![‘NO NADAL, UN CONTO’. Obradoiros infantís de Nadal no MARCO](/sites/default/files/Talleres600x200_0.jpg)
‘NO NADAL, UN CONTO’. Obradoiros infantís de Nadal no MARCO
Para nenos/as a partir de 3 anos, sós ou acompañados de persoas adultas
Organiza: Concellaría de Normalización, Concello de Vigo / Centro de Interpretación da Oralidade, en colaboración co MARCO
ENTRADA LIBRE E GRATUÍTA ata completar aforo
• Hora límite de entrada: ás 12.15
• Máximo 3 nenos por adulto
ACTIVIDADES
‘Ríos que falan’ / Marta Álvarez e Beatriz Varandas (XOVES, 26 de decembro)
A partir de elementos básicos na creación plástica, elementos naturais, e materiais de uso cotiá, recreamos un río moi especial… un río que fala dos animais que o habitan, da flora que lles da vida, da súa morfoloxía, e tamén de toda a cultura e o patrimonio que teñen asociados: muíños, presas, tradicións, contos e lendas. Un achegamento aos ríos como realidade natural, ecolóxica e cultural.
‘Buscando unha estrela’ / María Soliño (VENRES, 27 de decembro)
A partir da letra dunha cantiga do mesmo nome, a actividade céntrase na historia dunha estreliña perdida no Nadal que vai buscando a un neniño que ten que alumear. Xogamos co texto e as imaxes para crear os nosos propios contos ilustrados de Nadal.
‘Contos afundidos no mar’ / Trini Puentes (MARTES, 2 de xaneiro)
Tras atopar na praia unha botella cunha mensaxe no seu interior, saberemos das historias sobre o mar que alí se recollían. Historias contadas que nos permitirán coñecer mellor a nosa contorna, e que terán o seu reflexo nos obxectos creados por cada participante.
‘O teatriño’/ María Soliño (MÉRCORES, 3 de xaneiro)
Esta actividade é unha adaptación dunha lenda popular, que leva por título ‘A serpe do Castro da Troca’. O obxectivo é achegar aos máis pequenos o interese polo teatro, coñecendo ao mesmo tempo unha pequena parte do vocabulario que pode ofrecer unha lenda popular galega. Durante este obradoiro creamos os personaxes, repartimos os papeis, e ensaiamos para lograr unha gran representación!