rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Mónica Alonso. Angustia fría – Angustia quente, 2009-2010. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Mª Antonia Dans. La frutera, 1960. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño.
Angela de la Cruz. Clutter with Wardrobes, 2004. Superclutter (red/purple), 2004. Loose Fit (Black), 2002. Foto: cortesía MARCO
María Xosé Díaz. Sen título, 1993. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Dolores Díaz Baliño. Hada, 1925 (detalle). Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Almudena Fernández Fariña. Guárdate de ese mal genio, 2000-2016. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño.
Menchu Lamas. Cabalum, 1997. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño.
Maruja Mallo. Basuras, 1930. Grajo y excrementos, 1931. El espantapeces, 1931. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Tatiana Medal. Sen título, 2001. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Rosalía Pazo Maside. Espazo reversible, da serie Holograma roto, 2000. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Soledad Penalta. Sons da historia, sen fin, nin límites, 2014. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño
Pamen Pereira. Mar glacial, 2008. Foto: cortesía MARCO Vigo/Enrique Touriño

MULLERES DO SILENCIO. De Maruja Mallo a Angela de la Cruz

Ficha

Datas: 
14 outubro 2016 - 16 abril 2017
Lugar: 
Planta baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 y de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Rosario Sarmiento

Mónica Alonso, Berta Cáccamo, Elena Colmeiro, Mª Carmen Corredoyra y Ruiz de Baro, Mª Antonia Dans, Angela de la Cruz, Mª Victoria de la Fuente, María Xosé Díaz, Dolores Díaz Baliño, Almudena Fernández Fariña, Mª Elena Fernández-Gago, Menchu Lamas, Maruja Mallo, Fina Mantiñán, Tatiana Medal, Julia Minguillón, Rosalía Pazo Maside, Soledad Penalta, Pamen Pereira, Beatriz Rey, Mercedes Ruibal.

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00.
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Síntese do proxecto

O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, inicia o último trimestre do ano cunha nova mostra de produción propia nos espazos da planta baixa. Baixo o título MULLERES DO SILENCIO. De Maruja Mallo a Angela de la Cruz, este proxecto presenta unha revisión ou relectura actualizada da exposición A arte inexistente —comisariada por Rosario Sarmiento para o Auditorio de Galicia en 1995—, que reunía obras de artistas mulleres en Galicia no século XX.

Daquela, o binomio existencia/inexistencia formulábase en relación coa posibilidade de acceso a unha formación académica como vía de profesionalización, con Maruja Mallo e Julia Minguillón como as primeiras artistas en iniciar este camiño. Vinte anos máis tarde, cando a posibilidade dunha formación profesional representa un feito indiscutible, a realidade segue a ser complexa, e esta evolución non ten descorrido en paralelo coa presenza e visibilidade das mulleres no entretecido artístico.

Dende a perspectiva do tempo transcorrido, situámonos no espazo histórico-temporal das primeiras décadas do século XXI, o que permite visualizar relatos, protagonismos e visións máis amplas sobre as achegas e o papel dalgunhas artistas na historia da creación plástica da Galicia contemporánea. A exposición percorre diferentes xeracións de artistas ata chegar a aquelas creadoras que acceden por primeira vez en Galicia a unha formación académica, tras a creación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra en 1990.

Desde o punto de vista estrutural, a exposición formúlase en catro ámbitos onde se procura analizar e afondar nos contextos nos que estas artistas traballaron, facendo fincapé en cuestións como o seu escaso protagonismo nos movementos de vangarda anteriores á Guerra Civil, a posguerra e a obrigada emigración cara a outros centros artísticos fóra de Galicia, a chegada da democracia, e os novos escenarios culturais e formativos nos que traballan aquelas artistas cuxas traxectorias comezan a desenvolverse nos inicios do século XXI.

A mostra reúne preto dun centenar de obras procedentes dun gran número de prestadores —institucións, museos, centros de arte, e coleccións particulares—, que por vez primeira se exhiben conxuntamente, ademais de documentación complementaria —nalgúns casos inédita— froito da investigación levada a cabo en arquivos e coleccións. Respecto á selección de obras en exposición, tívose moi en conta a relación co contexto histórico e temporal, elixindo pezas representativas de cada período, coa intención de manter e facer visible un fío condutor dende o punto de vista cronolóxico e argumental.

MULLERES DO SILENCIO coincidirá no tempo coa exposición que se está a preparar para o vindeiro mes de xaneiro nos espazos do primeiro andar do MARCO, comisariada por Anxela Caramés, e que suporá un primeiro achegamento ás prácticas artísticas feministas realizadas en Galicia dende os anos noventa.

Artistas

Mónica Alonso (A Fonsagrada, Lugo, 1970) 

Berta Cáccamo (Vigo, 1963) 

Elena Colmeiro (Costela, Silleda, Pontevedra, 1932)

Mª Carmen Corredoyra y Ruiz de Baro (A Coruña, 1893-1970)

Mª Antonia Dans (Oza dos Ríos, A Coruña, 1922 - Madrid, 1988)

Angela de la Cruz (A Coruña, 1965)

Mª Victoria de la Fuente (Vigo, 1927 – Madrid, 2009)

María Xosé Díaz (Catoira, Pontevedra, 1949)

Dolores Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963)

Almudena Fernández Fariña (Vigo, 1970)

Mª Elena Fernández-Gago (A Coruña, 1940-2011)

Menchu Lamas (Vigo, 1954)

Maruja Mallo (Viveiro, Lugo, 1902 - Madrid, 1995)

Fina Mantiñán (A Coruña, 1932)

Tatiana Medal (A Coruña, 1971)

Julia Minguillón (Lugo, 1906 - Madrid, 1965)

Rosalía Pazo Maside (A Estrada, Pontevedra, 1956)

Soledad Penalta (Noia, A Coruña, 1943)

Pamen Pereira (Ferrol, 1963)

Beatriz Rey (A Coruña, 1940)

Mercedes Ruibal (San Andrés de Xeve, Pontevedra, 1928 - Vigo, 2003)

Texto curatorial

 

“MULLERES DO SILENCIO”
De Maruja Mallo a Angela de la Cruz


A historia da arte occidental foi construíndo durante séculos os seus propios códigos, favorecendo o protagonismo da figura do creador masculino e excluíndo as mulleres dos principais movementos que conforman a historia da arte occidental. Esta visión da historia da arte como un discurso parcial e nesgado foi investigada por historiadoras como Linda Nochlin que en 1971, no xa considerado texto fundacional da crítica artística feminista, se preguntaba "Por que non houbo ao longo da historia grandes mulleres artistas?". Con iso non facía máis que formular no territorio artístico unha cuestión que se podía aplicar a calquera outro ámbito social ou cultural. A inexistencia de mulleres artistas non era consecuencia da súa propia natureza, senón do papel que ao longo da historia lle asignara a sociedade. Deste xeito, será a partir dos anos setenta do pasado século cando se inicie a construción/reconstrución dunha historia paralela que poñía en tea de xuízo a propia historia da arte e a súa valoración do traballo das mulleres artistas, relegadas a ser simples obxectos en lugar de suxeitos activos. En España esta construción/reconstrución, ese emprender o camiño cara á historia da arte feminista iniciarase a comezos dos anos oitenta do pasado século. En 1984 a Universidad Autónoma de Madrid, no seu seminario de Estudios de la Mujer, organiza unhas xornadas, cuxas actas foron publicadas baixo o epígrafe La imagen de la mujer en el arte español, e que ían ser o primeiro intento de achegarse ao estudio de mulleres artistas en España. Seguiría en 1987 o libro La mujer y la pintura en el XIX español: tese doutoral de Estrella de Diego, unha das máis sólidas e importantes investigadoras e estudosas do papel da muller na creación artística en España. Será xa na década dos noventa cando o achegamento feminista á historia da arte se "normalice": en 1992 tradúcese o libro de W. Chadwick Mujer, Arte y Poder; publícase “El andrógino asexuado”, de Estrella de Diego, e comezan a realizarse exposicións en torno á recuperación e revisión da obra de mulleres artistas —"100%”, "Territorios indefinidos" (1995); "El rostro velado" (1997); "La batalla de los géneros" (2007)— e a publicarse traballos como Bajo vientre (1997); Apariencia e identidad masculina, de la Ilustración al Decadentismo (1996) de Carlos Reyero; ou Historias de Mujeres, historias del arte (2003) de Patricia Mayayo.

En Galicia ese achegamento feminista á historia da arte, ou esa revisión do acontecido co papel cumprido polas mulleres ao longo do século XX, ten as súas primeiras referencias nas Bienais de Artistas Galegas (1987, 1990, 1994 e 1997) organizadas polo colectivo Alecrín que empezaron a sacar á luz o traballo exclusivo de mulleres, ás que seguiron exposicións como "Presente Plural" (1994); "A arte inexistente" (1995); "Nos-outras. Pintoras, poetas e orgullo de ser muller" (1997);

"Clónicas" (2004); "Marxes e mapas" (2008); "Generosas y fuertes" (2009); "Artistas. Proxectos de visibilización", “Elas fan tech" (2013). No aspecto documental cabe destacar a importante achega do recente informe, Arte+Mulleres. Creadoras galegas (2015) realizado polo Consello da Cultura Galega e dirixido por Mª Luisa Sobrino, onde se revisa pormenorizadamente o protagonismo das artistas en Galicia en diferentes ámbitos, entre os anos 1990-2013. As súas conclusións desvelan que a pesar do avanzado no terreo da promoción e difusión das artes plásticas, as cifras da desigualdade entre artistas mulleres e homes en Galicia seguen sendo unha realidade, ou o que é o mesmo a constatación de que "o recoñecemento artístico feminino segue sendo minoritario con respecto ao dos homes"[1].

É evidente que dende a década dos noventa, a presenza e o papel cada vez máis activo das mulleres na arte constitúe unha realidade nun mundo globalizado e por suposto, no mapa da creación artística en Galicia. Pero se tamén en Galicia, podemos falar neste momento de igualdade e mesmo de maior presenza entre mulleres e homes en termos de formación, o recoñecemento do traballo e polo tanto, o posicionamento dentro do que constitúe a armazón do sistema artístico, segue sendo minoritario con respecto ao dos homes. Sen ir máis lonxe, as porcentaxes de matriculación entre mulleres-homes na Facultade de Belas Artes de Pontevedra dende a súa creación no curso académico 1990/91, sempre estiveron nunha proporción próxima ao 70%-30%, mesmo nos estudos do terceiro ciclo, aínda que este acceso maioritario á formación e polo tanto á obtención, case sempre con cualificacións máis brillantes, dunha cualificación específica, non se equiparase co protagonismo que alcanzan no mundo profesional.

A súa presenza nas exposicións temporais de relevancia, coleccións de arte, programación de galerías ou repercusión mediática segue sendo escasa. Sirvan como exemplo algúns datos achegados por un informe realizado pola asociación profesional MAV (Mulleres nas Artes Visuais) publicado no ano 2014: as mulleres protagonizaron só o 20% das 973 exposicións que se organizaron en España durante os últimos dez anos, e soamente o 13% das artistas españolas figuran nas coleccións permanentes dos museos de arte contemporánea deste país. Máis recentes son os datos que a mesma asociación achega sobre a presenza das artistas na feira ARCO 2016, onde o número de mulleres representadas foi de 945 fronte a un total de 2.741 homes. En Galicia e seguindo o informe Arte+ Muller. Creadoras galegas[2], os datos de participación feminina en exposicións colectivas durante o período 1990-2013 en diferentes centros e museos, oscilan entre o 17 e o 30%. Con respecto ás exposicións individuais, as conclusións son contundentes: "canto maior relevancia e lexitimación teñen os espazos e ás institucións, menor presenza teñen ás mulleres artistas".

Por iso, e tal como afirmaba Rosa Olivares no editorial do monográfico Feminismo y arte de género publicado pola revista Exit[3], "parece que aínda o feminismo segue sendo necesario e non só como movemento radical, senón como un campo de estudo, un campo que se expandiu nos estudos de xénero e que nos presenta aínda máis preguntas por responder". Cuestións que nos deberían permitir afondar no que significa ser creador, pero engadindo que no caso das mulleres como afirma a historiadora Patricia Mayayo "non dende fóra da cultura, senón que se viron abocadas a traballar dentro desa mesma cultura pero ocupando unha posición secundaria, moi distinta á dos artistas varóns".

Todo este escenario é o que case dúas décadas despois, nos levou a formular unha relectura actualizada de "A Arte Inexistente"[4]. Dende a perspectiva do tempo transcorrido, situámonos no espazo histórico-temporal das primeiras décadas do século XXI para, alén de constatar as ausencias, intentar construír contextos, visualizar relatos, protagonismos e visións máis amplas sobre as achegas e o papel que cumpriron algunhas artistas na historia da creación plástica da Galicia contemporánea. Tomando como referente o acceso a unha formación académica que lles permite afianzar o seu carácter profesional, a exposición percorre diferentes xeracións de artistas ata chegar a aquelas creadoras que poden realizar por vez primeira os seus estudos superiores en Galicia, tras a creación da Escola de Belas Artes de Pontevedra en 1990.

Dende o punto de vista estrutural, a exposición formúlase en catro ámbitos onde se buscou analizar e afondar nos contextos nos que estas artistas traballaron, facendo fincapé en cuestións como o seu insignificante protagonismo nos movementos de vangarda anteriores á Guerra Civil, a posguerra e a obrigada emigración cara a outros centros artísticos fóra de Galicia, a chegada da democracia e o impulso dinamizador que van coñecer as artes plásticas en Galicia e finalmente, os novos escenario formativos nos que as nosas artistas comezarán as súas traxectorias nos inicios do século XXI.

As primeiras décadas do século XX marcan o nacemento de dúas artistas: Maruja Mallo (Viveiro, Lugo, 1902 - Madrid, 1995) e Julia Minguillón (Lugo, 1906 - Madrid, 1965), dúas pintoras radicalmente diferentes no xeito de concibir tanto a súa vida persoal como artística, mais cunha clara conciencia do que significa ser profesional. Ambas as dúas formaranse na madrileña escola de Belas Artes de San Fernando, pero os seus mundos creativos serán opostos: a adhesión aos postulados do surrealismo e unha actitude innovadora e rupturista, fronte a unhas concepcións vitais e artísticas de corte máis tradicional e academicista. Dúas liñas que se establecerán nos anos posteriores á Guerra Civil dende o exilio e o “regreso á orde” do novo réxime. Xunto a elas, Mª Carmen Corredoyra y Ruiz de Baro (A Coruña, 1893-1970) e Dolores Díaz Baliño (A Coruña, 1905-1963), converteranse nas dúas primeiras mulleres artistas membros de número da Real Academia Galega de Belas Artes ao seren nomeadas no ano 1938.

Tras a Guerra Civil e o exilio posterior de boa parte dos artistas galegos, fundamentalmente a América, as décadas seguintes marcarán unha etapa de penuria e aridez creativa que provocará a saída das nosas artistas fóra de Galicia, buscando nun ambiente de maior liberdade a oportunidade de poder formarse profesionalmente e coñecer novas tendencias e linguaxes creativas. Algunhas delas a plasmarán nunha pintura de territorios de intimidade como a de Mª Victoria de la Fuente (Vigo, 1927 - Madrid, 2009) e Mª Elena Fernández-Gago (A Coruña, 1940-2011); nas linguaxes abstractas de Fina Mantiñán (A Coruña, 1932) e Beatriz Rey (A Coruña, 1940); na figuración inxenuísta e popular de Mª Antonia Dans (Oza dos Ríos, A Coruña, 1922 - Madrid, 1988); ou na máis expresionista de Mercedes Ruibal (San Andrés de Xeve, Pontevedra, 1928 - Vigo, 2003), sen esquecer a innovación que Elena Colmeiro (Costela, Silleda, Pontevedra, 1932) traslada a un medio “tradicionalmente” feminino como é a cerámica. A partir dos anos setenta, outra muller evolucionará tamén dende a cerámica cara á linguaxe tridimensional, Soledad Penalta (Noia, A Coruña, 1943). Igualmente, a cerámica será o punto de partida para María Xosé Díaz (Catoira, Pontevedra, 1949).

A progresiva renovación que as artes plásticas tiveron en España dende comezos dos oitenta foi a resposta á necesidade do cambio cultural que a sociedade española demandaba tras a chegada da democracia. Estes anos suporán tamén, para as artes plásticas galegas, o inicio dunha dinamización que as porá en sintonía coas buscas e inquietudes doutros ámbitos tanto creativos como xeográficos: dende as novas linguaxes de Atlántica, nas que se integra como única muller Menchu Lamas (Vigo, 1954), presenciamos un número cada vez maior de mulleres artistas nun tempo marcado pola creación e demarcación de territorios individuais, nos que tamén algunhas, como Rosalía Pazo Maside (A Estrada, Pontevedra, 1956), comezarán a indagar sobre a cuestión da identidade. Berta Cáccamo (Vigo, 1963) e a súa pintura de vocación abstracta traballada en veladuras e campos de cor; o simbolismo poético e minimalista de Pamen Pereira (Ferrol, 1966); o triunfo fóra da súa terra da renovación do territorio pictórico de Angela de la Cruz (A Coruña, 1965); ou a pluralidade nas relacións sensoriais, cromáticas e espaciais de Mónica Alonso (A Fonsagrada, Lugo, 1970), son algún dos exemplos desta continua investigación dos camiños da linguaxe plástica.

A década dos noventa vaise iniciar en Galicia con dous novos e importantes referentes na normalización e difusión da arte contemporánea: a creación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (1990) e a posta en funcionamento do CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea (1993). A un escenario que propiciará o maior acceso do público a exposicións de carácter internacional e a inclusión de Galicia dentro dos circuítos da arte contemporánea, hai que engadir a presenza dunha nova xeración de artistas formadas na súa terra. Almudena Fernández Fariña (Vigo, 1970) e Tatiana Medal (A Coruña, 1971) pertencen á primeira promoción de artistas saídas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde se licencian en 1995, sendo incluídas nunha exposición de referencia obrigada para esa primeira xeración, 30 anos no 2000. Artistas galegos para un cambio de milenio. O medio pictórico, ben dende a constante reflexión sobre a pintura e os seus límites de Fernández Fariña, ou dende a creación de estruturas xeométricas e espazos abstractos de Medal, serán os contextos creativos destas dúas mulleres artistas que empezan a súa traxectoria no comezo do século XXI.

É evidente que neste século XXI temos xa asumido que a arte e a súa práctica non teñen xénero, aínda que máis complexo parece poder aplicar este criterio cando falamos da armazón do sistema artístico, que segue marcando en todas as súas facetas o feminino como "algo diferente" e polo tanto, moitas veces posto en cuestión. Será esa a razón para que aínda hoxe teñamos que falar dalgunhas das nosas artistas como Mulleres do silencio?

Rosario Sarmiento
Comisaria da exposición



[1] Arte+Mulleres. Creadoras Galegas. Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas. Mª Luisa Sobrino Manzanares (ed.) Consello da Cultura Galega, 2015

[2] Op. Cit., 2015

[3] OLIVARES, R.. Barbie en el país de las maravillas. Feminismo y arte de género. Exit Book, nª8, 2008

[4] A Arte Inexistente. As artistas galegas do século XX. Santiago de Compostela. Auditorio de Galicia, 1995.

Comisariado

Rosario Sarmiento


Rosario Sarmiento
Escalona é licenciada en Xeografía e Historia, cunha salientable traxectoria profesional na programación e xestión de proxectos culturais de diversa tipoloxía: artes plásticas, música, teatro, cinema, audiovisual, conferencias, publicacións, etc. Ten un amplo coñecemento do eido cultural e moi especialmente do relacionado co sistema da arte e o coleccionismo, crítica, mercado, museos e institucións, galerías e artistas.

Con máis de trinta anos de experiencia profesional, dirixiu a colección de arte Caixa Galicia, actualmente Abanca, e foi subdirectora da Fundación Caixa Galicia, cunha importante traxectoria na dirección e xestión dunha colección de arte corporativa, así como na selección de obras para a súa posible adquisición e de artistas para a programación de exposicións e actividades, e na organización, comisariado, coordinación, deseño e montaxe de exposicións. Colaborou con diversas institucións, entre outras, Academia de Belas Artes de Galicia, Auditorio de Galicia, Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Museo Casa Natal Picasso, Chillida-Leku, Casa del Lector Madrid, Museo e Bienal de Pontevedra, Museo das Mariñas e Museo Arqueolóxico da Coruña.

A súa actividade inclúe a xestión de proxectos culturais de amplo espectro, e a difusión de actividades culturais a través da organización e xestión de proxectos didácticos. Entre 1992 e 1996 foi crítica de arte no suplemento cultural de La Voz de Galicia, colaborando tamén en revistas especializadas como Arte Ibérica, Arte Omega e Arco Noticias. É autora e coautora de diversas publicacións, e foi membro fundador da Asociación Galega de Críticos de Arte. Ten comisariado, entre outras, as exposicións Carlos Sobrino; Si une grand'âge...; Julia Minguillón; A Xeración Doente; Contravento e Marea; A arte inexistente: artistas galegas do século XX; Urbano Lugrís: viaxe arredor do meu mundo; Territorio de mujeres; Isaac Diaz Pardo; Picasso: entre el equilibrio y el vértigo.

www.rosariosarmiento.gal