rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Outras alternativas: novas experiencias visuais en Portugal

Outras alternativas: novas experiencias visuais en Portugal

Ficha

Datas: 
31 outubro 2003 - 25 xaneiro 2004
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
martes a domingo (festivos incluídos): 11:00h - 21:00h.
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
David Barro

Obras na exposición

Esculturas 6                        Pinturas murais 2
Fotografías 48                     Debuxo mural 1
Instalacións 9                      Intervencións "in situ" 3
Videoproxeccións 6            Monitores DVD 2

Síntese do proxecto

Unha vez máis, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, presenta unha exposición de producción propia, baixo o título "OUTRAS ALTERNATIVAS: novas experiencias visuais en Portugal". Trátase de novo dunha exposición colectiva, da cal o fío conductor é neste caso máis xeográfico que temático: trátase da primeira mostra dunha nova promoción de creadores, nados en Portugal na década dos setenta, que por primeira vez expoñen xuntos.

É este un dos datos que confire un sentido especial a esta exposición, polo que supón de conexión efectiva co noso país veciño. De feito, a elección do comisario, David Barro, debeuse en gran parte ó seu vínculo intelectual e profesional con Portugal, non só polo seu traballo como profesor na Universidade de Porto, senón tamén polo seu coñecemento e proximidade ás obras dos artistas aquí representados.

É sorprendente como unha xeración de artistas tan novos está a facerse un importante oco na escena internacional. De feito, atopámonos adoito coas súas obras en importantes bienais ou exposicións internacionais. Moitos deles fixaron a súa residencia noutros países ou están inmersos en programas de estadías de artistas no estranxeiro (Alemaña, Estados Unidos, Italia, etc.)

En palabras do comisario, "o que se propón non é unha ruptura dentro do contexto dos noventa, e tampouco non é a nosa intención falar de grupo ou colectivo; en todo caso, de xeración dispersa, diseminada ou, mellor, de ‘xeración sen xeración', como suxire João Fernandes no seu texto do catálogo".

Outro dos trazos distintivos desta mostra -e á súa vez elemento clave na programación expositiva do MARCO- é a multidisciplinariedade e maila diversidade de soportes: fotografías, esculturas, videoproxeccións, instalacións, debuxos murais e tamén intervencións específicas que desenvolveron algúns dos artistas, concretamente Sancho Silva, Leonor Antunes, Pedro Gomes e André Guedes, que nalgúns casos saen mesmo dos límites físicos das salas de exposición e ocupan coas súas obras parte do vestíbulo do museo.

A exposición inclúe espectaculares instalacións de Joana Vasconcelos como A noiva (2001) -unha lámpada de cinco metros de alto con 14.000 tampóns a maneira de bombillas- ou Ponto de encontro (2000), un carrusel ó que o público está convidado a subir; e proxeccións en vídeo de João Onofre, Filipa César, Rui Calçada Bastos, Vasco Araújo, Miguel Soares (animación) ou Alexandre Estrela. Están tamén as esculturas e instalacións de Noé Sendas, João Pedro Vale, Francisco Queirós e Alexandre Estrela, as pezas sonoras e monitores con DVD de Rui Toscano e Ricardo Jacinto, ou as fotografías de Nuno Cera, Joana Pimentel, Rita Magalhães, e João Vilhena, este último ó máis novo de entre tódolos participantes.

Respecto ós artistas que crearon obras específicas para os espacios do MARCO, as pezas de Leonor Antunes xogan cun dos ocos do teito das salas, mentres que André Guedes gravará en vídeo o proceso de "gastado" dunha moqueta previamente instalada no vestíbulo. Sancho Silva prolonga os ocos dunha das xanelas que dá á rúa do Príncipe, transportándoos ata unha posición máis accesible para o espectador, e Pedro Gomes leva a cabo debuxos murais en varias paredes das salas de exposición.

Temos a certeza de que esta selección de artistas e este catálogo, pola diversidade de propostas e a coincidencia xeracional, servirán como referencia e testemuña nun futuro próximo dunha nova xeración de creadores en Portugal.

 

Artistas

    Leonor Antunes
    Alexandre Estrela
    André Guedes
    Filipa César
    Francisco Queirós
    Joana Pimentel
    Joana Vasconcelos
    João Onofre
    João Pedro Vale
    João Vilhena
    Miguel Soares
    Noé Sendas (Bruselas, 1972)
    Nuno Cera (Beja, 1972)
    Pedro Gomes
    Ricardo Jacinto
    Rita Magalhães
    Rui Calçada Bastos
    Rui Toscano
    Sancho Silva
    Vasco Araújo

Texto curatorial

A intención de "OUTRAS ALTERNATIVAS: novas experiencias visuais en Portugal" é, en certa maneira, actuar de termómetro dunha situación cada vez máis palpable no contexto artístico portugués deste cambio de século: a presencia dun grupo de artistas que debuxan unha sutil mudanza de actitude respecto ás estratexias baralladas polos seus predecesores, máis preocupados por unha crítica ou denuncia social e política.

O que se propón non é unha ruptura dentro do contexto dos noventa, tampouco non é a nosa intención falar de grupo ou colectivo; en todo caso, de xeración dispersa, diseminada, ou mellor, de "xeración sen xeración", como suxire João Fernandes no seu texto do catálogo. Conscientes deste "pecado" de selección e visión historicista, convén aclarar que en ningún caso nos referimos a un antes e un despois, nin a unha unidade compacta que marque a "tradición de ruptura" que definía Octavio Paz, senón a unha serie de avances -non necesariamente producto dunha linealidade- dun conxunto de artistas que, paseniño, cobran maior visibilidade.

Os artistas aquí seleccionados entenden o medio portugués como pequeno e tratan, por iso, de ampliar horizontes e traballar en contextos xeográficos diferentes que, sen embargo, senten próximos en situacións e inquietudes. Ese interese por confronta-los seus traballos en lugares onde estes han defenderse por si solos desembocou en moitos casos, paradoxalmente, nunha visibilidade maior da que gozan moitos dos artistas portugueses que lles preceden xeracionalmente, máis centrados en consolidar unhas metas internas dun medio necesitado como foi o portugués e carentes das posibilidades de infraestructuras das que gozan hoxe os artistas emerxentes.

Esta especie de diáspora expositiva rescata actitudes que abordan a realidade cotiá dende diferentes posturas afastadas de forzadas coincidencias estéticas e cun marcado carácter fragmentario. Por iso, falamos de universos propios, de discursos actualizados alleos a discusións e debates pasados. Moitos dos artistas seleccionados gozan dunha dobre residencia, nun país estranxeiro e en Portugal; por iso queremos facer fincapé neste feito que, se ben non implica a perda dunha identidade común, si logra que esta se propague e contamine, enriquecendo e completando as súas creacións.

No que respecta ó título escollido -"OUTRAS ALTERNATIVAS: novas experiencias visuais en Portugal"-, atende a un obrigado recoñecemento do acerto que supuxo en Portugal unha mostra como Alternativa Zero, verdadeiro punto de inflexión que soubo redefini-la situación artística do país luso. Esta mostra, celebrada en 1977 na desaparecida Galería Nacional de Belém, foi impulsada por un polifacético Ernesto de Sousa (1921-88) que, consciente do atraso de Portugal respecto ás discusións artísticas que preocupaban no contexto internacional -como a fin das vangardas, a desmaterialización da arte, a ruptura das fronteiras entre os xéneros artísticos e o uso de novos soportes-, reuniu a case cincuenta artistas que tomaban un posicionamento conceptualista augurador dunha nova realidade.

Ernesto de Sousa defendía un concepto de obra aberta onde o espectador cobrase un papel activo; tamén unha redefinición do status do artista. Había que comezar de cero para celebra-la arte. Se a alternativa era cero, cumpría partir cara a outra cousa, liberarse. Aínda que nesta época asomaron intencións de crear museos de arte contemporánea, isto tería que esperar moito tempo, se ben se fortaleceu o ensino e melloraron as condicións de profesionalización, tanto de artistas como de teóricos. Alternativa Zero será a exposición máis importante e lembrada das celebradas daquela, unha exposición-manifesto que pretendía redefini-la situación portuguesa e actuar como balance dos avances conseguidos dende finais dos sesenta; por iso moitas obras xa foran vistas, como sucede con algunhas das pezas que seleccionamos para esta outra revisión, estas outras alternativas.

Xa inmersos nos oitenta, vemos como non emerxen novas tendencias ou correntes específicas da década, pero si un conxunto de artistas de forte personalidade individual que, en compañía de novos galeristas e críticos, conseguirán ter unha presencia firme e dinámica na cultura do momento. Algúns que xa asomaran na década anterior, como Julião Sarmento ou Albuquerque Mendes, e outros como Pedro Calapez, Pedro Cabrita Reis, Rui Sanches, José Pedro Croft, Jorge Molder, Gerardo Burmester, Manuel Rosa, Pedro Proença ou Rui Chafes, que se ben nalgúns casos chegaran a expor na década pasada, só cobrarán forza nos oitenta.

Nos noventa, todo parece indicar que foi a mostra Imagens para os anos 90, celebrada na Fundación Serralves en 1993, a que facilitou a aparición dun novo paradigma que xa pugnaba por entrar. Carlos Vidal, Paulo Mendes, João Louro, Fernando Brito, João Tabarra, Miguel Palma, Daniel Blaufuks, Manuel Valente Alves, Rui Serra, Baltazar Torres, António Olaio, Fernando José Pereira ou Luis Palma, son algúns dos nomes de artistas participantes nesa exposición. Os seus traballos gañaron paulatinamente visibilidade nacional, nunha década artística dividida nunha primeira metade de marcado carácter político e unha segunda máis acorde cunha nova investigación tecnolóxica. Os primeiros asumen unha fonda resposta ós desenvolvementos artísticos consolidados dende os oitenta, aínda obstaculizados polo desfase respecto ó internacional e cunhas limitacións conceptuais -salvo casos excepcionais de valores altamente individuais- producto desa información limitada. Máis activistas, estes artistas que cobran visibilidade entrados os noventa acabaron por rebelarse contra o entorno crítico portugués, en ocasións dun xeito abertamente explícito, como cando se apoiaron nun polémico e agresivo texto titulado Oito Novos Fora que alzaba a voz fronte ó que consideraban un sistema cerrado. Hoxe a actitude destes continúa facendo gala dunha insatisfacción crítica, aínda que se recoñece outro tipo de madurez que lles conduce a seguir unha estratexia menos obvia.

Se cadra, a temperá consolidación dos máis dos protagonistas de "OUTRAS ALTERNATIVAS: novas experiencias visuais en Portugal", se debe a que o corte estético coa xeración dos primeiros noventa non se dá como tal, senón que obedece a un avance paulatino, nunca drástico. Entre os combativos artistas que emerxen nos noventa, esa brusquidade producto dun cambio radical resulta obvia e, quizais, á larga, se convertería nunha sorte de desgaste que acabou por pasarlles factura, xa que aínda hoxe non son ben vistos por parte do sistema artístico dominante, se ben se integran gracias á consistencia e rigor das súas obras. A sequidade formal e agresividade directa dos seus traballos contrasta cunha maior espontaneidade dos artistas aquí tratados. E de aí pode deberse que a conexión coa crítica e maila chegada masiva dos segundos a fundacións e museos sexa tan rápida, diferenciándose da autoxestión de exposicións que aínda hoxe caracteriza a algúns artistas anteriores e que, en todo caso, chega a relacionarse con artistas aquí presentes como Rui Toscano ou Alexandre Estrela, tamén ligados a certo inconformismo respecto ó medio portugués. Así, a selección de Rui Toscano, Alexandre Estrela, Noé Sendas ou Miguel Soares pode resultar estraña -nunca gratuíta- se pensamos que compartiron moitas exposicións coa chamada primeira xeración dos noventa; a súa elección débese, sen embargo, a unha visibilidade omitida nun principio que fai que rexurdan como artistas recoñecidos moito máis tarde pero, sobre todo, porque todos se desenvolven coa imaxe dunha forma que anticipa un novo xeito de traballar e de se integrar nun contexto.

 

Comisariado

David Barro


David Barro é director xerente da Fundación Luis Seoane dende febreiro de 2014. Crítico e comisario de exposicións, foi director de DARDO (2006-2014), dende onde editou máis de 80 libros de artistas contemporáneos e dirixiu a revista DARDOmagazine. Asesor da Fundación Barrié, foi responsable da súa Colección de Pintura Internacional (2008-2013). Foi director artístico e membro fundador de A Chocolataría, director da revista portuguesa [W]art (Editorial Mimesis), director da revista Arte y parte, director da revista InteresaArte (Editorial Galaxia), director artístico do proxecto Look Up! Natural Porto Art Show (2011), director artístico do Festival Internacional de Acción Artística Sostenible SOS 4.8 de Murcia (2011) e director da feira de arte Espacio Atlántico en Vigo (2010). Tamén ten exercido de mestre na Escola das Artes da Universidade do Porto (2002-2007). No ano 2003 comisariou no MARCO a exposición “Outras alternativas. Novas experiencias visuais en Portugal”.