rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
NOITE BRANCA no MARCO

NOITE BRANCA no MARCO

Datas: 
5 agosto 2022

O venres 5 de agosto, o MARCO súmase, un ano máis, á celebración da Noite Branca, unha iniciativa do Concello de Vigo que ten como principal obxectivo poñer en valor o patrimonio da nosa cidade, desenvolvendo unha programación específica de actividades nos centros da Rede Museística e Expositiva do Concello de Vigo, dirixidas á cidadanía e visitantes nestes meses de verán.

Nesta noite especial, o MARCO amplía o seu horario de apertura ata as 2.00 da madrugada. O público poderá coñecer ou afondar nos contidos das exposicións temporais, e sumarse ás visitas guiadas conducidas polo persoal de salas.

Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta ata completar capacidade.

Visitas guiadas ás exposicións


Lugar: salas de exposición da planta baixa e do 1º andar
Horarios: ás 20.00 e 22.00 (exposición Francisco Leiro); ás 21.00 e 23.00 (exposicións Alfredo Alcain e Idoia Montón)

FRANCISCO LEIRO

O antropomórfico, 1986-2022
Salas de exposición da planta baixa
https://www.marcovigo.com/content/francisco-leiro-o-antropom-rfico-1986-2022

Este proxecto formula unha revisión da obra de Francisco Leiro (Cambados, 1957) ao longo de máis de tres décadas: un traballo centrado no antropomórfico, que é sen dúbida un dos eixes da súa produción. Deixando a un lado calquera sentido ou intención cronolóxica, búscase trazar a relación das obras cos peculiares espazos da planta baixa do MARCO, recorrendo tanto a obras xa realizadas coma a pezas de nova produción, específicas para esta mostra.

ALFREDO ALCAIN

1965-2021
Salas frontais, 1º andar
https://www.marcovigo.com/content/alfredo-alcain-0

A exposición de Alfredo Alcain (Madrid, 1936) reúne máis de oitenta obras dende 1965 ata 2021, entre pinturas, debuxos, e esculturas. A partir dunha selección de pezas que van sinalando distintas etapas do seu traballo, a montaxe articúlase como un itinerario circular polas salas frontais da primeira planta, sacando partido da estrutura e amplitude dos espazos.

IDOIA MONTÓN

As sete xanelas
Galería B1 e sala perimetral, 1º andar
https://www.marcovigo.com/content/idoia-mont-n-sete-xanelas

Producida por Sala Rekalde (Bilbao) e o MARCO, As sete xanelas é o nome da individual de Idoia Montón. O uso da xanela é un elemento reiterado ao longo de toda a traxectoria de Montón como medio para ver a realidade, a paisaxe ou a vida. Sublíñase a importancia do punto de vista, dunha mirada que nunca é normativa, directa ou centrada, senón lateral, múltiple e fragmentaria; así como a persistencia dos espellos e a imaxe reflectida. A mostra, concibida a través dunha serie de núcleos temáticos, formais e contextuais, está organizada en catro ámbitos: Un cuarto propio, Guerra, Barna, e Cos ollos abertos.