rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Melodrama

Melodrama

Ficha

Datas: 
22 marzo 2003 - 22 xuño 2003
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
martes a domingo (festivos incluídos): de 11:00h a 20:00h. Venres de 11:00h a 23:00h.
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / ARTIUM Centro- Museo Vasco de Arte Contemporáneo de Vitoria / Centro José Guerrero / Palacio de los Condes de Gabia de Granada
Comisariado: 
Doreet LeVitte Harten

Obras na exposición

Esculturas: 11                      Instalacións vídeo: 10
Pinturas: 14                          Instalacións: 3
Debuxos: 23                         Fotografías: 5
Pinturas murais: 2              Series fotográficas: 2

 

Síntese do proxecto

Unha das liñas de programación do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, baséase en exposicións de tese e/ou temáticas, xeralmente colectivas e pluridisciplinares, de ámbito nacional e internacional. Destinada á planta principal do museo, esta serie comenzou coa mostra inaugural Cardinales e continúa agora coa posta en marcha de Melodrama . Esta última exhibiuse xa en Artium de Vitoria (con ocasión da súa inauguración) e no Centro José Guerrero de Granada.

O melodrama, entendido como a exteriorización e exaxeración dos sentimentos, tense convertido nun motivo central para moitos artistas actuais. A aproximación lóxica e fría da arte conceptual dos anos sesenta e setenta, e o interese máis histórico e sociolóxico que dominou a arte contemporánea ata finais dos oitenta, foron en boa parte reemplazados nos noventa pola valoración dos sentimentos.

Melodrama é unha exposición que recolle esta actitude. Nela participan 34 artistas que traballan en distintos campos da creación e sobre distintos soportes: pintura, escultura, fotografía, vídeo e instalacións. Non todos son melodramáticos por elección, intención ou xuízo. Pero todos recoñecen as posibilidades do xénero e, sexa por simpatía ou por un proceso crítico ou irónico, empregan conscientemente técnicas melodramáticas para consegui-los seus fins.

Un pouco de historia
O melodrama tivo a súa orixe en Francia e Inglaterra, e adquiriu as súas características específicas tra-la Revolución Francesa e mailos inicios da Revolución Industrial. Antes desta época, sólo os teatros oficiais podían facer uso da palabra nos seus espectáculos. Os teatros restantes, máis próximos á burguesía e ó proletariado emerxentes, comezaron a servirse de recursos como a esaxeración dos xestos e maila abundancia de melodías e efectos especiais para compensar esta carencia, o que cristalizou nunha nova linguaxe dramática. A pesar dos novos tiempos, estes recursos expresivos tiveran tanto éxito que a súa estética do exceso xa non se abandonou.

A mirada melodramática
O melodrama, como xénero, fixou un repertorio de tipos (o heroe, a heroína, o vilán), de xestos codificados (dor e alegría esaxerados) e de mensaxes estereotipadas (o final feliz, o virtuoso, o maligno); unha estética, en suma, que foi adoptada pola industria cinematográfica, pola publicidade, a televisión e os medios de comunicación. Desenvólvense así diversas semióticas intrínsecas a cada un destes medios que, pola súa banda, constitúen un rico repertorio lingüístico para os artistas plásticos actuais. Hoxendía, diluídas as fronteiras entre bo e mal gusto, numerosos creadores exploran nas súas obras a estética do melodrama e investigan os seus procedementos.

Mergullados nun mar de estímulos audiovisuais, abanados polo impacto de innumerables mensaxes lanzadas globalmente polos medios de comunicación masas e as industrias do lecer, estes artistas son moi conscientes de que o que antes se dicía nunha clave comedida, agora debe ser expresado “ó grande”. A esaxeración do sentimento é un motivo central para moitos deles, como os intentos de suliñar o “eu”, de atopar un siñificado máis fondo nun mundo alienado e desprovisto da idea do sagrado.

Algunhas das claves ou epígrafes que nos axudan a comprender mellor a aportación de cada unha das obras ó discurso expositivo son as seguintes:

  • A natureza melodramática (con obras como as de Robert Longo ou Stuart Klipper)
  • O melodrama no cine (Tracey Moffat, Farra Bajull)
  • O melodrama na televisión (Julian Rosefeldt, Christian Jankowski)
  •  O melodrama na música (Vasco Araujo, Natalie Melikian)
  •  As entrañas do melodrama (John Isaacs, Sue de Beer e Laura Parnes, Bryan Crockett)
  •  A estética do exceso (Liza Lou, Wim Delvoye, Francesco Vezzoli)

Artistas

    Azucena Vieites
    Bryan Crockett
    Christian Jankowski
    Dale Chihuly
    Darren Almond
    Farahl Bajul
    Francesco Vezzoli
    Glenn Brown
    Hiroshi Sugimoto
    Jane Simpson
    Joan Fontcuberta
    John Isaacs
    Julian J.B. LaVerdiere
    Julian Rosefeldt
    Kenny MacLeod
    Leopoldo Ferrán & Agustina Otero
    Lily van der Stokker
    Liza Lou
    Markus Muntean & Adi Rosenblum
    Nathalie Melikian
    Nigel Cooke
    Patricia Piccinini
    Paul Morrison
    Raymond Pettibon
    Robert Longo
    Sergio Vega
    Stuart Klipper
    Sue de Beer & Laura Parnes
    Tim Noble & Sue Webster
    Tracey Moffatt
    Valeriano López
    Vasco Araujo
    Victoria Civera
    Wim Delvoye

Texto curatorial

O melodrama adquiriu as súas características específicas a finais do século XVIII, coincidindo coa Revolución Francesa e mailos inicios da Revolución Industrial en Inglaterra. A monarquía francesa outorgara patentes reais a teatros oficiais como a Comédie Française e a Ópera Real, coa consecuencia de que só neles podíanse representar obras que incluísen textos verbais. Os teatros restantes, máis próximos á burguesía e ó proletariado emerxentes que á aristocracia, non tiñan permitido facer uso da palabra nos seus espectáculos. Para compensar esta carencia, comezaron a servirse de recursos como a esaxeración dos xestos e maila abundancia de melodías e efectos especiais, o que cristalizou nunha nova linguaxe dramática.

Trala Revolución Francesa permitiuse a tódolos teatros integrar textos falados nas tramas, pero os novos usos dramáticos tiveran tanto éxito que a súa estética do exceso xa non se abandonou. De feito, as clases que foran as súas destinatarias ían protagoniza-lo devir histórico, polo que, co ascenso social da burguesía e maila formación da clase obreira, o melodrama converteuse na forma canónica para reflectir e dar resposta ós seus novos problemas e aspiracións.

O mundo secularizárase e estaba a experimentar grandes progresos, pero a necesidade de afirmación da moralidade e da xustiza, e de diferenciación do bo e o malo, non desaparecera. O melodrama cumpriu entón o obxectivo de dar forma ós valores sobre os que ía cimentarse a nova sociedade, tales como a familia ou a superioridade moral dos pobres, os inocentes e mailos virtuosos. Para configurar mellor este novo universo simbólico, o melodrama fixou un repertorio de tipos: o heroe, a heroína e o vilán (personaxes que non podían esgota-la complexidade do carácter individual) nunca faltarían, como non faltarían a claridade da mensaxe nin o final feliz.

Esta estética foi adoptada de contado pola industria cinematográfica. Igual que as obras teatrais nas que se orixinou o melodrama, tamén as primeiras películas foron necesariamente mudas, de xeito que era natural que adoptasen os recursos que demostraran seren eficaces para superar ese obstáculo. Pero o certo é que a estratexia da esaxeración non desapareceu coa chegada do cine sonoro, senón que foi adaptada polo novo sistema audiovisual e contribuíu a crear un universo formal facilmente accesible para as masas.

A imaxinación melodramática encontrara o seu lugar propio na densa iconosfera que se estaba a despregar, pero a costa de cargar co estigma do mal gusto.

Agora ben, dende que a distinción entre bo e mal gusto comezou a esboroarse coa posmodernidade, o melodramático volveu ser explotado por numerosos artistas que exploran os seus procedementos característicos para expresarse de maneira excesiva. E fano sen complexos.

Mergullados nun mar de estímulos audiovisuais, abanados polo impacto de innumerables mensaxes lanzadas globalmente polos medios de masas, as industrias do lecer e maila publicidade, estes artistas son moi conscientes de que o que antes se dicía nunha clave comedida, agora debe ser expresado “ó grande”. A esaxeración do sentimento é un motivo central para moitos deles, como do eu nun mundo alienado.

MELODRAMA é unha exposición que recolle esta actitude. Participan nela trinta e catro artistas que traballan en distintos campos da creación: pintura, escultura, instalacións, fotografía, vídeo. Non todos son melodramáticos por elección, intención o xuízo. Pero todos recoñecen as posibilidades do xénero, e, sexa por simpatía ou por un proceso crítico, empregan a propósito técnicas melodramáticas para consegui-los seus fins.

Comisariado

Doreet LeVitte Harten

Doreet LeVitte Harten naceu en Tel Aviv e reside en Alemaña dende hai máis de vinte anos.
Estudiou Historia da Arte en Israel, Italia e Alemaña, e graduouse en Relixión e Antropoloxía Comparada na Universidade Hebrea de Xerusalén. En Israel traballou como crítica de arte para o diario Ha’aretz, e impartiu clases na Academia da Arte de Xerusalén. Dende a súa chegada a Alemaña, ten traballado como comisaria para as exposicións BiNationale Israel - USSR e Heaven na Kunsthalle de Düsseldorf, a exposición Power no Casino de Luxemburgo, e para outras mostras no Museo de Israel de Xerusalén, na Casa dos Artistas de Moscú, e na Tate Gallery de Liverpool, entre outras. Ten publicado un gran número de ensaios e libros sobre artistas e sobre arte contemporánea.