rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Araújo. Hereditas
Téllez. Letter on the Blind
Araújo. Nature vivante
Téllez. Letter on the Blind
Araújo. Mulheres d'Apolo
Téllez. O Rinoceronte
Araújo. Mulheres d'Apolo
Téllez. O Rinoceronte
Araújo. Happy days
Téllez. O Rinoceronte
Araújo. Todos os que caem
Téllez. O Rinoceronte

Máis que a vida - Vasco Araújo e Javier Téllez

Ficha

Datas: 
17 setembro 2010 - 9 xaneiro 2011
Lugar: 
salas de exposición do 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / CAM, Fundação Calouste Gulbenkian, Lisboa
Comisariado: 
Isabel Carlos

OBRAS EN EXPOSICIÓN

A exposición ‘MÁIS QUE A VIDA’, coproducida polo MARCO de Vigo e a Fundação Calouste Gulbenkian de Lisboa, ten como protagonistas aos artistas Vasco Araújo (Lisboa, 1975) e Javier Téllez (Valencia, Venezuela, 1969). O proxecto, comisariado por Isabel Carlos, podería definirse como unha dobre antológica que inclúe unha revisión dos seus traballos, ademais de pezas creadas especificamente para esta ocasión. A confrontación de obras de dous artistas supón un modelo curatorial pouco explorado, e formúlase aquí como unha mostra na que se pretenden destacar unha serie de aspectos en común. As salas acollen un conxunto de pezas de formatos variados —cinema, vídeo, fotografías, instalacións— se ben o nexo de unión non son os medios utilizados nas obras, senón os conceptos que as percorren.

CATÁLOGO

Con motivo desta mostra, o MARCO de Vigo e a Fundação Calouste Gulbenkian de Lisboa editaron un catálogo trilingüe (portugués-español-inglés) que inclúe dous ensaios de Jacinto Lageira sobre a obra de Vasco Araújo —Volver a quedarse mudo— e Javier Téllez —Esses outros que nos ligan; un texto de Gabriela Rangel sobre a dimensión afectiva da imaxe nas obras La Passion de Jeanne d’Arc (Rozelle Hospital) e Mulheres d’Apolo; unha entrevista inédita de Mark Beasley a Javier Téllez; e unha transcrición do texto de José María Vieira Mendes para a obra O morto de Vasco Araújo; ademáis dun texto da comisaria, Isabel Carlos, xunto con imaxes e información das obras en exposición.

INFORMACIÓN E VISITAS

O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00
  • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Síntese do proxecto

O MARCO inicia a tempada de outono cunha coprodución coa Fundação Calouste Gulbenkian de Lisboa; a exposición MÁIS QUE A VIDA, que pon en relación a obra dos artistas Vasco Araújo e Javier Téllez.

Vasco Araújo naceu en 1975 en Lisboa, cidade na que reside; Javier Téllez naceu en 1969 en Valencia, Venezuela, e vive entre Berlín e Nova York. Ambos os dous posúen xa unha notable traxectoria e unha crecente proxección internacional. Un exemplo, no caso de Araújo, é a súa recente exposición individual no Jeu de Paume de París e a adquisición de dúas das súas obras en vídeo polo Centro Georges Pompidou; no de Téllez, a súa presenza na última Bienal de Whitney (Nova York), ou a recente adquisición da obra A passion de Jeanne D 'Arc (Rozelle Hospital), 2004, pola Tate Modern de Londres.

Ambos os dous artistas pertencen pois á mesma xeración, pero este este dato biográfico non é a razón principal para unha mostra conxunta, senón o feito de que as súas obras posúen unha serie de características comúns que permiten un frutífero diálogo.

En primeiro lugar, as referencias á historia do cinema, que no caso de Téllez funcionan case a xeito de cita literal, como en La Passion de Jeanne d’Arc (Rozelle Hospital), na que incorpora ao filme orixinal de Carl Theodor Dreyer, A Paixón de Xoana de Arco (1928), diálogos escritos polas pacientes do Hospital Rozelle de Sidney. Nos vídeos do artista portugués, o cinema non aparece dun modo tan explícito e substancial, aínda que se perciben ecos de varias filmografías, dende Bergman ata Fassbinder, pasando por Almodóvar, Antonioni ou Oliveira.

Esta herdanza cinematográfica non é o único factor común, senón tamén o gusto polas grandes representacións clásicas, en especial a traxedia grega, a ópera no caso do artista portugués, e outros acontecementos históricos paradigmáticos. Tamén, a dimensión psicolóxico-psíquica, presente no traballo de Téllez con pacientes psiquiátricos; e no de Araújo a través de temas relacionados con disfuncións psicolóxicas e familiares ou con traumas sociais.

E por riba de todo, o que une a obra de ambos os dous artistas é a capacidade de facer visible o estraño, o incómodo, aquilo que moitas veces non se quere ver ou ao que non nos queremos enfrontar. Ambos os dous toman a vida como punto de partida para presentarnos zonas de invisibilidade e de prexuízos. En palabras da comisaria, “morte, vida, drama, ópera e fado percorren a exposición dun lado a outro: hai un exceso, un algo ‘máis que a vida’, en todas estas obras.”

A exposición reúne traballos antolóxicos, xunto a pezas creadas especificamente para esta mostra: o vídeo Mulheres d’Apolo de Araújo, e a vídeo-instalación O Rinoceronte de Durero de Téllez, filmada no panóptico do Hospital Miguel Bombarda en Lisboa. Un modelo arquitectónico moi utilizado en hospitais e prisións; e unha obra que adquire pleno sentido no edificio —a antiga prisión panóptica— que hoxe acolle o MARCO.

Artistas

Vasco Araújo

(Lisboa, Portugal, 1975; vive e traballa en Lisboa)

A obra de Vasco Araújo caracterízase pola multiplicidade de linguaxes e medios aos que recorre para a formalización das súas ideas. Utiliza dende a pasta de modelar ata o vídeo, a instalación, a performance ou o canto lírico. Vasco Araújo realiza unha reflexión plástica sobre a identidade, que aborda a través da máscara, da transformación, da narrativa e a linguaxe. A arte é para el un lugar privilexiado para establecer relacións entre a realidade e o artificio, entre o individuo e os outros, entre a vida e a morte.

Javier Téllez

(Valencia, Venezuela, 1969; vive e traballa entre Berlín e Nova York)

O traballo de Javier Téllez mostra un interese polas institucións de enfermos mentais e os comportamentos dos marxinados pola sociedade. As súas video-instalacións céntranse en desvelar as convencións sociopolíticas e cuestionan os conceptos de norma e alteridade. A súa mirada está alimentada xeralmente pola psicanálise e a socioloxía. Os seus vídeos combinan de forma paradoxal un contexto de recordos e confesións e unha posta en escena precisa e dinámica.

 

Texto curatorial


“Vasco Araújo (Lisboa, 1975) e Javier Téllez (Valencia, Venezuela, 1969) pertencen ao mesmo espectro xeracional, pero non é este dato biográfico a razón fundamental para expoñer as súas obras conxuntamente, senón, principalmente, que estas están ligadas por unha serie de características comúns e, dende logo, polo feito de que ambos os dous traballan a partir de referencias tomadas da historia do cinema. No caso do artista venezolano, dun modo claramente asumido e empregando a cita explícita, [...] ou mesmo utilizando o propio filme, como sucede en La Passion de Jeanne D’Arc (Rozelle Hospital) (2004), na que o artista usa o filme de Carl Theodor Dreyer, A Paixón de Xoana de Arco (1928), pero con novos diálogos entre as escenas, escritos por pacientes femininas do Hospital Rozelle de Sidney. No caso do artista portugués, o cinema non aparece dun modo tan explícito e material pero nos seus vídeos percibimos ecos de filmografías varias, de Bergman a Fassbinder, pasando por Almodóvar, Antonioni ou Oliveira.

Aínda que, como afirmou Mark Cousins, os vídeos abandonaron a sala de proxección, atravesaron a rúa e se instalaron nos museos e nos centros de arte, non deixa de ser interesante observar como estes dous artistas —e non son caso único na arte contemporánea— traballan co universo cinematográfico como unha especie de ready made a partir do cal se crean outros filmes e vídeos, outras obras. Pero non é só o patrimonio cinematográfico o obxecto do traballo para Téllez e Araújo, senón tamén as grandes narrativas clásicas —nomeadamente a traxedia grega, a ópera ou acontecementos históricos destacados e paradigmáticos.

O Rinoceronte de Dürer, o novo vídeo de Téllez, filmado no panóptico do Hospital Miguel Bombarda, en Lisboa, parte da historia portuguesa da embaixada que o rei D. Manuel enviou ao Papa a Roma en 1513, que incluía un rinoceronte vivo, animal ata entón descoñecido en Europa, como acto de demostración de poder e forza da corte portuguesa. O impacto do animal foi enorme, levando o pintor alemán Alberto Durero a representalo a partir de descricións de persoas que o viran. Como era de esperar, dado o proceso e o modo en que o ser humano se relaciona co que non coñece, o debuxo é fantasioso; é máis que a vida [...]

O artista, unha vez máis, traballa con enfermos psiquiátricos, concretamente do hospital de día, e eles son os actores desta obra que se desenvolve en torno á presenza dun rinoceronte embalsamado. Este é empurrado día e noite a través da estrutura circular do panóptico, entre o espanto dos homes e mulleres que habitan as celas-cuartos [...]

Traballar con enfermos mentais é unha constante na obra de Javier Téllez: fillo de psiquiatras, posúe unha familiaridade e proximidade co universo da enfermidade mental que lle permite crear situacións e obras nas que estes pacientes aparecen cunha grandeza e dignidade que foxe da imaxe estereotipada que temos das persoas con problemas psiquiátricos. El transfórmaas en protagonistas centrais e obríganos a nós, espectadores, a mirar cara aos seus rostros de preto, a fixalos e a interrogarnos sobre se son tan diferentes a nós.

Vasco Araújo, na serie fotográfica Todos os que Caem (2009), radicaliza este interrogante e fotográfase a se mesmo no Hospital Júlio de Matos como un tolo internado. A dimensión psicolóxico-psiquiátrica traspasa, polo tanto, as obras dos dous artistas; no caso de Téllez a través do seu traballo con pacientes, no de Aráujo porque frecuentemente aborda temáticas de disfunción familiar e psicolóxica e de traumas sociais —véxase, a título de exemplo, nesta exposición a obra Far de Donna (2005).

Pero a exposición mostra como hai outras zonas de contacto entre as dúas obras: os insectos resecos que aparecen en Nature Vivante (2005) de Araújo pertencen ao mesmo reino do rinoceronte de Téllez: o da taxidermia. Son animais que xa viviron, que xa morreron pero que continúan existindo porque foron embalsamados e conservados, é dicir, porque son máis que a vida. Tal como a arte, o teatro ou a literatura.

En Mulheres d’Apolo (2010), o máis recente vídeo de Araújo, o título procede non só do feito de ser filmado na Sociedade Filharmónica Alunos de Apolo e de que moitos personaxes sexan persoas que a frecuentan, senón tamén por evocar o mito de Apolo, o deus da mitoloxía grega que apoiou a Troia e as súas mulleres contra os gregos. O monólogo do vídeo, construído polo artista a partir de varios textos, ten pasaxes tomadas da obra teatral de Eurípides, As Troianas (415 a. C.), que precisamente relata a valentía, a resistencia e a intelixencia das mulleres de Troia fronte ao masacre perpetrado polos gregos. Que esas palabras sexan agora postas en boca dunha muller de mediana idade que busca unha fuxida da soidade e dos malos tratos do seu home nun salón de baile e vestindo roupas pretendidamente ‘glamourosas’, non deixa de achegar unha dimensión heroico-tráxica, pero tamén profundamente triste. Esta muller, que se nos ofrece a través da voz (a da actriz Lúcia Sigalho) e de planos parciais do corpo e cuio rostro só se nos revela ao final do vídeo, e o rostro, o mesmo que o corpo, entendemos entón, é o do propio Vasco Araújo nunha excelente interpretación —a muller é, finalmente, el. Este detalle remite a outra característica, que máis que calquera outra, une as obras dos dous artistas: facer visible o que en xeral non se quere ver. Morte, vida, drama, ópera, fado percorren a exposición de lado a lado: hai un exceso, hai un máis que a vida en todas estas obras.

[...] A voz é fundamental nesta exposición. En Letter on the Blind, for the Use of Those Who See (2007) —o título é unha tradución inglesa da obra de Diderot, Lettres sur les aveugles a l’usage de ceux qui voient, publicada en 1749—, Javier Téllez permítenos oír o que seis cegos senten ao entrar en contacto coa pel dun elefante. En Duettino (2001) e O Morto (2010), Vasco Araújo transforma, na primeira, un ser humano —una vez máis el mesmo— nunha especie de estatua branca de xeso que berra-canta repetitivamente un pequeno extracto da ópera Don Giovanni de Mozart, e na acción O Morto é unha estatua de madeira que 'fala' cun apuntador de teatro sobre quen domina e quen é dominado. A voz de Aldina Duarte en O Rinoceronte de Dürer irrompe no vídeo como un suplemento de alma, un exceso [...]

Nada nos advirte máis da voz e do son que a mudez, que a súa ausencia: a falta volve o ausente importante. Xa en Far de Donna o fillo só empeza a cantar cando a nai perde a voz e unha muller conta en linguaxe xestual o drama da nai. En Happy Days, Araújo transcribe nos cristais das ventás a obra teatral do mesmo título de Samuel Beckett (1960), pero elimina a fala, limítase a transcribir as didascalias: o diálogo, as palabras intercambiadas entre os dous personaxes desaparecen, quedando só as indicacións da acción corporal [...]

O filósofo Martin Heidegger prefería o modelo auditivo ao modelo visual. No modelo visual o mundo é dado como un camiño cara á claridade e distinción, mentres que no modelo auditivo o mundo é algo demasiado resistente e opaco, que crea ruído, un mundo de obstáculos e oposicións [...]

Em Sklavenstern não há hospitais nem psiquiatras porque todos são doentes mentais.

Fingimos o que não somos com o medo de sermos rejeitados.

A primeira frase é unha tradución libre dunha das frases que aparecen escritas nas lousas de Caligari und der Schlafwandler (Caligari and the Sleepwalker) [*Caligari e o somnámbulo, obra de Téllez incluída na exposición da Fundação Gulbenkian]; a segunda está tomada de Mulheres d’Apolo, e evidencian que ‘Máis que a vida’ é unha exposición que quere falar e mostrar o outro lado da cortina —en La Passion de Jeanne D’Arc (Rozelle Hospital), o forro da cortina vermella de veludo son sabas do hospital psiquiátrico Rozelle—, o que temos medo de ver ou de pensar, porque, no fondo, sabemos que o que separa o ‘normal’ do ‘non normal’, é ínfimo, escorregadizo, e que en calquera momento podemos ir dun lado ao outro coa mesma facilidade coa que abrimos e pechamos a cortina. Pero tampouco debemos esquecer o antigo precepto humanista de que nada humano nos debe ser estraño”.

Isabel Carlos
[Extractos do texto da comisaria para o catálogo da exposición]

Comisariado

Isabel Carlos

Isabel Carlos (Coimbra, Portugal, 1962) é comisaria independente e crítica de arte, e actualmente reside en Lisboa. Comisariou, entre outras, as seguintes exposicións: Sublime (Museu do Chiado, Lisboa 1994); The Day After Tomorrow (Centro Cultural de Belém, Lisboa 1994); Mediations (Palácio Galveias y Museu do Chiado, Lisboa 1997); Eve's - Paula Soares Triennial of India, (Nova Deli, 1997); Entrada Azul - Helena Almeida retrospective (Casa de América, Madrid 1998); Trading Images - one year international exhibition cycle (Museu da Cidade, Lisboa 1998); Initiare (Centro Cultural de Belém, Lisboa 2000); Helena Almeida: Inhabited Drawings (The Drawing Center, Nova York, 2004) ou a Bienal de Sydney de 2004, e máis recentemente Por entre as linhas (Museu das Comunicações, Lisboa 2007). Fundou e dirixiu o Instituto de Arte Contemporânea (IAC) entre 1996 e 2001, dependente do Ministério da Cultura de Portugal, onde iniciou e foi responsable durante 3 anos da súa colección internacional. No ámbito do IAC, entre outras actividades relacionadas co seu cargo, organizou as representacións portuguesas da Bienal de Venecia de 2001, London Art Biennial 2000, e Bienal de São Paulo de 1996 e 1998.