rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Próximo inicio de tempada 2022-23 do Club de Lectura #BiblioMARCO

Próximo inicio de tempada 2022-23 do Club de Lectura #BiblioMARCO

12 setembro 2022 - 26 maio 2023

Organizado pola Biblioteca-Centro de documentación, é unha actividade concibida como espazo de encontro e intercambio de experiencias para persoas interesadas na relación entre literatura e a arte nas súas múltiples manifestacións.

O luns 19 de setembro ás 9.00 abrirase o prazo de inscrición, gratuíta e con prazas limitadas a 18 participantes por grupo.

INFORMACIÓN e INSCRICIÓNS a partir do 19 de setembro, ás 9.00 [Prazas esgotadas]
(Non se terán en conta as solicitudes recibidas antes desa data e horario)

Exclusivamente a través do correo-e centro.documentacion@marcovigo.com

As persoas interesadas indicarán: nome, apelidos, teléfono de contacto, grupo/s nos que lle gustaría participar, por orde de preferencia, e se son membros da AAM (no seu caso). Máximo 1 solicitude de alta por correo-e recibido.

Capacidade máxima de 18 participantes por grupo (reserva 20% para membros AAM)

Club de Lectura #BiblioMARCO

TEMPADA 2022-2023

A partir do mes de outubro, a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO reinicia as actividades do seu Club de Lectura, con tres novos grupos (dous presenciais e un virtual), cada un limitado a 18 participantes. As sesións terán lugar unha vez ao mes.

Lugar: sala de lectura. Biblioteca–Centro de documentación do MARCO (1º andar)
Horario: de 19.00 a 20.30

Datas:

GRUPO 1 [virtual] = 3º xoves de cada mes
Presentación - 1ª sesión GRUPO 1: xoves 27 de outubro
Prazas esgotadas

GRUPO 2 [presencial] = 4º mércores de cada mes
Presentación - 1ª sesión GRUPO 2: mércores 26 de outubro
Prazas esgotadas

GRUPO 3 [presencial] = 4º venres de cada mes
Presentación - 1ª sesión GRUPO 3: venres 28 de outubro
Prazas esgotadas

O Club #BiblioMARCO é unha actividade gratuíta, concibida como espazo de encontro e intercambio de experiencias para persoas interesadas nas artes en xeral. Os eixes argumentais das novelas están relacionados coa arte nas súas distintas manifestacións, e cada sesión está acompañada con material de apoio e catálogos que, máis alá da lectura en si, establecen relacións con obras e movementos artísticos, música e cinema, o que converte o club #BiblioMARCO nunha experiencia diferente que axuda a afondar nos contidos da creación contemporánea.

O obxectivo é constituír un espazo de debate e pensamento crítico en torno aos múltiples temas que aparecen nos libros e achegar, por esta vía, a arte contemporánea a novos públicos.

A iniciativa xorde na tempada 2019-2020, con tres grupos presenciais, e 22 persoas por grupo. En 2020-2021 créanse catro grupos para compensar a redución de aforo debida á crise da Covid: tres presenciais de 9 participantes, e outro virtual, a través da plataforma ZOOM, con 15 participantes.

A organización deste grupo telemático, derivado das restricións sanitarias, revelouse ao mesmo tempo como unha oportunidade que abría novas vías de participación e accesibilidade. Así pois, nesta nova tempada decidiuse manter a modalidade virtual, que permite sumar persoas interesadas dende lugares máis afastados, e superar limitacións físicas, mellorando así as oportunidades de acceso á cultura. Todo iso contribúe a unha sensación de comunidade que fai de #BiblioMARCO un espazo de intercambio e achegamento intelectual e tamén afectivo.

En ocasións, as sesións están acompañadas de actividades paralelas. Entre as máis recentes, a proxección do documental “We Live in Public”, a proxección do filme “De Profundis” e coloquio co seu director, Miguelanxo Prado, ou a conversa entre Cristina Sánchez-Andrade e Andrea Costas: unha reflexión en torno ao medo como experiencia universal, na arte e na literatura.

CONSULTA AQUÍ a memoria de LECTURAS e ACTIVIDADES paralelas de anteriores tempadas.

Biblioteca-Centro de Documentación

A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO, situada no 1º andar do Museo, é un servizo gratuíto que ten como obxectivo proporcionar información bibliográfica, hemerográfica e audiovisual sobre a arte do século XXI e outros aspectos relacionados coa cultura contemporánea. O fondo bibliográfico ascende a 6.750 publicacións que abranguen áreas como teoría da arte, filosofía, historia, pedagoxía, museología, movementos artísticos ou coleccións. O corpo principal da Biblioteca son monografías, catálogos de artistas e catálogos colectivos, ademais dunha hemeroteca de revistas especializadas.

HORARIO:

Martes, mércores e xoves: de 11.00 a 14.15 e de 17.00 a 20.00 / Venres, de 11.00 a 14.15 (agás festivos)
Dispoñibilidade de cita previa para persoal investigador, fóra deste horario.
Consultar posibilidades en: centro.documentacion@marcovigo.com