rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
OS OLLOS NON QUEREN PECHARSE. Persistencias e resistencias da mirada na historia do cine

OS OLLOS NON QUEREN PECHARSE. Persistencias e resistencias da mirada na historia do cine

Datas: 
14 outubro 2014 - 19 maio 2015
Horario: 
martes de 19.30 a 21.00
Lugar: 
Salón de Actos
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: José Manuel López, , coa colaboración de relatores convidados nalgunhas das sesións
PRAZAS LIMITADAS. INSCRICIÓN E MATRÍCULA a partir do 9 de setembro
 
A historia da humanidade é tamén a historia da mirada. Da luz das estrelas ás sombras das cavernas, o ser humano tratou sempre de ver alén, de transcender a súa realidade cotiá. E coa súa insaciable pulsión escópica, coa súa resistencia a pechar os ollos, naceron tamén a ilusión, o sono e a fantasía: o desexo, en definitiva. O cinema chegou moito despois como a prolongación natural dese desexo. Este curso formúlase como unha pequena e parcial historia da mirada a través de películas e cineastas que se resisten a pechar os ollos, que se rebelan e nos revelan novas maneiras de ver e de dar a ver, ampliando así noso imaxinario. De Alfred Hitchcock a Werner Herzog; do melodrama dos anos corenta ao thriller dos setenta; de Jean Vigo, Jean Epstein e Jean Cocteau ao cinema experimental dos sesenta; de Yasujiro Ozu e John Ford a Philippe Garrel e Maurice Pialat; do cinema-ensaio ao cinema asiático contemporáneo; ou de Dziga Vértov a Luis Buñuel, que seccionou a mirada inocente do público coa mítica imaxe da navalla cortando un ollo. Esas miradas afiadas, abertas en canle, son as que buscaremos neste curso; miradas que, en ocasións, foron paradoxalmente veladas pola historiografía oficial e ás que trataremos de dar luz. Porque como dicía Jean-Luc Godard nas súas Histoire(s) du cinéma, ás que dedicaremos unha sesión, "o cinematógrafo nunca quixo producir un acontecemento senón, en primeiro lugar, unha visión".
 
Prezo de matrícula:
  • 180€ (desconto do 20% para membros da Agrupación de Amigos do MARCO e para estudantes, previa credencial), coa posibilidade de pagamento fraccionado nos prazos e condicións sinalados na ficha de inscrición.
  • Descontos especiais por inscrición en 2 e 3 cursos.
NOTA: para este curso estanse a xestionar solicitudes de recoñecemento de 2 créditos de libre elección (Universidade de Vigo), e horas de formación permanente do profesorado (Xunta de Galicia).

CALENDARIO E PROGRAMA
 
NOTA: durante a tempada 2014-15, por coincidir con festivos e outros eventos, non haberá curso os seguintes martes: 11 e 25 de novembro, 9, 23 e 30 de decembro, 6 de xaneiro e 31 de marzo. 

Sesión 1 (martes 14 outubro)
PRESENTACIÓN
O ollo da cámara (ou o cinema como pulsión escópica)

Sesión 2 (martes 21 outubro)
Entre unha imaxe e outra imaxe: a sintaxe sentimental do cinema
Que acontece entre unha imaxe e outra imaxe? Chega unha imaxe a converterse realmente noutra durante un fundido encadeado? Consegue realmente a “cámara lenta” demorar o tempo? Desprázase a nosa mirada durante un travelling? Nesta sesión faremos un percorrido polas “marcas visuais” máis recoñecibles da linguaxe cinematográfica e a súa capacidade non só expresiva senón tamén poética e sentimental.

Sesión 3 (martes 28 outubro)
Entre un son e unha imaxe: a audiovisión
Os cineastas de vangarda insistiron na natureza visual do cinema: “A imaxe éo todo”, chegou a dicir Fernand Léger, pero a chegada do son cambiouno todo. “O cinema sonoro inventou o silencio” (Bresson) porque, por vez primeira, a ausencia ou a presenza do son era unha elección en mans do creador. Da man do teórico Michel Chion, nesta sesión achegarémonos a aqueles cineastas que colocan ao son —incluída a voz— ao mesmo nivel expresivo que a imaxe.

Sesión 4 (martes 4 novembro)
FORMAS QUE PENSAN I
Os ollos da curuxa: a axexante tradición do cinema-ensaio

Sesión 5 (martes 18 novembro)
FORMAS QUE PENSAN II
Que cada ollo negocie por si mesmo: Historia(s) do cinema de Godard
Relatora convidada: Natalia Ruiz

Sesión 6 (martes 2 decembro)
FORMAS QUE PENSAN III
Imaxes a flor de pel: a autobiografía no cinema

Sesión 7 (martes 16 decembro)
A mirada en construción de José Luis Guerín

Sesión 8 (martes 20 xaneiro)
A VISIÓN TÁCTIL I
O acto de ver cos propios ollos: o cinema underground de Stan Brakhage, Maya Deren e Jonas Mekas

Sesión 9 (martes 27 xaneiro)
A VISIÓN TÁCTIL II
A zona cero da mirada: Nobuhiro Suwa, o cineasta de Hiroshima 

Sesión 10 (martes 3 febreiro)
A VISIÓN TÁCTIL III
Fomos ficando sós (16 mm Film Performance)
Cineasta convidado: Miguel Mariño

Sesión 11 (martes 10 febreiro)
Visións da apocalipse: formas extremas do documental

Sesión 12
(martes 17 febreiro)
O ESPELLO DE TRES CARAS I
Jean Epstein (1897-1953)

Sesión 13
(martes 24 febreiro)
O ESPELLO DE TRES CARAS II
Jean Vigo (1905-1934)

Sesión 14 (martes 3 marzo)
O ESPELLO DE TRES CARAS III
Jean Cocteau (1889-1963)

Sesión 15 (martes 10 marzo)
A mirada elidida: mulleres tras a cámara
Relatora convidada: Elena Oroz

Sesión 16 (martes 24 marzo)
Nalgures, aí fóra, estaban os teus ollos: visións espectrais no melodrama dos anos corenta
A finais da década dos 40 o melodrama norteamericano deu un inusitado xiro cara ao fantastique e poboouse de espectros, de amantes capaces de transcender espazo e tempo e mitigar así o gran baleiro e a grande ausencia deixados pola Segunda Guerra Mundial.

Sesión 17 (martes 7 abril)
Revelacións (e melancolía) da forma en Yasujiro Ozu e John Ford
Tokyo e Monument Valley, a contención dos dramas de xente corrente e a épica dos dramas de fronteira, Ozu e Ford, aparentemente tan afastados. Aparentemente. Esta sesión tratará de achegar o cinema destes dous mestres a través de a súa perenne melancolía e da súa constante busca da pureza formal.

Sesión 18 (martes 14 abril)
Despois do pestanexo: Jean Eustache, Philippe Garrel e Maurice Pialat
Que aconteceu no cinema francés despois da grande onda da Nouvelle Vague e o maremoto de maio do 68? Entre a inevitable angustia das influencias e a resaca da irrealizada revolución, un grupo de novos directores buscaba a súa propia voz e a súa propia mirada, e tamén as da súa xeración.

Sesión 19 (martes 21 abril)
Un espazo fantasma: mirada, cinema e foto surrealistas
Relator convidado: Alberto Ruiz de Samaniego

Sesión 20 (martes 28 abril)
Visións do absoluto: o cinema de Terrence Malick

Sesión 21
(martes 5 maio)
A pantalla opaca: o thriller norteamericano dos anos setenta

Sesión 22 (martes 19 maio)
Os ollos sen rostro: o esvaecemento do corpo do actor no cinema contemporáneo

Sesión 23 (martes 26 maio)
A ollada errante. A modernidade europea no cinama asiático contemporáneo

NOTA: este programa xeral pode sufrir variacións nas súas datas e contidos, en función da dispoñibilidade dos relatores e do propio desenvolvemento do curso.