rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Massimo Bartolini
Massimo Bartolini
Massimo Bartolini
Massimo Bartolini
Massimo Bartolini
Massimo Bartolini
Massimo Bartolini
Massimo Bartolini
Massimo Bartolini
Massimo Bartolini
Massimo Bartolini
Massimo Bartolini

MASSIMO BARTOLINI. HUM

Ficha

Datas: 
1 marzo 2013 - 19 maio 2013
Lugar: 
primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
Fondazione Musica per Roma
Comisariado: 
Anna Cestelli Guidi


PRESENTACIÓN


HUM
, de Massimo Bartolini (Cecina, Italia, 1962) é unha mostra comisariada por Anna Cestelli Guidi e producida pola Fondazione Musica per Roma, no contexto dun programa expositivo dedicado á arte sonora. A exposición de Bartolini rende homenaxe ao músico canadense Glenn Gould (1932-1982), e inclúe dúas instalacións sonoras —HUM, e Singing North— construídas a partir de dúas pezas de Gould: as vogalizacións ou tarareos [humming] do músico canadense na súa segunda gravación das Variacións Goldberg de Bach (1981); e o texto radiofónico The Idea of North (1967), un programa de entrevistas producido por Gould sobre o concepto xeográfico —e filosófico— do norte.

No caso de Vigo, a mostra inclúe un novo traballo realizado especificamente para o MARCO: a performance Lettura, que consiste na lectura en voz alta da famosa novela El malogrado, que Thomas Bernhard dedicou a Gould tras a súa morte. O conxunto complétase con Phonology of noise: the voice as sound object, retransmisión dende a web de Radical Matters - Editions/Label series, dunha selección de obras de artistas que experimentaron coa voz dende finais dos anos setenta.

OBRAS EN EXPOSICIÓN


Hum
, 2012
Gravación, en copia única, sobre vinilo de 12 polgadas formato ‘picture disc’, producido pola Fondazione Musica per Roma e editado, publicado, por Radical Matters – Editions/Label. Voz de Nicholas Isherwood, pintura mural, tocadiscos, amplificador, altofalantes

Singing North, 2012
Gravación de audio composta e interpretada por Nicholas Isherwood, micrófono con pé, altofalantes, público, debuxo de 500 x 270 cm

Lettura, 2013
Persoa, mp3

INFORMACIÓN E VISITAS


O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00

Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

INAUGURACIÓN


Venres 1 de marzo

ADEGAS GALEGAS convidará aos asistentes a degustar a colleita 2011 de D. Pedro de Soutomaior

CATÁLOGO


Con ocasión desta exposición, Fondazione Musica per Roma e Magazzino Arte Moderna, Roma, coeditaron un catálogo que inclúe un CD coas dúas obras sonoras, e un DVD no que o barítono Nicholas Isherwood canta HUM.

HUM. Catálogo, CD, DVD

Editado por: Fondazione Musica per Roma & Magazzino Arte Moderna, Roma, 2013

Síntese do proxecto


HUM
, do artista Massimo Bartolini, foi a mostra inaugural do novo programa expositivo de Fondazione Musica per Roma, dedicado á arte sonora: One Space/One Sound, un proxecto de tres exposicións ao ano para a sede do AuditoriumArte.

En HUM, Massimo Bartolini fai uso dun dos elementos máis presentes no seu traballo: o son. A exposición rende homenaxe a unha das personalidades máis xeniais e visionarias do século XX, Glenn Gould (1932-1982), coincidindo coas celebracións levadas a cabo en 2012 cando se cumprían oitenta anos do seu nacemento e trinta do seu pasamento.

As dúas instalaciones sonoras de Bartolini —HUM, e Singing North— están construídas en torno a dúas obras de Gould: as vogalizacións ou tarareos [humming] do músico canadiense na súa segunda gravación das Variacións Goldberg de Bach (1981); e o texto radiofónico The Idea of North (1967), un programa de entrevistas producido por Gould sobre o concepto xeográfico —e filosófico— do norte.

O famoso tarareo de Gould na súa gravación ao piano das Variacións Goldberg de 1981, transfórmase aquí nunha partitura vogal autónoma interpretada polo barítono Nicholas Isherwood. A través desta peza sonora, adaptada ás salas do primeiro andar do MARCO —cuxos muros foron pintados de cores para a ocasión, en sintonía coas tonalidades de Sol maior, tema dominante nas Variacións Goldberg— Bartolini transforma o espazo expositivo de forma sorprendente e inesperada, creando unha atmosfera de íntima beleza animada soamente pola presenza incorpórea da voz: unha voz sen corpo que, desprotexida do ego da presenza do artista, atopa agora o seu último significado na interpretación da audiencia.

No caso do texto radiofónico, a colaboración entre Bartolini e Isherwood deu como resultado a peza titulada Singing North, na que varios fragmentos do texto orixinal de Gould —descricións de tono filosófico e poético sobre a vida dos canadienses que viven illados no norte do seu país— son recreados e utilizados como libretto.

A performance titulada Lettura, creada especificamente para a exposición no MARCO, rende homenaxe a Gould mediante a lectura en voz alta, por parte do persoal de salas, da famosa novela El malogrado, que Thomas Bernhard lle dedicou tras a súa morte. O conxunto complétase, durante a inauguración, con Phonology of noise: the voice as sound object, retransmisión en vivo dende a web de Radical Matters - Editions/Label series, dunha selección de obras de artistas que experimentaron coa voz dende finais dos anos setenta. A partir de entón, esta gravación está dispoñible para os visitantes na Biblioteca-Centro de documentación del MARCO.

Con esta exposición, o MARCO de Vigo dá un paso máis na súa liña de proxectos expositivos relacionados coa arte sonora y con artistas que traballan co son. Un interese que tivo o seu reflexo en propostas temáticas como ‘A mostra invisible’ (2006), ‘Escoitar.org’ (2007), ou a individual de Loreto Martínez Troncoso dentro do ciclo ‘Entrar na obra’ (2011), ademais da presenza de pezas sonoras en numerosos proxectos e mostras colectivas de produción propia.

Artistas

Massimo Bartolini


Massimo Bartolini (Cecina, Italia, 1962)

Exposicións individuais (selección 2010-2013)

2013        Studio Matters + 1, Fruitmarket Gallery, Edimburgo, Reino Unido / S.M.A.K., Gante, Bélxica

2011        Basements, Galleria Massimo de Carlo, Milán, Italia; Serce na Dloni, Centre of Contemporary Art Znaki Czasu, Torun, Polonia (comisariada por D. Denegri)

2010        Dews, Institute for Contemporary Art Sofia, Sofía, Bulgaria (comisariada por I. Boubnova); -2+3: La collezione di Museion (con S. Arienti), Museion Bolzano, Italia (comisariada por F. Carazzato e L. Ragaglia)

Exposiciones colectivas (selección 2012-2013)

2012        Etchigo-Tsumari Triennial, Tokamachi, Japón (comisariada por Art Front); Documenta 13, Kassel, Alemaña (comisariada por C. C. Bakargiev); TRACK, Gante, Bélxica (comisariada por Philippe Van Cauteren e Mirjam Varadinis)

2011        Yokohama 2011: International Triennial of Contemporary Art, Yokohama, Xapón (comisariada por Akiko Miki); Terre Vunerabili, Hangar Bicocca, Milán, Italia (comisariada por C. Bertola); Sotto quale cielo?, Museo Riso, Palermo, Italia (comisariada por D. Bigi); The Edge of Becoming, Palazzo Fortuny, Venecia, Italia (comisariada por A. Vervhort, R. Martinez, D. Ferretti)

Texto curatorial


“O son ten xogado sempre un importante papel no traballo de Máximo Bartolini, que na exposición HUM rende homenaxe a unha das personalidades máis xeniais e visionarias do século XX: Glenn Gould.

Non obstante, non é tanto a figura do Gould músico a que interesa a Bartolini, como a do artista inconformista, a do home que abandonou unha carreira fulgurante no momento do seu máximo esplendor, illándose totalmente no gran Norte e ‘comunicándose co mundo só a través do estudio de gravación’. Esta foi a forma elixida por Gould para levar a cabo unha rigorosa investigación teórica e especulativa centrada na non-presenza, na transmisión do pensamento como pura voz, mediante a experimentación coas posibilidades que ofrecían os novos medios electrónicos, dende a técnica da montaxe ata a gravación de transmisións radiofónicas.

Os novos procesos tecnolóxicos do estudio de gravación permitiron ao visionario artista canadense facer realidade ese ‘abrazo global máis alá do tempo e do espazo’ do que falaba o seu amigo Marshall McLuhan nun ensaio pioneiro sobre os novos medios electrónicos —Understanding Media: the Extensions of Man— publicado en 1964, o mesmo ano en que Gould deixou os escenarios. Ao mesmo tempo, a tecnoloxía permitiulle levar á práctica a ‘morte do autor’ dos teóricos post-estruturalistas franceses neses mesmos anos, e ‘liberar’ —en palabras de Roland Barthes— o texto/obra da súa asociación tradicional co autor/artista, buscando o seu sentido último no destinatario; noutras palabras: no lector, no oínte.

Nesta exposición, as dúas instalacións de Massimo Bartolini están dedicadas á ‘historia de amor co micrófono’ —tal como foi definida recentemente— de Gould, pero máis en xeral á idea de gravación como presenza e como comunicación a distancia ao mesmo tempo. Están construídas en torno ao poder evocador e suxestivo da voz do músico canadense na segunda gravación das Variacións Goldberg, e no texto radiofónico The Idea of North.

O que Bartolini pon en escena en HUM é unha presenza sen corpo, puro son: o espazo baleiro, transformado nun ambiente sinestésico pintado de cores que se corresponden coas tonalidades de Sol maior —tema dominante nas Variacións Goldberg—, só adquire vida a través do murmurio, dos fonemas sen sentido que marcan o ritmo do fraseo musical. O famoso tarareo de Gould na súa gravación, HUM, de 1981, transfórmase nunha partitura vocal autónoma interpretada polo barítono Nicholas Isherwood: sons puros de grande forza evocadora animan o espazo, fragméntanse e recompóñense en la memoria, na percepción de quen escoita. Mentres tanto, o sorriso estático de Jagannath —a forma de Krishna asociada ao soño e á noite— cos seus grandes ollos abertos, xira hipnoticamente na portada do disco de vinilo, creando así un efecto similar ao que deberon ter as Variacións Goldberg no conde insomne para quen Bach as compuxo.

De forma similar, Singing North, a colaxe composta e interpretada por Nicholas Isherwood a partir do texto orixinal do programa radiofónico de 1967, leva ao extremo a idea de contrapunto desta peza de Gould, deixando que a imaxinación e percepción de cada individuo se despregue fronte a unha parede branca que canta; superficie neutra ideal para recibir as proxeccións do espectador/oínte.

O proceso de gravación, en ausencia da persoa do narrador, permite que a historia se despregue sen caras, sen límites figurativos. A ausencia do suxeito convértese así en premisa de algo que pode ser compartido por todos, facendo posible aquel abrazo co mundo, cunha comunidade global que consiste na coexistencia de voces, capaz de proxectar a quen escoita cara a unha dimensión compartida, libre de compromisos de autoría e autoridade: quizais o Norte, aquel Norte de Gould, coa súa imaxe mítica de utopía e liberdade, que traza o artista como memorando sobre un dos raios do gran mapa verde”.

 

Anna Cestelli Guidi
[Comisaria da exposición]

Comisariado

Anna Cestelli Guidi


Anna Cestelli Guidi
formouse como historiadora da arte en Roma e Berlín, e especializouse na transformación da teoría, a práctica expositiva e as estruturas museolóxicas das décadas de 1960 e 1970. En 1997 publicou un traballo sobre documenta, La documenta di Kassel. Percorsi dell'arte contemporanea, que segue sendo o único traballo de investigación histórica sobre a exposición escrito en italiano. Traballou en varias institucións españolas, entre as que destacan o CGAC de Santiago de Compostela, o MACBA e a Fundació Metrònom de Barcelona. Dende 2005 é directora do programa de artes visuais na Fondazione Musica per Roma, Auditorium de Roma. Creou o proxecto "Fluxus Biennial" (2010-2011) e comisariou as series de performances e concertos que acompañaban o ciclo de exposicións. Ademais das numerosas exposicións que ten comisariado no Auditorium, puxo en marcha o proxecto Sound Corner, que se leva a cabo unha vez ao mes, así como o programa de exposicións One Space/One Sound, de periodicidade anual.

Actividades

Phonology of noise : the voice as sound object. Retransmisión en directo dende a web de Radical Matters - Editions/Label

Phonology of noise : the voice as sound object. Retransmisión en directo dende a web de Radical Matters - Editions/Label

Datas: 
1 marzo 2013
Horario: 
20.00
Lugar: 
salón de actos


Con motivo da inauguración da exposición HUM, de Massimo Bartolini, terá lugar no salón de actos do MARCO a sesión titulada Phonology of noise: the voice as sound object, que consiste nunha selección de obras de artistas que experimentaron coa voz dende finais dos anos setenta, retransmitida en directo dende a web de Radical Matters - Editions/Label series.

Unha selección, comisariada por Sandro Gronchi, dedicada á acción creativa de gravar e/ou manipular a voz como obxecto sonoro. A sesión iníciase con experimentos clásicos de finais dos setenta, con correntes como Fluxus, poesía sonora, e composicións vogais extra-literarias; e recolle propostas de experimentos acusmáticos, radicalismos post-industriais, accionismo sonoro contemporáneo, rituais electroacústicos, accións de transcomunicación psicofónica, ou proxeccións de black metal de vangarda, entre outras.

Streaming: http://www.radicalmatters.com/metasound

+ INFO sobre RADICAL MATTERS - EDITIONS / LABEL en http://www.radicalmatters.com