rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
“No sé si me da miedo la muerte, no sé casi nada desde que llegué al mar” [sobre el miedo, esbozo#1], 2011
Finalmente, ¿con o sin título?, —domingo, 21 de junio de 2009—, 2011
“No sé si me da miedo la muerte, no sé casi nada desde que llegué al mar” [sobre el miedo, esbozo#1], 2011
hay algo que me afecta y necesito reaccionar, hoxe
Pela estrada fóra, 2011
Pela estrada fóra (detalle), 2011
Pela estrada fóra (detalle), 2011
Pela estrada fóra (detalle), 2011
Biblioteca, 2011
Viaje alrededor de mi cuarto o Un cuarto propio podría ser el título, si un título hubiese que darle. Y, entre paréntesis: (una
“No sé si me da miedo la muerte, no sé casi nada desde que llegué al mar” [sobre el miedo, esbozo#1], 2011
“No sé si me da miedo la muerte, no sé casi nada desde que llegué al mar” [sobre el miedo, esbozo#1], 2011

Loreto Martínez Troncoso. Entrar na obra I

Ficha

Datas: 
28 xaneiro 2011 - 27 marzo 2011
Lugar: 
salas de exposicións do primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Agar Ledo
Comisariado: 
Iñaki Martínez Antelo

PRESENTACIÓN

Coa exposición de Loreto Martínez Troncoso, o MARCO inaugura o ciclo titulado ‘ENTRAR NA OBRA’, que se desenvolverá nas salas do primeiro andar, e cuxo nome está tomado da célebre peza de Giovanni Anselmo Entrare nell’opera (1971). O paradoxo que rodea o concepto de espectador e que o sitúa entre a pasividade e a acción é o punto de partida desta serie de proxectos, que analizan ao público, ao visitante, ao espectador, á audiencia, como un elemento inherente á obra.

OBRAS EN EXPOSICIÓN

Loreto Martínez Troncoso (Vigo, 1978) constrúe situacións a partir de textos, da palabra escrita ou falada, da linguaxe e dos silencios. A exposición do MARCO —primeira individual desta artista— reúne traballos realizados entre 2009 e 2011 —dúas pezas sonoras, unha pequena biblioteca, unha planta, un facsímile de óleo sobre lenzo dun artista anónimo, unha proxección de vídeo, un texto en transparencia, un pensamento na parede, e unha proxección de diapositivas— que na súa maioría funcionan como documentos do proceso de creación. A peza máis recente, a instalación sonora titulada ‘No sé si me da miedo la muerte, no sé casi nada desde que llegué al mar’ [sobre el miedo, esbozo#1], é resultado de varios obradoiros e entrevistas realizados pola artista con grupos de estudantes de Bacharelato (IES Val Miñor, Nigrán), Primaria e Infantil (CEIP García Barbón, Vigo), e adultos, e acompáñase dunha selección de debuxos dos alumnos participantes nestes talleres.

Síntese do proxecto

‘Entrar na obra’

‘Entrar na obra’ é un ciclo de exposicións que se desenvolverá nas salas do primeiro andar do MARCO. O título do ciclo está tomado da célebre peza de Giovanni Anselmo Entrare nell’opera (1971), emulsión fotográfica sobre lenzo, na que o artista se fotografa a si mesmo atravesando unha aba nunha acción que interpretamos como reveladora sobre a relación entre o artista e a súa obra e entre o espazo e o tempo. O artista altera o seu papel e xera unha situación de integración, ante a que tamén reacciona o espectador, que, se ben non entra fisicamente na obra, participa sendo testemuña desta ruptura dos límites tradicionais que separan suxeito e obxecto. O significado último reside, pois, na reacción do espectador.

O papel fundamental do espectador no proceso de creación da obra de arte formou parte, nas últimas décadas, de discusións e ensaios. Ao longo do século XX xorden os conceptos de obra aberta, espectador emancipado ou morte do autor, e o rol do público pasa a ser esencial para completar a peza, mediante a súa mera presenza física ou a necesidade de implicarse activamente. O artista xa non é o eixe central do proceso e as coordenadas de percepción márcanas, como escribe Douglas Crimp, non só o encontro entre o espectador e a obra, senón entre ambos os dous e o espazo que ocupan. En que grao necesita o público estar ante a obra? O simple feito de mirar non ten xa valor?

O paradoxo que rodea o concepto de espectador e que o sitúa entre a pasividade e a acción é o punto de partida desta serie de proxectos, que analizan a condición do público como elemento inherente á obra. A relación directa entre ambos os dous, o intercambio físico ou a reciprocidade inmediata xeran unha nova dimensión na que tempo e espazo alteran as condicións da recepción e da percepción.

O ciclo ‘Entrar na obra’ iníciase o 28 de xaneiro con Loreto Martínez Troncoso, para continuar a partir de abril con Wilfredo Prieto (Sancti-Spiritus, Cuba, 1978), ao que seguirán as propostas de Rubén Grilo (Lugo, 1981), Karmelo Bermejo (Málaga, 1979), Judi Werthein (Bos Aires, Arxentina, 1967), e Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979).

Artistas

Loreto Martínez Troncoso

 
Loreto Martínez Troncoso nace en Vigo en 1978; actualmente vive e traballa no Porto e París. Da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo trasládase, en 1999, á Escola de Belas Artes de Burdeos e á Escola Nacional de Belas Artes de Lión, onde conclúe os seus estudos. Durante os anos posteriores obtén varias bolsas de residencia en cidades como Budapeste, Hendaya, San Sebastián, León, O Porto e París. Entre as súas exposicións e accións destacan as realizadas en Les Laboratoires d’Aubervilliers (París), Centro Georges Pompidou (París), Arteleku (San Sebastián) e Fundação Serralves (O Porto); ou as mostras colectivas Urbanitas (MARCO, Vigo, 2006), Arte e investigación 07 (Centro Cultural Montehermoso, Vitoria) e O medio é o museo (MARCO, Vigo / Koldo Mitxelena, San Sebastián, 2008), ademais de actividades como obradoiros, textos publicados, e outras colaboracións que son parte integrante da súa traxectoria artística. Actualmente, Loreto Martínez Troncoso forma parte do equipo do proxecto artístico Mugatxoan (www.mugatxoan.org).

“1978 nace… 1999 parte…, bolseira por…, traballa con… 2000 felicitada por… 2001 intervén en…, seleccionada en… 2002 felicitada por…, mercada por…, enchufada por… no…, video-proxectada en… 2003 considerada como artista francesa por… para…, anunciada como ‘one-woman-show’ para…, video-instalada en…, colabora con… 2004 colabora con…, participa no…, considerada como ‘artista que traballa sobre’… para… por…, fai unha lectura dentro do… 2005 carta branca no…, ‘recomendada’ como artista ‘digna do máis grande interese’ por…, candidatura => retida para…, proposición de… rexeitada por…, considerada ‘politicamente no correcta’ por…, forma parte da exposición…, auto-preséntase como ‘conformista’ e non performa no festival x onde é presentada como ‘Francia’, bolseira por… para… 2006 participa como ‘nova artista galega’ en…, rexeitada no Salón do Xardín e do exterior por…, stripteasa en…, en… e en… 2007 mata unha mosca en…, devén unha video-proxección en…, In-preséntase…, protocólase… 2008 parte En el camino…, a(s) súa(s) palabra(s) conta(n) ou non en…, fala en loop durante exactamente 3 meses e 7 días no…, mediumízase e ‘mostra unha visión pesimista da vida’ durante…, showízase in… e anuncia que a próxima vez fará unha comedia…, é considerada como ‘creación de xénero en Galiza’ en…, perde a súa boca en… 2009 anunciada como ‘artista atípica […] promete saborosas sorpresas’ durante…, documenta (se) e rexístrase en primeira persoa en…, finalizará finalmente con (?)… soña (e) fai unha ‘—…bonita performance para domingo’ no… e unha conferencia ‘—…optimista!’ con… como un só home ou… un home só en, no… finaliza con… non fai unha comedia… pero si quelque chose de spectaculaire con… no… la ferme (?)…, entre outras cousas”.

Loreto Martínez Troncoso, 2009

“LMT, nace, vive e traballa en. O seu traballo consiste esencialmente en quen cuestiona os entre e. Dende hai uns anos, desenvolve unha busca sobre, un espazo mental onde a e evócanos a construción de. Imaxina e pon en lugar non para adaptarse a. Recentemente introduciu principios nas súas obras que, vía unha montaxe entre e, ou a introdución dunha voz de, producen novas postas a distancia e efectos de. Colaborou con e exposto en, na, no e nos/as e os seus últimos proxectos tiveron lugar no, en, na, nos/as e na lala e na la-la-la-la-lá. Coa intención de desenvolver novas, amplía as súas buscas a través da particularmente e a vale da para, comprometendo así a e a/o cos/as, etc.”.

 

LMT, 2010

Loreto Martínez Troncoso

Performances (selección)

16.10.10 ¿Cómo asustar al pulpo? (sorcellerie culinaire), programa ‘Les Interlocuteurs III - Les Fausses confidences’, Printemps de septembre, Toulouse

20.06.10 Los escapados, Festival In-Presentable, La Casa Encendida, Madrid

07.06.10 Voyage autour de ma chambre et/ou Une chambre à moi pourraient être le(s) titre(s), si est-ce qu'un titre faudrait donner (et/ou entre parenthèse: (une lecture-performance pour un dimanche)), Fiction/Lectures performées #3, Espace Paul Ricard, París

18.12.09 Finalement (je/on finira/i avec?), Festival Reims Scènes d'Europe

28.11.09 La ferme! (soliloque d'un insomniaque), ‘Treasures for Theatre’, Centre d'art La Ferme du Buisson, Marne-la-Vallée

02.11.09 Un jour j'aimerais faire une comédie/et quelque chose de spectaculaire, Centre Georges Pompidou, París, ‘Nouveau Festival’, en colaboración con Jochen Dehn

24.10.09 Finalement (je/on finira/i avec?), clausura Wake up, please!, Le Quartier, Quimper

17.10.09 Heureux à Gentilly, Festival ‘frasq’, Le Générateur, Gentilly

24.09.09 Printemps de septembre (peza radiofónica), Toulouse

15.03.09 Título possível, se título houvesse: Y ¿(ahora) qué?, Ciclo DOCUMENTE-SE! Registos na primeira pessoa. Fundação Serralves, O Porto

13.02.09 MUSIQUE DE SALON. Concierto con Proxima Centauri. OPUS 9.1, TNT Manufacture de chaussures, Burdeos

Exposicións colectivas

2010 Les Vagues, Frac des Pays de la Loire, Carquefou. Comisaria: Emilie Renard

2010 Video screening, àngelsbarcelona, Barcelona

2010 Fréquence #2, Transpalette, Bourges. Comisaria: Leonor Nuridsany

2009 Treasures for theatre, Centre d'art La Ferme du Buisson. Marne-la-Vallée. Comisaria: Julie Pellegrin

2009 Wake up, please!, Le Quartier, Quimper. Comisaria: Keren Detton

2009 Peinture show, MOHLL'148 homestudioshow, Aubervillers

2009 Its somewhat ambitious title was ‘The Book of Life’, and it attempted to show how much an observant man might learn by an accurate and systematic examination of all that came in his way. It struck me as being a remarkable mixture of shrewdness and of absurdity. A SUPER, París. Unha proposta de Elodie Henrion

2008 O medio é o museo, MARCO, Vigo / Koldo Mitxelena Kulturunea, Donostia-San Sebastián. Comisarios: Pablo Fanego e Pedro de Llano

2008 Marxes e mapas. A creación de xénero en Galicia. Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela. Comisarios: Chus Martínez e Xosé Manuel Lens

2007 We can’t be stopped. Galerie Nuke, París. Comisaria: Julie Pellegrin

2006 Urbanitas. MARCO, Vigo

2005 Mots d’ordre mots de passe. Espace Paul Ricard, París

Colaboracións

2010 Los topos. En colaboración con Vassilis Salpistis

2010 Los escapados - la gravité est une illusion provoquée par le manque de légèreté / il y a peu de chance qu'il y ait quoi que ce soit qui change

2009 Pintura hablante. En colaboración con Vassilis Salpistis

2009 Recuperados. Escenificación: António Júlio. Asistencia escenificación: Loreto Martínez Troncoso. Dramaturxia. António Júlio, Loreto Martínez Troncoso, TUP, Teatro Universitario do Porto. Presentado en Fundação José Rodrigues, O Porto / RITU (Rencontres Internationales de Théâtre Universitaire), Théâtre Universitaire Royal de Liège

2006-2007 B.A.T / Beautiful Animals Trying. Un proxecto de Ion Munduate, en colaboración con Amaia Urra e Loreto Martínez Troncoso. Presentado en Arteleku, Donostia-San Sebastián / Festival In-Presentables, La Casa Encendida, Madrid / Espace Pier Paolo Pasolini, Valenciennes

Escritos publicados (selección)

2010 ‘It's Too Late to Say Littérature (aujourd'hui recherche formes désespérément)’, en revista ah! #10, pensada/propuesta por Jean-Charles Massera

2009 ‘…mais où ê(te)s-vous/tu physiquement?’, en Hypertexte n°2, Principes de plaisir, principes de réalité

2009 ‘¿Te acuerdas de lo que me acuerdo? Gogoan al duzu nik gogoan dudana? Do you remember what I remember?’, en ZEHAR#65 PERFORMANCEDITION

2009 Cher toi.doc, ouestwesthereview: http://po8alouest.blogspot.com/

2009 RoToR#1 http://corner.as.corner.free.fr/rotor.html

2008 ‘Dans le flot de la vie (texte)’, en bs n°2. Le journal de Bétonsalon

Talleres

01.05.2010 Ce que je voudrais le plus au monde…, L'Ecole Le Four, Lognes. La Ferme du Buisson, Centre d'Art et de Culture de Marne-la-Vallée

03.04.2010 C'est arrivé près de chez vous, proxecto ‘PIE Fiction d’écrire une œuvre’, MAC/VAL, Musée d’art Contemporain, Vitry-sur-Seine

2008-2009 Écrire et créer des situations, proxecto ‘PIE Fiction d’écrire une œuvre’, MAC/VAL, Musée d’art Contemporain, Vitry-sur-Seine

2006 (se) présenter à un public (pour dire) quelque chose, École des Beaux Arts de Rennes

2005 Écriture… identité, frontière, Lycée d'Esthétique, Domaine d'Abbadia, Hendaya

Texto curatorial


“Loreto Martínez Troncoso utiliza a palabra como vehículo de transmisión; unha palabra que, nas súas transposicións, adquire novos significados e constrúe novas situacións. As súas obras son palimpsestos nos que a intertextualidade se converte en instrumento de comunicación, e as súas accións maniféstanse por medio da presenza física da artista ou de dispositivos o fin dos cales é servir de soporte a ese texto, monólogo, discurso, conferencia.

O traballo de Loreto Martínez Troncoso é esencialmente inmaterial. As súas primeiras performances actívanse en momentos moi precisos, asumindo os protocolos de cada contexto: eventos, inauguracións, conferencias de prensa... Tras o acto de ‘tomar a palabra’ foron xurdindo cuestións como aquí e agora, que se converteron no contido principal das pezas. Preguntas como ‘que é a acción?’ ou ‘como e en que momento se pon en movemento?’, derivan da práctica ou da propia experiencia da artista como suxeito-obxecto, unha condición que implica a presenza do espectador nun tempo e lugar determinados.

Esa condición do público como destinatario irrenunciable sen o que non hai obra —parafraseando a Rancière en El espectador emancipado— faise máis flexible en traballos recentes. Neles a artista abandona as súas intervencións espontáneas e a palabra transmítese por medio de dispositivos físicos como auriculares, proxectores ou altofalantes, que o espectador activa, mantendo a súa condición de performer, no encontro coa obra e o lugar nun momento preciso. A ausencia funciona como unha transposición da presenza, pois tal e como a artista defende, ‘a inacción tamén é unha forma de acción’

A exposición que presenta o MARCO componse de relecturas de pezas xa existentes, novas producións e documentación que se refiren a cuestións como a desaparición, a memoria ou o medo; tres aspectos do traballo de Loreto Martínez Troncoso que reaparecen ao longo da súa traxectoria, articulados por unha linguaxe que a artista usa, consciente do poder de nomear ou excluír. Primeiro en francés —estudou Belas Artes en Burdeos e Lión, e realizou a maior parte da súa carreira en Francia—, despois en castelán, galego, euskera ou portugués —na actualidade vive no Porto—, as súas pezas articúlanse a xeito de fragmentos ou citas na sala de exposición, como un espazo de resonancias. Cada unha das súas obras enténdese como un traballo en proceso, un fragmento dun corpus maior, pois como escribía o crítico e comisario François Piron nun dos recentes textos sobre a artista, ‘Dende hai varios anos, o traballo de Loreto Martínez Troncoso se constrúe exclusivamente a partir do texto —talvez, para ser máis exactos, dun só e único texto, sempre subxacente, retomado e aumentado ao longo das distintas aparicións’.

A exposición iníciase con Finalmente, ¿con o sin título? —domingo, 21 de junio de 2009—, 2011, un texto falado que funciona como reactivación dunha situación de presenza (e de presente) anterior. Gravado en soporte vinilo, invita ao espectador a activalo colocando a agulla sobre o disco e permitindo a súa existencia durante un tempo determinado, marcado polo propio visitante e polo soporte, cun principio e un fin. O texto, unha performance na que se alude á busca de novos espazos aos que se dirixir, fai un percorrido dende que a artista ‘comezou a falar’, a ‘tomar a palabra’, ata o momento presente, e incorpora outro elemento que funciona como aceno cara ao espectador: que fai esa planta situada ao carón do tocadiscos? Funciona como representación física no espazo, como a transposición a un obxecto dun extracto da peza sonora no que a artista exclama: Boas noites, estou aquí dereitiña como unha planta!

Así como estas palabras están dirixidas a ‘vós’, a peza sonora En la noche, 2010, diríxese a un ‘ti’, a un só espectador ao que invita a un encontro ‘entre ti e eu’. Orixinalmente instalada no FRAC des Pays de la Loire —exposición Les vagues, realizada no marco dos XXIV Ateliers Internacionaux—, fronte á única ventá ou apertura ao exterior do espazo expositivo, tradúcese agora do francés ao castelán e adquire unha nova temporalidade e situación, de costas ao exterior.

Unha das salas reúne compilacións ou fragmentos de procesos, quizais documentación, quizais aquilo que se sitúa nas marxes das obras. A proxección en power point titulada ‘Viaje alrededor de mi cuarto’ o ‘Un cuarto propio’ podrían ser el título, si un título hubiese que darle. Y, entre paréntesis: (una lectura para un domingo), 2011, funciona como unha lectura visual formada pola recompilación de fragmentos visualizados, lidos, ditos, escoitados, escritos, extractos de múltiples procedencias e autorías. Retallos que existen en paralelo á súa escritura ou ao seu traballo máis visible, tratados dunha forma máis brute. Composta ao xeito dun cadáver exquisito, a ‘lectura’ fía uns fragmentos con outros provocando encontros imposibles, como o dunha ostra coa anarquista Voltairine de Cleyre ou o de Francis Ford Coppola con Nina Simone, que nun momento dado evoca un dos temas que se repiten na exposición: ‘ser libre é o máis parecido a non ter medo’.

Loreto Martínez Troncoso evoca o ‘paso ao acto’ como signo de liberdade tamén na proxección de diapositivas Pela estrada fóra, 2011, unha autoficción construída a partir de restos da memoria dunha viaxe realizada en soidade pola costa de Portugal durante o inverno de 2008. Arquivo dunha viaxe retomada máis tarde en pezas como Finalmente, ¿con o sin título?, e iniciado como práctica da fuxida, representa non a viaxe en si, senón o que puido ser esa viaxe física que a artista inicia despois de anunciar, durante unha performance en 2006, que ‘o momento de irse lonxe de todo’ chegara. Nese momento o seu traballo adquire a connotación de autoficción e o seu contido vai marcando a continuidade, o ‘paso ao acto’.

Estas pezas forman parte das marxes que a artista fai visibles agora, os arredores fragmentados, nos que inclúe unha selección de debuxos realizados no mes de decembro de 2010 a partir de entrevistas a alumnos de Infantil e Primaria do CEIP García Barbón de Vigo, nas que se lles preguntaba sobre as súas reaccións ante o medo. A entrevista é un recurso utilizado pola artista en anteriores ocasións e que lle permite ceder a palabra ao outro, como na peza relacionada con esta que se sitúa no outro extremo do espazo: ‘No sé si me da miedo la muerte, no sé casi nada desde que llegué al mar’ [sobre el miedo, esbozo#1], 2011, unha instalación sonora en 10 canles que nos fala de vivencias impostas, de educación, a partir de fragmentos de entrevistas realizadas por Loreto Martínez Troncoso en Vigo e Nigrán (IES Val Miñor) con diferentes grupos de idade: nenos, adolescentes, e adultos. A partir destas entrevistas illadas, a artista invita ao espectador a entrar nun diálogo, para reflexionar sobre conceptos como o medo, a perda, a soidade. É parte dun proxecto a longo prazo, tamén sobre o silencio, ou sobre aquilo que ten que ver coa imposibilidade de pasar ao acto, coa liberdade.

Os traballos de Loreto Martínez Troncoso incorporan elementos desas marxes ou escondedoiros onde habita o invisible e dende onde emerxe o visible. Diso fálanos a peza Vergadering der Dieren, 1965-1975 [Asamblea dos animais], facsímile dun óleo sobre lenzo de autoría descoñecida e pertencente á colección do Tropenmuseum de Amsterdam. A artista aprópiase da imaxe e úsaa como punto de partida para reflexionar sobre a dicotomía exterior-interior. Os subsolos, os lugares de retiro ou ocultamento, representados no nivel inferior do cadro, transpórtannos ao espazo oculto onde conviven pensamentos ou actitudes non aceptadas ou non tan visibles. Toda enerxía interior sae por algunha vía á superficie.

A exposición complétase cun texto en transparencia sobre a parede [Un día escribí, sin fecha], publicado orixinalmente por NEKaTOENEa, residencia de artistas Domaine d’Abbadia, Hendaya, e unha edición especial realizada pola artista para esta exposición. Xunto a iso, un pensamento proxectado na parede —hay algo que me afecta y necesito reaccionar— para referirse de novo á necesidade do ‘paso ao acto’, equiparable ao momento de ‘tomar a palabra’. Seguimos falando de transposicións ou alteracións, de temporalidades, como as que nos anuncia a biblioteca constituída por libros que a artista leu e lerá. No seu interior hai catálogos de exposicións —de novo, transposicións das obras— ou relatos que a acompañan na súa busca infinita. En suma: restos, fragmentos, citas, palabras; pasados, presentes, futuros’’.

Agar Ledo Arias e Iñaki Martínez Antelo
[Extracto do texto para o catálogo da exposición]

Comisariado

Agar Ledo


Agar Ledo
é responsable de exposicións do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, onde ten dirixido e coordinado os proxectos expositivos durante unha década. Comisariou exposicións de artistas como Ánxel Huete, Grace Schwindt, Gintaras Didžiapetris, Patricia Esquivias, Pedro Barateiro, Carlos Bunga ou Diego Santomé, ademais de propostas centradas na análise da produción cultural en Galicia e nas implicacións sociais e políticas que rodean á práctica artística. Cun Mestrado en museoloxía e estancias de formación no Fred Jones Jr. Museum of Art (Norman, OK), Le Consortium (Dijon), Musée d’art contemporain de Lyon e no ICI-Independent Curators International (Nova York), a súa carreira profesional ten transcorrido en espazos como o CGAC (Santiago de Compostela, 1998-2004), a Fundación Luís Seoane (A Coruña, 2005) ou a primeira BIACS (Sevilla 2004-2005), onde traballou como coordinadora no equipo de quen foi un dos máis visionarios comisarios e historiadores da arte do século XX: Harald Szeemann. Escribe regularmente en publicacións especializadas e é membro do Consello de redacción da revista Grial. Imparte docencia en distintos cursos de posgrao, como o Mestrado en Arte Contemporánea, creación e investigación (UVigo, 2016-2017), o Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural (USC, 2015-2017) ou o Mestrado en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas (USC, 2008-2012). 

Iñaki Martínez Antelo


Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é director do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, dende o 18 de novembro de 2005. É licenciado en Historia da Arte Contemporáneo pola Universidade de Santiago de Compostela, e máster en Estética e Teoría da Arte polo Instituto de Estética adscrito á Universidade Autónoma de Madrid. Tras o seu paso polo Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (1996-1998), foi coordinador de exposicións no Auditorio de Galicia (1998-2002) e coordinador de actividades culturais en Casa Asia, Barcelona (2002-2003). Dende o ano 2003, pouco despois da súa inauguración, viña desempeñando o cargo de responsable de exposicións do MARCO, ata que, tras un concurso público, foi designado director a finais de 2005. En febreiro de 2011 é elixido presidente da Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España.