullo
“Cidade-froita”
Un divertido taller de ensamblaxe, na que poñemos en relación obxectos dispares para deseñar e construír as nosas propias cidades imaxinadas.

SESIÓN 4 / Xoves 21 xullo
“Escala e luz”
Que é a escala? Como podemos xogar con ela, e qué efectos podemos conseguir? Partindo da importancia da escala na obra do escultor Francisco Leiro, reflexionamos sobre este concepto, transformamos as dimensións de obxectos cotiáns, e utilizamos varios dispositivos (diapositivas, retroproxectores, transparencias) para construír paisaxes e escenografías por medio da luz.

SESIÓN 5 / Martes 26 xullo
“Invertir a mirada”
Un espello abonda para reinventar o mundo. O cotián vólvese máxico e somos quen de percibilo dun modo moi diferente. Neste taller realizaremos unha acción colectiva invitando aos participantes a experimentar novas formas de percepción a través de espellos, nos propios espazos do interior e exterior do Museo.

SESIÓN 6 / Xoves 28 xullo
“Corpo e figura”
A partir da exposición de Francisco Leiro, traballamos a representacion da figura humana baseándonos nos “Arsintes” do tamén escultor e pedagogo Ángel Ferrant. Investigamos sobre os trazos que definen o corpo humano, xogamos coas siluetas, e dámoslles vida e movemento.