rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
“MANUEL COLMEIRO (1919-1939). Arte en tempos de desacougo”. [EXPOSICIÓN EN ITINERANCIA]

“MANUEL COLMEIRO (1919-1939). Arte en tempos de desacougo”. [EXPOSICIÓN EN ITINERANCIA]

Datas: 
16 xuño 2021 - 12 setembro 2021

A partir do 16 de xuño, a Fundación Gonzalo Torrente Ballester acolle na súa sede de Compostela a exposición “MANUEL COLMEIRO (1919-1939). Arte en tempos de desacougo”, patrocinada polo Concello de Vigo no contexto das actividades previstas na difusión da obra de Manuel Colmeiro.

Centrada no período de 1919 a 1939, a mostra xurde a partir das liñas de investigación abertas por Xosé Carlos López Bernárdez, comisario da exposición “Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos”, producida polo MARCO e concibida como un estudo e relectura do sentido, obxectivos e incidencia da obra dun dos pintores chave na historia da arte galega.

“MANUEL COLMEIRO (1919-1939). Arte en tempos de desacougo”
Fundación Gonzalo Torrente Ballester, Santiago de Compostela
A partir do 16 de xuño
Comisariado: Xosé Carlos López Bernárdez
Exposición patrocinada polo Concello de Vigo e organizada pola Fundación MARCO.

O pasado ano, como inicio da súa programación 2020, o MARCO Museo de Arte Contemporánea de Vigo inauguraba a mostra “Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos”, comisariada por Xosé Carlos López Bernárdez, cuxo obxectivo era ofrecer unha nova mirada sobre a obra dun dos pintores clave na historia da arte galega. Conformada por unha selección de obras procedentes do comodato Colmeiro e de diferentes coleccións, acompañadas de material documental, a mostra configurouse a partir dunha coidada investigación e relectura do sentido, obxectivos e incidencia da obra de Colmeiro.

Xunto á mostra en si, a investigación aberta por Xosé Carlos Bernárdez tivo como resultado a publicación Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos, editada polo Concello de Vigo, e o reforzo do compromiso de investigación, exhibición e difusión da obra do artista que se recolle no acordo de Comodato asinado entre o Concello de Vigo e a familia do artista

A exposición “MANUEL COLMEIRO (1919-1939). Arte en tempos de desacougo”, que acolle a Fundación Gonzalo Torrente Ballester a partir do 16 de xuño, inscríbese neste contexto de actividades de investigación e de colaboración entre institucións..

MANUEL COLMEIRO (1919-1939). Arte en tempos de desacougo

Manuel Colmeiro (1901-1999) ocupa un papel de primeira liña na renovación da arte galega, en especial nos anos anteriores á Guerra Civil e durante o conflito. Colmeiro compartía coa xeración de artistas galegos coñecidos como Os Novos (Maside, Souto, Torres ou Laxeiro) unha actitude ética e estética e unha común estratexia rexeneradora: tratábase de fertilizar a linguaxe da modernidade, adquirida co coñecemento da arte internacional, coa sabedoría autóctona, movido polo desexo de se mergullar no máis logrado da tradición para conseguir as mellores calidades da arte popular e medieval, pero cunha vontade evidente de intervención social. Non debemos esquecer que estamos nun período de crise e convulsión. No ámbito internacional e no nacional é un tempo ameazante, co agravamento das tensións sociais e o ascenso dos fascismos, e os artistas teñen que lidar con esa realidade punxente.

A finais dos vinte e na década dos trinta, a arte de Colmeiro reflicte a toma de consciencia perante a inestabilidade social e política. A expresión desta inquietude –que non coñece fronteiras nesta altura– toma forma nun realismo que compatibiliza a tradición da arte galega románica, barroca e popular e a inspiración na vida real. Dominan os temas inspirados no mundo obreiro e agrario tratados cunha visión de carácter social, de clase.

A Guerra Civil vai marcar un punto de inflexión vital e artístico en Colmeiro. As obras realizadas durante os anos da contenda, primeiro en Galicia e despois no exilio na Arxentina, manifestan con precisión a conmoción vital que supuxo o conflito e tamén a toma de postura, que tivera xa un claro precedente nas súas obras de temática social de finais dos vinte; todas indican un reforzamento do compromiso ético. Son traballos que presentan trazos máis expresionistas que os anteriores e reflicten a pegada do conflito, que o levan a converter as súas características composicións, como acontece coas maternidades, en representacións do sufrimento

Foto portada: Manuel Colmeiro. Sin título (La guerra), 1937. Tinta sobre papel. 26,5x39 cm.
Colección Concello de Vigo. Comodato Colmeiro.