LUZ NA ESCURIDADE. Fotografías dende o cárcere
Por primeira vez, persoas internas no Centro Penitenciario A Lama mostran a súa vida cotiá a través das súas propias fotografías. As imaxes exhíbense en varios paneis situados na Galería B3, o espazo de Didáctica no 1º andar.
Resultado do proxecto “Fotografía en curso”, no contexto do Plan Proxecta (Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, AGADIC, CGAI)
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, en colaboración coa EPAPU Nelson Mandela, C.P. A Lama
Do 11 ao 18 de maio de 2023
Aberto ao público en xeral
Actividades para escolares (alumnado a partir de 4º ESO, Bacharelato e FP)
Venres 12 e martes 16 de maio, de 10.00 a 11.30 (1ª quenda) e de 11.30 a 13.00 (2ª quenda)
Previa reserva a través do email comunicacion@marcovigo.com
O proxecto LUZ NA ESCURIDADE nace froito do traballo do alumnado da EPAPU Nelson Mandela ao longo do curso 2021/22, no contexto do programa Fotografía en curso (Plan Proxecta), dirixido a todos os centros de ensino de Galicia, que parte dun programa de prácticas e visionados compartidos por diversos centros educativos, e dunha metodoloxía dirixida a fomentar o traballo cooperativo, interdisciplinario e competencial, coa colaboración de profesionais expertos nas artes da imaxe.
A EPAPU Nelson Mandela é un centro de adultos inserido no cárcere da Lama. Este feito e o seu estrito réxime interno condicionan, sen dúbida, o labor docente e limitan os recursos dispoñibles, incluída a restricción de acceso ás novas tecnoloxías, e moi especialmente o contacto co exterior. Por todo isto, decidiron realizar actividades “diferentes ás habituais” para dinamizar o centro e motivar o alumnado mediante unha metodoloxía compartida e máis participativa.
+ INFO sobre o desenvolvemento do proxecto na Lama, contidos e metodoloxía, en:
https://www.edu.xunta.gal/eduga/2352/plan-proxecta/luz-na-escuridade
A través de diferentes propostas temáticas (espazos baleiros, dende a ventá, retratos, diarios de luz) foron elaborando un proxecto fotográfico formado por 35 composicións, entendidas como un todo, cun total de 102 imaxes seleccionadas entre máis de 900.
“Unha vez roto o tabú de realizar fotografías na escola, da utilización das cámaras por parte dos internos e internas, e do uso da súa propia imaxe, quixemos dar visibilidade á realidade penitenciaria cara ao exterior, co fin de romper estigmas e dar unha imaxe máis real de cómo é a vida tralos muros dun cárcere e de cómo eses muros non son quen de poñer límites á súa creatividade.” [Extracto do limiar da publicación Luz na escuridade].
Neste contexto educativo inscríbese a exhibición dunha selección destas imaxes nas salas do MARCO. Un lugar que no pasado foi tamén cárcere e xulgados, e que hoxe se abre para acoller este proxecto compartido, co obxectivo de contribuír á sensibilización e divulgación doutras realidades non sempre ben comprendidas.
O proxecto complétase coa iniciativa BIBLIOTECAS HUMANAS: historias de vida en primeira persoa, que se desenvolverá na mesma sala o 11 e o 18 de maio, coincidindo co Día Internacional dos Museos.