rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Living Together. Estratexias para a convivencia

Ficha

Datas: 
29 maio 2009 - 20 setembro 2009
Lugar: 
primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
Centro Cultural Montehermoso Kulturunea, Vitoria-Gasteiz
Comisariado: 
Xavier Arakistain
Comisariado: 
Emma Dexter

Coa exposición ‘LIVING TOGETHER. Estratexias para a convivencia', o MARCO de Vigo continúa reforzando a súa programación de mostras temáticas e colectivas, que neste ano 2009 se une á nova liña de exposicións individuais, e que completa a oferta expositiva e de actividades dos próximos meses.

Producida polo Centro Cultural Montehermoso de Vitoria-Gasteiz, e comisariada polo seu director, Xabier Arakistain, e Emma Dexter, LIVING TOGETHER xira en torno á noción de convivencia no mundo contemporáneo, e aos valores sociais e políticos que a conforman. A mostra reúne 14 artistas procedentes de diversos contextos, que exhiben pezas recentes, realizadas nos últimos seis anos, e tamén producións específicas para este proxecto: fotografías, vídeos, instalacións, videoinstalacións, pinturas, esculturas, e obras noutros soportes.

A partir dunha reflexión sobre a pluralidade de grupos e suxeitos da sociedade actual, LIVING TOGETHER ofrece distintas visións das narrativas e valores que regulan a idea de convivencia. Os comisarios formularon a exposición como un exercicio de análise, reunindo a colectivos e artistas de diferentes procedencias que, dende posicións críticas, investigan sobre o concepto de convivencia e sobre o papel que xogan os sistemas de representación no mundo contemporáneo.

As obras e artistas presentes nesta exposición propoñen unha reflexión aberta e múltiple, ao tempo que formulan estratexias alternativas para a convivencia. En palabras dos comisarios, "en pleno auxe do individualismo, as pezas mostran como se constitúen grupos e comunidades co fin de progresar e de apoiarse mutuamente. Así mesmo, inciden en como fronte a un contexto xeneralizado de apatía política, a esperanza reside no compromiso e nas accións de tipo 'faino ti mesmo/a'".

Itinerancia

· Centro Cultural Montehermoso Kulturunea, Vitoria-Gasteiz: 23 xaneiro - 3 maio 2009
· MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo: 29 maio - 20 setembro 2009

 

 

 

Síntese do proxecto

 

Artistas

Daniel Baker (St. Mary, Kent, Reino Unido, 1961. Vive e traballa en Londres)
Marcus Coates (1968, Londres, Reino Unido. Vive e traballa en Londres)
Gardar Eide Einarsson (Oslo, Noruega, 1976. Vive e traballa en Nova York, EUA)
Nicole Eisenman (Verdún, Francia, 1965. Vive e traballa en Nova York, EUA)
Claire Fontaine (colectivo fundado en París, Francia, 2004. Viven e traballan en París)
Dora García (Valladolid, 1965. Vive e traballa en Bruxelas, Bélxica)
Delaine Le Bas (Worthing, West Sussex, Reino Unido, 1965. Vive e traballa en Worthing)
Josephine Meckseper (Lilienthal, Alemaña, 1964. Vive e traballa en Nova York, EUA)
Mai-Thu Perret (Xenebra, Suíza, 1976. Vive e traballa en Xenebra)
Société Réaliste (Ferenc Gróf Pecs, Hungría, 1972 e Jean-Baptiste Naudy, Francia, 1982. Viven e traballan en París, Francia)
Paula Trope (Río de Xaneiro, Brasil, 1962. Vive e traballa en Río de Xaneiro)
Eulàlia Valldosera (Vilafranca del Penedès, Barcelona, 1963. Vive e traballa en Barcelona)
Lynette Yiadom-Boakye (Londres, Reino Unido, 1977. Vive e traballa en Londres)
Artur Żmijewski (Varsovia, Polonia, 1966. Vive e traballa en Varsovia)

Texto curatorial

"Que está a acontecer co espazo interrelacional do mundo contemporáneo?, que mecanismos operan, a miúdo veladamente, para ordenalo?, que valores debemos revisar, construír, consensuar e afianzar para que sirvan de alicerces sobre os que asentar as bases dunha mellor convivencia no século XXI"

Living Together aborda un abano de conflitos sociais, políticos, económicos e emocionais que están a marcar este comezo de século incidindo na íntima articulación que existe entre esas esferas. Invocando os conflitos que enfrontan entre si á pluralidade de suxeitos que comparten o momento actual, deséxase cuestionar como se constrúen e negocian as distintas narrativas que, nas nosas sociedades, nutren e regulan a idea de convivencia. Narrativas de longo, medio e curto percorrido, como as que concirnen aos valores sociais, as liberdades individuais e o seu control, os fluxos migratorios, a diferenza sexual, a étnica, o traballo, o desemprego, a pobreza, ou os dereitos humanos, ata tecer un longo etcétera de relatos que perpetuamos e construímos a diario.

A exposición formúlase como un dispositivo de análise que pretende desvelar a rede de ideoloxías que nutre esas narrativas -e que produce eses conflitos-, e destacar o papel que xogan os sistemas de representación nos procesos de negociación ou imposición da convivencia.

LIVING TOGETHER reúne 14 artistas procedentes de diversos contextos que exhiben pezas realizadas nos últimos 6 anos e producións específicas para esta mostra. Dende diferentes perspectivas, as obras propoñen unha reflexión aberta e múltiple sobre as cuestións anteriormente enunciadas, á par que formulan estratexias, alternativas ás hexemónicas, para a convivencia. En pleno auxe do individualismo, as pezas mostran como se constitúen grupos e comunidades baseándose en estruturas creadas co fin de progresar e de apoiarse mutuamente. Así mesmo, inciden en como fronte a un contexto xeneralizado de apatía política, a esperanza reside no compromiso e as accións de tipo "faino ti mesmo/a".

Os signos austeros de Gardar Eide Einarsson expresan unha enérxica crítica á autoridade e ao control exercido sobre os individuos e os grupos. O cadro de Nicole Eisenman exploran a natureza mesma da condición humana que, utilizando un humor cru, describe a sociedade como grupos de individuos illados que subsisten máis que viven. Os neons e outros obxectos aparentemente inofensivos, customizados polo colectivo artístico Claire Fontaine, fan as veces de interface entre a arte e o activismo, deixando ao descuberto a agresión e a violencia inherentes ao hipercapitalismo.

O proxecto EU Green Card Lottery: The Lagos File do colectivo Société Réaliste investiga a industria da migración e como Europa controla as súas fronteiras e man de obra. A serie fotográfica de Paula Trope, Sem Simpatia, mostra os rapaces e nenos das favelas de Río; imaxes creadas polos propios suxeitos marxinais utilizando cámaras escuras caseiras feitas con latas e distribuídas pola artista. O vídeo de Dora García, Céllule Cité Lénine, examina o legado diatópico do fracaso que se percibe na arquitectura experimental modernista a través dos habitantes dun edificio situado nos suburbios parisienses, mentres que as fotografías de Eulàlia Valldosera trazan un mapa dos dramas ocultos e as estruturas que operan nas realidades sociais contemporáneas.

As esculturas e instalacións de Josephine Meckseper exploran as relacións entre a alta costura, o fetichismo mercantil e o activismo político, establecendo analoxías no espazo simbólico das sociedades de consumo entre ámbitos aparentemente distantes. Mai-Thu Perret crea unha meta-narrativa sobre unha comunidade de mulleres que deu as costas á sociedade. A instalación de Daniel Baker idea un labirinto desorientador de signos e mensaxes ambiguas e contraditorias, creando múltiples capas de lectura, que fan referencia á cultura e a historia. O conceptualismo poético de Marcus Coates reactiva a esperanza na cohesión social e na idea de comunidade utilizando a beleza e a espiritualidade para combater o illamento e o fracaso.

Pola súa banda, as instalacións de Delaine Le Bas, colaxes delicadamente bordadas, ocultan unha cólera amarga ante a hipocrisía continuada e os prexuízos contra as comunidades marxinadas. O vídeo de Artur Żmijewski é un experimento deseñado co fin de reflectir os conflitos inherentes á sociedade; en Them, o artista organiza unha reunión polémica entre grupos sociais radicalmente diferentes pero igualmente polarizados; o resultado é tan cómico como deprimente. Os cadros de Lynette Yiadom-Boakye céntranse sempre nun suxeito imaxinario; en Pleased to Meet You analiza como un mesmo individuo se transforma en relación a diferentes ámbitos e no contexto da interacción cunha comunidade doutros".


Xabier Arakistain & Emma Dexter
Comisarios da exposición

 

Texto artista

 

Comisariado

Xavier Arakistain

Xabier Arakistain é director do Centro Cultural Montehermoso Kulturunea, o primeiro centro de arte e pensamento contemporáneo do estado que está a desenvolver e a aplicar políticas de igualdade entre os sexos nos ámbitos da arte e a cultura. Previamente, Arakistain foi comisario independente dende que en 1999 inaugurara Trans Sexual Express, exposición na que incorporaba a cota de sexos como criterio curatorial. De 2001 a 2003 foi responsable de programación da Sala de Exposicións da Fundación Bilbao Arte Fundazioa, e de 2003 a 2006 dirixiu as mesas de debate sobre arte e feminismo na feira ARCO, dende onde impulsou o Manifiesto Arco 2005. Ten sido tamén comisario de varias retrospectivas de Leigh Bowery e das colectivas Para todos os públicos/For all audiences, Kiss Kiss Bang Bang, 45 anos de arte e feminismo, Switch on the Power. Ruído e políticas musicais, e, a carón de Maura Reilly, de A Mirada Iracunda/The Furious Gaze.

Emma Dexter

Emma Dexter é directora de exposicións na Timothy Taylor Gallery de Londres. Ten comisariado varias mostras colectivas na galería, entre as que se inclúen Ballet Mecanique, 2007, ou Ventriloquist, 2009, e as monográficas sobre Armen Eloyan, Mai-Thu Perret e Susan Hiller. Do ano 2000 ao 2007 foi comsaria xefe na Tate Modern, onde comisariou as exposicións de Pierre Huyghe, 2006, Frida Kahlo, 2005, Luc Tuymans e Bruce Nauman, 2004, así como a primeira exposición fotográfica da Tate, Cruel and Tender, en 2003. En 2005 escribiu o ensaio introdutorio para Vitamin D - a survey of contemporary drawing, de Phaidon. Entre 1992 e 2000 foi directora de exposicións no ICA de londinense, onde organizou as primeiras exposicións en Londres de Marlene Dumas, Luc Tuymans, John Currin, Gary Hume, Jake and Dinos Chapman e Steve McQueen.