rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Obradoiro FABRICACIÓN DIXITAL

Obradoiro FABRICACIÓN DIXITAL

Datas: 
9 xuño 2017 - 10 xuño 2017
Lugar: 
#Salón do MARCO. Un lugar para facer
Prezo: 
15€

A fabricación dixital está a revolucionar o mundo das cousas, afrontando dende novas perspectivas e formulacións o deseño e construción de todo tipo de pezas e compoñentes. A fabricación dixital non só nos permite fabricar utensilios antes reservados a complexos procesos industriais, senón que tamén brinda a oportunidade dun entorno aberto de prototipado, cuestiona a eficiencia e finalidade do que nos rodea, e tende cara a unha implementación intelixente (smart) dos obxectos na chamada “Internet das cousas”.

A través do #SalóndoMARCO propoñemos a realización deste obradoiro facilitado polo colectivo Alg-a Lab, laboratorio de experimentación cultural posto en marcha en 2008 pola comunidade de artistas Alg-a (2003). Entre as súas liñas de acción destaca a investigación en torno á arte dixital, as residencias, a realización de workshops, e acolle a Radio Piratona, radio comunitaria de Vigo.

O Obradoiro terá lugar no #SalóndoMARCO o 9 e 10 de xuño. O venres 9 de xuño o horario será de 19.00 a 21.00. Habilitarase un espazo práctico onde se amosarán máquinas e diferentes pezas e posibilidades de impresión, e problematizarase a democratización das tecnoloxías de fabricación.

O sábado 10 de xuño, en horario de 10.00 a 13.00, abordarase de que modo a fabricación dixital e as novas tecnoloxías afectan ao proceso e resultados creativos de artistas, deseñadores, arquitectos, fotógrafos… sempre dende a base da mistura de disciplinas creativas co fío conductor da tecnoloxía; dende a súa perspectiva persoal e profesional. Ao mesmo tempo terá lugar unha oficina de asesoría para proxectos 3D printing.

Os mediadores deste Obradoiro de Fabricación Dixital son:

Marco Durán

Emprendedor social. Programador de Software. Membro da Makerversity Londres. Residente en Alg-a Lab. Socio Fundador da FabSpace Cooperativa. Coordinador da FabLab Vigo. Nos últimos tres anos ten investigado sobre os novos modelos productivos que se desenvolveron grazas non soamente ás tecnoloxías senón ao grado de masificación das mesmas, xurdindo novas formas sociais de interacción tecnolóxica cunha profunda transformación nas nosas sociedades.

Marta Verde

Artista visual e programadora creativa afincada en Madrid. Licenciada en Belas Artes e especializada en Media Arts e Tecnoloxías Dixitais para a Escena. Programa FabAcademy de especialización en fabricación dixital da Fab Foundation (MIT’s Center for Bits & Atoms). Desenvolve visuais, gráficos xerativos e interactivos, dispositivos electrónicos personalizados, wearables e instalacións interactivas para músicos, compañías de danza e teatro, artistas, deseñadores, institucións.

Información e matrícula:

As persoas interesadas poden solicitar a súa inscrición no email salondomarco@marcovigo.com indicando no asunto: “Obradoiro Fabricación Dixital”

O prezo de matrícula é de 15€ por participante.

Prazo límite solicitudes inscripción: martes 6 de xuño

A realización do obradoiro estará suxeita á inscrición dun mínimo de 10 participantes

Contacto Departamento de Comunicación e prensa

Marta Viana Tomé
Tel. +34 986 11 39 08 /11 39 03 / 11 39 00
marta.viana@marcovigo.com
http://www.facebook.com/marcovigo
@MARCOVigo3