rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Exposición Industrial de Galicia. Entrada principal Vigo, 1944. Imaxe cedida por Consorcio Zona
Carlos Maside García Cartel de Vigo (proxecto), 1929. Préstamo do Museo Provincial de Pontevedra.Foto:MARCO Vigo/Enrique Touriño
Nu feminino. París, c. 1925. Colección M&M, Santiago de Compostela. Foto: MARCO Vigo/Enrique Touriño
Nu con dous cervos. Escola europea, c. 1930. Colección ISADORA, A Coruña. Foto:MARCO Vigo/Enrique Touriño
Máximo Ramos .O baño, c. 1930. Colección M&M, Santiago de Compostela. Foto: MARCO Vigo/Enrique Touriño
Mesa de noite art déco. Francia, c. 1930. Colección ISADORA, A Coruña. Foto: MARCO Vigo/Enrique Touriño

ÁLVARO DE LA VEGA. A Árbore da vida. [Ciclo METRÓPOLE. Perspectiva urbana da arte galega]

Ficha

Datas: 
22 febreiro 2019 - 2 xuño 2019
Lugar: 
MARCO, salas de exposición do primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Rubén Martínez Alonso


METRÓPOLE. Perspectiva urbana da arte galega


Coa mostra de Álvaro de la Vega, a serie de exposicións METRÓPOLE, comisariada por Rubén Martínez Alonso, chega á súa terceira etapa. Este ciclo naceu cun dobre obxectivo: facer unha viaxe ao pasado, ao Vigo dos anos vinte, cando se estreou na cidade o filme de Fritz Lang Metropolis; e a un tempo ofrecer unha visión do panorama artístico galego actual. A proposta comprende unha serie de exposicións individuais, como visión do presente, e unha parte común a todas as mostras, como referencia do pasado.

O proxecto está concibido en dúas áreas claramente diferenciadas, tanto na montaxe como en contidos, distribuídas nos espazos do primeiro andar: por unha banda, a correspondente ao pasado, representada por unhas salas nas que, a partir da referencia ou homenaxe ao filme Metropolis, se procura recrear o ambiente da cidade de Vigo nesas décadas iniciais do século XX, mediante planos e imaxes de arquitectura vangardista, fotografías e documentos de época, xunto a mobiliario, obxectos, vestiario e pezas decorativas de estilo art déco. Nesta terceira achega do ciclo, a parte xeral céntrase especialmente na era das grandes exposicións universais e industriais e o seu reflexo no Vigo dos anos corenta, xunto a exemplos de arquitectura de posguerra e fotografía histórica galega.

Por outra, as salas frontais do primeiro andar acollen, a partir do 22 de febreiro, a exposición de Álvaro de la Vega como terceira mostra individual do ciclo.

ÁLVARO DE LA VEGA. A Árbore da vida

Baixo o título A Árbore da vida, a mostra reúne un bo número de pezas escultóricas procedentes da colección do artista que conforman a grande instalación, producida especificamente para este proxecto, que dá nome á exposición.

En liña cos obxectivos e características deste ciclo, procúrase unha contextualización da obra en función das características, dimensións, iluminación e posibilidades de deambulación no espazo.

Álvaro de la Vega concibe A Árbore da vida —a presentación no MARCO dunha montaxe escultórica na que o artista leva traballando unha década— como unha soa obra, unha idea esencial materializada nunha única peza, composta por uns 375 individuos.

MOSTRA BIBLIOGRÁFICA

‘Fotografía histórica galega. O país como escenario’

Durante todo o período da exposición, a Biblioteca-Centro de documentación do MARCO acolle unha mostra bibliográfica con selección de publicacións de fotografía histórica cuxo escenario principal é Galicia. Ademais poderán consultarse os catálogos de exposicións anteriores no MARCO, nas que a fotografía histórica, cun carácter máis xeral, é eixe fundamental.

INFORMACIÓN E VISITAS GUIADAS


O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou inform
ación relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113904

Artistas

Álvaro de la Vega


Álvaro de la Vega
(Paradela, Lugo, 1954) cursa estudos de Belas Artes en Barcelona, sendo a pintura nesta fase formativa o seu medio de expresión habitual, con influencias da fotografía, a banda deseñada e mesmo o graffiti. De novo en Galicia, comeza a explorar a linguaxe escultórica, tomando como punto de partida as figuras humana e animal. O uso da pintura como medio para potenciar o valor expresivo da escultura será característico destas primeiras obras en madeira. Ao mesmo tempo que se vai consolidando a súa linguaxe escultórica, o artista experimenta con outros materiais, como o ferro, a cerámica ou a pedra, materias todas elas vencelladas á natureza e ás profesións tradicionais. A interrelación espazo-obra-espectador constituirá o eixo principal do seu discurso artístico. Con presenza en importantes galerías e institucións, a súa obra forma parte hoxe de destacadas coleccións públicas e privadas.

Texto curatorial


ÁLVARO DE LA VEGA. A Árbore da vida

A Árbore da vida constitúe, sen dúbida, un dos principais arquetipos ou mitemas das grandes mitoloxías. Ademais, a inherente sacralidade do concepto enraíza —ou entronca— nunha longa tradición filosófico-relixiosa, que funde en aperta as civilizacións de Oriente e Occidente. Alquímica pedra filosofal, elixir da eterna xuventude, a Árbore da vida simboliza para o catolicismo aquela incólume humanidade, a duns homes e mulleres sen mácula, alleos aínda a ese maldito pecado orixinal que precipitará a súa caída. Os seus froitos: o pan e máis o viño, especies estas que, mediante a transubstanciación operada durante a consagración eucarística, se converterán en corpo e sangue de Cristo.

Pero, a Árbore da vida de Álvaro de la Vega posúe unha aparencia que dista moito da que podía presentar aqueloutra árbore do paraíso mencionada no libro da Xénese. Porque a súa é, en realidade, unha árbore caída. As pólas xa non garduñan o ceo, diabolicamente confinada na terra. Porén, Álvaro de la Vega decide non facer leña da árbore espiritualmente caída. E así, a súa machada golpeará con saña unha madeira en cuxa cerna se agocha o pecado orixinal, asumindo case o papel dun verdugo que executase, por mandato divino, un castigo exemplar: desenmascarar os responsables da deturpación da humanidade.

A escultura en madeira

A madeira é para Álvaro de la Vega moito máis ca unha simple alternativa. É a substancia idónea, o material óptimo, a materia prima perfecta para a transformación. Consubstancial. Por nacemento, vivencias e cultura. Un contexto no que a madeira participa, con divina omnipresenza e dende a infancia, nas actividades humanas. Onde os nenos a manipulan ata construír con ela os seus propios xoguetes. Vertebral. Pois só a través dos seus aneis poderían circular as ideas fundamentais. O parentesco vaise estreitando, intensificándose os afectos. Consanguínea. E enchida, gañando tridimensionalidade, dominando o espazo, asaltando o espectador con toda a súa lígnea natureza.

O material, primeiro. Sempre. Inerte. E o artista, o espectador, o percorrido, a idea e máis a vida, despois. Cortes que son as liñas dun debuxo que, boiante, testemuña o proceso, o cortexo, a cópula e o paristallo. Pois así de honesta resulta sempre a relación entre a madeira e a machada, ferramenta principal nos esponsais.

A memoria do material

Todas as pezas desta opus magnum comparten memoria, viaxe. Logo de medrar os eucaliptos no monte, as curtidas mans dos leñadores tallan uns troncos que van dar forma despois a bateas fondeadas na ría. O tempo, o mar e máis a oxidación dos seus cravos de ferro haberán de tinguir, de xeito natural, a materia prima coa que vai traballar o escultor. Madeira ennegrecida, morada. E, de novo, uns machadazos que, se ben non sempre son certeiros, logran apurar agora un labor na procura dos artísticos designios imbuídos por algunha musa.

Lixeiros toques de pintura en roupa interior e beizos femininos, máis nada. Sutil iluminación que non enmascare as cicatrices do traballo, os golpes asestados pola ferramenta, os sucos dun camiño que, con suma facilidade, poderiamos desandar. Un acabado, un resultado final que, en definitiva, posúa a autenticidade do vivido.

O campo da festa

As salas son agora o campo dunha festa sexual que celebra a “boa” vida e á que nós, por suposto, tamén fomos convidados. O espectador engrosa, deste xeito, as filas dos individuos pasivos. Pero, a súa pasividade é relativa. Pois, a diferenza dos personaxes lígneos, fronte ao seu berro xordo, conxelado, a nosa latexante natureza vai gozar do privilexio que lle concede a obra escultórica.

O movemento, a libre circulación polos diferentes espazos expositivos, a cuarta dimensión, en definitiva, será a que lle ofreza ao visitante unha obra única a cada paso que este dea. Percepcións particulares, singulares perspectivas que multiplican exponencialmente o valor deste traballo. Experiencias, acumuladas despois na nosa mente como recordos. Almacén de imaxes e ideas ao que un pode volver na procura de inspiración, ou simplemente movido pola nostalxia.

O Xardín das delicias

Benvidos a este particular Xardín das delicias! Un pseudoparaíso onde os seus habitantes sucumbiron ao pecado. A humanidade luxuriosa precipitándose cara ao baleiro, cara á perdición. A loucura apoderouse xa dunhas mentes enfermas. Un pracer sexual tan fugaz como a propia vida daqueles froitos, os da nosa Árbore da vida. Lascivas froitas ás portas da putrefacción.

Reinterpretación escultórica, polo tanto, dun famoso e histórico tríptico. Revisión e actualización do panel central da arquicoñecida pintura de El Bosco. Acto principal e único dunha representación teatral que ten o Xardín do Edén como virxinal preludio e o Inferno como apoteose necia.

Pero, por que presupoñer a vergonza e o rubor inminentes dos nosos personaxes? Por que non acabar dunha vez por todas coa misoxinia dun relato que fai de Eva nauseabunda encarnación do pecado? E se estivésemos diante da representación dun paraíso humano, a salvo de culpabilidades bíblicas e penitencias cristiás? E non nese futuro distópico que recrea Saramago en Las intermitencias de la muerte, co feliz desbaratamento dunha Igrexa que cimentou o seu próspero e milenario negocio sobre a figura daquela Morte que, inexplicablemente, fixo mutis polo foro. Non. A auténtica terra de promisión. Promesa dunha inmortal e implacable deusa de nome Liberdade, gobernante en cargo vitalicio do seu señorío en expansión. Só así A Árbore da vida será, por fin, A Árbore da “boa” vida.

Expresionismo primitivista

Dende finais do século XIX, a fascinación polas culturas primitivas deixarase sentir na arte occidental. Expresivas formas visuais de pobos ancestrais terán un oco dentro de vangardas históricas como o Cubismo ou o Expresionismo: máscaras de tribos africanas remotas, antigas pinturas exipcias, enigmáticas esculturas iberas, arcaicos tótems polinesios… Atraídos pola súa extraordinaria liberdade de expresión, as rupturistas concepcións volumétrica e cromática, ou a transcendencia ritual duns obxectos en contacto directo coas forzas e espíritos da natureza, os artistas máis revolucionarios van incorporar daquela á súa produción algún destes referentes. 

O achegamento de Álvaro de la Vega a presupostos primitivistas de marcado carácter expresionista responde a dúas motivacións fundamentais. Por unha banda, a súa conexión e querenza polo pasado escultórico. E pola outra, esa exercida militancia ideolóxica, que avoga por volver aos impulsos e materiais elementais, fronte á sofisticación dunha arte centrada no coñecemento. Unha aposta por esa arte transversal ao tempo.

Infancia e paisaxe interior

Na infancia xermola o futuro do ser humano. Iso é, polo menos, o que opina a psicanálise, disciplina freudiana para cuxo método esta etapa resulta decisiva, pois ha de determinar a estrutura de personalidade do individuo. Aló tamén, na súa propia infancia, sitúa Álvaro de la Vega a orixe das principais influencias, o seu particular xeito de filtrar a realidade, as claves da súa sensibilidade.

Deslocalización dunhas ideas sen demasiada xeografía. Enmudecido mapa físico. Paisaxe interior. Cultura de leñador. O neno que no fogar alimenta o forno. Regresión á infancia. Curiosidade infantil. Motor que fai avanzar o artista.

 

Rubén Martínez Alonso
Comisario da exposición

Comisariado

Rubén Martínez Alonso


Rubén Martínez Alonso
(Vigo, 1980) é licenciado en Historia da Arte pola USC Universidade de Santiago de Compostela, cursando posteriormente o programa de doutoramento en Linguaxe, Ciencia e Antropoloxía na UDC Universidade da Coruña. Co inicio da tese de doutoramento As sociedades recreativas na Galicia urbana (1850-1936), simultaneará a investigación coa docencia na Facultade de Xeografía e Historia de Santiago de Compostela. Na actualidade, é profesor de Xeografía e Historia no IES Fin do Camiño de Fisterra. A súa primeira incursión literaria tivo lugar no eido da poesía, da man da revista DORNA. Expresión Poética Galega, na que publicaría ao longo da primeira década deste século. Porén, non será ata 2017, con Camiño de ningures, cando presente o primeiro poemario. A novela iniciática 1980 (ano cero) viu a luz en 2011, á que seguirá A saudade do caracol en 2012. Con As escaleiras do Gran Hotel gaña en 2013 a XIV Edición do Premio Risco de Creación Literaria. A última novela, Vila Suárez, vén de ser publicada neste 2019. No ámbito da investigación, serán varios os estudos publicados: Imaginería lígnea de la iglesia parroquial de Ntra. Sra. del Carmen de Ferrol e El Casino de Vigo. Crónica ilustrada de la histórica sociedad de recreo (1847-1936), en 2006 e 2013 respectivamente. No mundo da arte, ten colaborado en diversas exposicións de pintura, como Paisaxes (Casa de Galicia, Madrid, 2009); Paisagens da Galiza (Casa da Cultura - Casa Barbot, Vila Nova de Gaia, Porto, 2010); El bosque de favilas (Afundación, Vigo, 2011); Post industrial (Centro Cultural Marcos Valcárcel, Ourense, 2012); Naturezas (Capitanía Marítima de Baiona, Pontevedra, 2012); Mostrarte (Alcaldía, Concello de Vigo, 2012); Xosé Luis Otero (Parlamento Europeo, Bruxelas, 2013); Efímero. The intensity of the ephemeral (AXA, Porto, 2014); Atmosferas (Fundación Vicente Risco, Allariz, Ourense, 2015), entre outras.