rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Pablo Fidalgo Lareo "O estado salvaxe. Espanha 1939"

Pablo Fidalgo Lareo "O estado salvaxe. Espanha 1939"

Datas: 
28 febreiro 2014
Horario: 
19.30
Lugar: 
Patio 1 (planta baixa)
Prezo: 
ENTRADA GRATUÍTA. Prazas limitadas ata completar aforo


Esta fin de semana continúa no Patio 1 do MARCO o ciclo ‘Material Memoria’ con dúas propostas escénicas. O venres, nova presentación de ‘O estado salvaxe. Espaha 1939’, de Pablo Fidalgo Lareo —estreada durante a inauguración da exposición VERANEANTES e que marcou o inicio do ciclo en outubro— e o sábado cunha lectura de poemas comentada de Olga Novo, baixo o título ‘Intrahistoria dos meus’.

“O estado salvaxe é unha performance creada despois de moitas conversas coa miña avoa. Ela é, ademais, a única actriz da peza. A través de imaxes en súper8 gravadas polo meu avó dende os anos 50 ata os 80, reescribiremos a historia da miña familia, e ao mesmo tempo, a historia de España dende a guerra civil ata os nosos días. É o testemuño dunha muller que leva moito tempo en silencio e que ten un grande desexo de falar, moito que aclarar, moito que reparar. É, sobre todo, un acto de amor lúcido e extremo, un ataque de romanticismo antes de queimar as naves. Nunha carta dirixida ás súas netas, a miña avoa vai tecendo a súa biografía e cuestionándose todo o seu pasado, o seu presente e o seu futuro, nun exercicio de honestidade brutal que arroxa luz sobre o que significa estar vivos hoxe”.

O estado salvaxe. Espanha 1939 foi creada entre Galicia, Portugal e Arxentina. Producida polo MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, coproducida por Centro Párraga (Murcia) e Festival Temps d’Images (Lisboa). Co apoio de Fundación START-Centro de Investigaciones Artísticas de Bos Aires, Festival Bad-Museo Guggenheim Bilbao, Centro Cultural Vilaflor (Guimarães), O espaço do tempo (Montemor-o-novo), e Zé dos bois (Lisboa). Seleccionada polo proxecto Fabulamundi. Playwrite Europa 2013/2014. Unha performance de Pablo Fidalgo sobre as películas de Manuel Lareo Costas dixitalizadas por eSe8 e con montaxe de Xurxo Chirro. En escena: Mercedes Fernández Vázquez. Asistencia Técnica de Paul Edward Guy e Antón Ferreiro. Produción de Alicia Díaz. Deseño e web de Amalia Area.

Pablo Fidalgo Lareo (Vigo, 1984), escribiu o libro La educación física (Pre-textos, 2010), elixido por El Cultural como un dos cinco mellores libros de poesía publicados en 2010 en España. En 2012 gaña o Premio Injuve de Poesía polo libro La retirada. O seu traballo ten sido presentado en España, Portugal, Italia, Polonia, Brasil, Arxentina e Uruguai. Os seus textos foron recollidos en varias antoloxías e traducidos a varias linguas. Dende 2004 ata 2013 formou parte da compañía La tristura. En 2013 publica o libro de poemas Mis padres: Romeo y Julieta. Vive e traballa en Lisboa. 

Descarga: