rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Patricia Dauder. Recinto, 2015. Cortesía da artista e ProjecteSD. Foto: cortesía da artista
Misha Bies Golas. O ceo non é humano, 2015. Cortesía do artista e adhoc Galería. Foto: cortesía do artista
Rosalía Banet. Banquete caníbal II, 2015 (detalle). Foto: cortesía da artista
Mira Bernabeu. Panorama de bienes y servicios. Hospital de Dénia, 2013.
David Ferrando Giraut Prótesis discursiva (una conversación alquímica), 2014. Foto: cortesía Colección DKV
Alex Francés. La casa del cuerpo, 2015. Foto: cortesía do artista
Martín Freire. Behind the Scene, 2015. Foto: cortesía do artista
Karlos Gil. The Moon Museum, 2013. Foto: cortesía Colección DKV
Karlos Gil. The Moon Museum, 2013 (detalle). Foto: cortesía Colección DKV
Núria Güell.Too Much Melanin, 2013 (detalle). Foto: cortesía Colección DKV
Alicia Kopf. Àrticantartic, Panorama (after Henry Courtney Selous), 2013. Foto: cortesía Colección DKV
Eulàlia Valldosera. Vera Icon, 2014. Foto: cortesía Colección DKV

PRODUCIÓNS E PROCESOS NA COLECCIÓN DKV

Ficha

Datas: 
16 outubro 2015 - 24 xaneiro 2016
Lugar: 
Salas de exposición da planta baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / DKV Seguros. Colaboran: Sinderya e Euro La Guía
Comisariado: 
Alicia Ventura

Esta exposición é froito da colaboración entre a compañía DKV Seguros e o MARCO de Vigo. Co gallo deste proxecto convocáronse dúas bolsas de produción cuxo resultado se presenta por vez primeira na mostra, ao carón das propostas doutros nove artistas, pertencentes á colección DKV, que son á súa vez resultado de programas de bolsas de produción e premios de adquisición convocados por DKV Seguros entre os anos 2011 e 2015.

Grupo DKV


Grupo DKV é parte de Munich Health, un dos tres segmentos de negocio de Munich Re que reúne o seu coñecemento global sobre saúde en seguros, reaseguros e xestión de risco. Como unidade de negocio dentro de Munich Re, Munich Health cubre un amplo espectro de solucións de saúde.

En España, Grupo DKV está implantado en todo o territorio nacional, cunha ampla rede de oficinas e consultorios na que traballan case 2.000 empregados, e que dá servizo a preto de 2 millóns de clientes. A súa vocación é ofrecer aos seus asegurados unha xestión orientada á calidade, caracterizada por unha actitude de innovación permanente en produtos e servizos e pola especialización en saúde e seguros persoais.

Programa ARTERIA DKV


A compañía aseguradora especializada en saúde DKV Seguros creou ARTERIA DKV, un programa dedicado a impulsar diferentes accións que fomentan a creación artística, sempre ligada á saúde e a mellorar a calidade de vida das persoas. Deste xeito, fiel ao seu compromiso artístico, DKV Seguros pretende impulsar a innovación e a creatividade en xeral entre o sector asegurador e sanitario, ademais de fomentalas como un valor na sociedade. A intención é estender a diferentes sectores sociais o vínculo coa arte contemporánea, con especial énfase na produción emerxente e nas propostas máis innovadoras e experimentais.

Dentro deste programa, existen diversas iniciativas como a Colección DKV —cuxas obras visitan espazos de diferentes cidades españolas—e DKV Fresh Art —que difunden a obra de artistas novos — ou a cátedra de empresa DKV Arte y Salud en colaboración coa Facultade de Belas Artes da Universitat Politècnica de València (UPV), que pretende colaborar na formación de novos artistas. Recentemente creáronse, en colaboración con LABoral Centro de Arte y Creación Industrial, Xixón, la Beca de producción DKV Seguros - Álvarez Margaride e a Beca de producción videográfica DKV-Es Baluard entre outras.

Información e visitas guiadas


O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00
  • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900
David Ferrando Giraut. Prótesis discursiva (una conversación alquímica), 2014 



Martín Freire. Behind the Scene, 2015

Síntese do proxecto


A exposición Producións e procesos na Colección DKV é froito da colaboración entre a compañía DKV Seguros e o MARCO de Vigo. Co gallo deste proxecto convocáronse dúas bolsas de produción cuxo resultado se presenta por vez primeira na mostra, ao carón das propostas doutros nove artistas, pertencentes á colección DKV, que son á súa vez resultado de programas de bolsas de produción e premios de adquisición convocados por DKV Seguros entre os anos 2011 e 2015.

A compañía DKV Seguros, a través do programa de responsabilidade corporativa cultural ARTERIA DKV, impulsa iniciativas que buscan estender a diferentes sectores sociais o vínculo coa arte contemporánea, con especial énfase na produción emerxente e nas propostas máis innovadoras e experimentais. ARTERIA DKV foise orientando progresivamente cara a novos modelos de colaboración, que buscan sinerxías máis frutíferas cos diversos axentes do panorama artístico.

A selección de pezas reunidas nesta exposición ilustra os programas de bolsas de produción e premios de adquisición de ARTERIA DKV, dúas liñas de actuación que pretenden dar resposta á natureza procesual que caracteriza unha boa parte da creación contemporánea.

Un primeiro grupo de obras presentes na mostra caracterízase pola súa vinculación co proxecto cuidArt, que se desenvolve no Hospital Marina Salud de Dénia, onde se foi construíndo un proxecto integral de intervención artística, representado aquí nas propostas de Rosalía Banet, Mira Bernabeu, e Alex Francés. Un segundo conxunto ilustra a aposta pola produción de obra inédita: trátase das pezas de Karlos Gil, David Ferrando Giraut e Martín Freire, gañadores da Beca DKV Seguros - Álvarez Margaride, con instalacións que traballan dende a hibridación de formatos e cun importante compoñente de innovación técnica, así como dos traballos de Patricia Dauder e Misha Bies Golas, gañadores das bolsas DKV/MARCO 2015. Por último, as obras de Alicia Kopf, Núria Güell e Eulàlia Valldosera proceden de colaboracións entre DKV Seguros e outros actores do sistema artístico nacional: centros expositivos, galerías e fundacións, a través de premios e patrocinios de produción.

No seu conxunto, Producións e procesos na Colección DKV sitúa ao visitante fronte a un programa de apoio á creación que se afasta do simple coleccionismo obxectual para se achegar a un modelo de mecenado contemporáneo. Ao mesmo tempo, a exposición configura unha ollada privilexiada á creación actual, ofrecendo ao espectador unha panorámica da produción emerxente no noso país.

Texto curatorial


A Colección DKV comezou a xerarse coa adquisición dunha trintena de pezas de artistas vinculados á Comunidade Valenciana, seleccionadas coa vontade de humanizar a través da arte os espazos comúns do Hospital Marina Salud de Dénia (Alacante). En pouco máis dun lustro, a Colección DKV desbordou con creces ese obxectivo inicial e incorporou aos seus fondos máis medio millar de obras duns douscentos artistas de todo o Estado. Con especial énfase na produción emerxente e nas propostas máis innovadoras e experimentais, a colección recibiu importantes recoñecementos, caso do Premio A da Fundación ARCO ao mellor proxecto de coleccionismo corporativo.

O compromiso de DKV Seguros coa arte contemporánea como motor de creatividade traduciuse na configuración dun enteiro programa de responsabilidade corporativa cultural: ARTERIA DKV. Nos últimos anos este programa incidiu, por unha parte, en iniciativas que buscan estender o vínculo coa arte contemporánea a múltiples sectores sociais, con proxectos para os máis novos, propostas que asocian cultura e diversidade funcional, e mediante a programación de exposicións temporais para segmentos de público non especializados.

Por outra parte, dende un punto de vista máis específico do estímulo á creación, e aínda que a compra de obra segue constituíndo unha vía perfectamente válida para apoiar o traballo dos nosos artistas, ARTERIA DKV foi orientándose progresivamente cara a outros modelos de colaboración, que buscan sinerxías máis frutíferas entre creador e colección, e tamén con institucións museísticas e expositivas. O programa resultante de produción de obra, convocatoria de bolsas e premios de adquisición non só responde de xeito máis eficaz ás necesidades dos artistas, senón que encaixa mellor coa natureza procesual e co tipo de traballo por proxectos que caracteriza unha boa parte da produción contemporánea. A presente exposición aspira a ordenar esta multiplicidade de medidas de ARTERIA DKV e a trasladar ao visitante unha impresión global deste programa de apoio, configurando ao mesmo tempo unha mirada panorámica á creación emerxente española.

Un primeiro grupo de obras presentes na mostra caracterízanse pola súa vinculación co proxecto cuidArt, que se desenvolve no Hospital Marina Salud de Dénia, o espazo no que xurdiu a Colección DKV. O Hospital de Dénia foi construíndo un proxecto integral de intervención artística, que constitúe hoxe unha proposta única en todo o sistema sanitario estatal e inclúe entre as súas accións instalacións escultóricas, pezas da colección en espazos de salas de espera, intervencións murais en espazos pediátricos, no hospital de día oncolóxico e de nefroloxía, así como en salas de urxencias e espazos en proxecto. Existe igualmente un completo programa de actividades e obradoiros para pacientes que comprende dende arteterapia ata musicoterapia e actividades clown. Ademais, o hospital conta co seu propio espazo expositivo onde se realizan proxectos intimamente ligados a temas de arte e saúde. O hospital organiza tamén residencias de artistas, ben a petición de diferentes institucións e organismos, ben a iniciativa do propio programa cuidArt.

É esta multiplicidade de accións complementarias entre si a que permite desenvolver en Dénia proxectos diferentes e inéditos de produción e exhibición de obra, representados na exposición a través dunha selección de tres obras especialmente significativas. Banquete caníbal, de Rosalía Banet, foi unha das primeiras instalacións concibidas ex profeso para o hospital, e durante a súa preparación a artista contou coa colaboración de dietistas, pediatras, endócrinos e internistas. Pola súa parte, Panorama de bienes y servicios é o resultado dun traballo desenvolvido durante varios anos no hospital por Mira Bernabeu, unha análise fotográfica a longo prazo sobre as implicacións ideolóxicas do espazo sanitario. Por último, Alex Francés exhibe o resultado dunha recente residencia no Hospital de Dénia: La casa del cuerpo, peza resultante da colaboración con múltiples servizos do centro, preséntase por vez primeira ao público.

Un segundo conxunto de obras na exposición ilustra a aposta de ARTERIA DKV por poñer en marcha bolsas de produción para novos artistas, sempre en colaboración con outros axentes artísticos. LABoral Centro de Arte y Creación Industrial, Es Baluard Museu d'Art Modern i Contemporani de Palma e a publicación dixital MAKMA son as entidades coas que DKV Seguros organizou nos últimos anos convocatorias asociadas aos ámbitos da tecnoloxía, o audiovisual e a ilustración, respectivamente.

Nesta exposición faise fincapé nos traballos resultado da colaboración con LABoral, a Beca de producción DKV Seguros – Álvarez Margaride, en parte debido a que se trata da convocatoria máis consolidada, camiño xa da súa cuarta edición, pero tamén pola especial complexidade das obras e a extraordinaria oportunidade que os espazos do MARCO ofrecen para presentalas ao público. Os traballos de Karlos Gil, David Ferrando e Martín Freire propóñense como instalacións inmersivas de grandes dimensións, que traballan dende a hibridación de formatos e cun importante compoñente de innovación técnica.

En terceiro lugar, o visitante atopará nos espazos da planta baixa do museo unha serie de obras que proceden de colaboracións entre DKV Seguros e múltiples actores do sistema artístico. Non se trata de bolsas en sentido estrito, senón de premios de adquisición e patrocinios de produción, resultado do traballo conxunto con feiras de arte, centros expositivos, galerías e fundacións. Na súa pluralidade, todas estas iniciativas non só fan posible a realización de traballos de enorme valía e a continuidade do labor creativo dos seus autores, senón que recoñecen o papel desenvolvido polas citadas institucións.

Entre as obras seleccionadas, atópanse as pezas de Alicia Kopf e Núria Güell, dúas artistas cunha traxectoria ascendente, galardoadas nas últimas edicións dos Premios do Gremi de Galeries d'Art de Catalunya coa distinción á mellor exposición en galería. Así mesmo, exhíbese o traballo que Eulàlia Valldosera, unha das artistas máis recoñecidas do noso país, realizou en 2014 para a mostra Perfect Lovers. Arte en tiempos del sida, en colaboración coa Fundación Artaids.

Consecuentemente co seu foco na produción de obra como estratexia de apoio á creación, Producións e procesos na Colección DKV preséntase vinculada a unha convocatoria para o desenvolvemento de intervencións específicas para os espazos do MARCO de Vigo. Os traballos de Patricia Dauder e Misha Bies Golas que poden contemplarse na mostra foron seleccionados por un xurado de especialistas entre as 142 propostas recibidas.

O proxecto de Misha Bies Golas incide no seu interese polas conexións entre literatura, arte e apropiación, e aproveita as posibilidades outorgadas pola bolsa para explorar o carácter procesual da obra artística. Pola súa banda, o caso de Patricia Dauder resulta significativo do tipo de relación que o proxecto artístico de DKV Seguros trata de establecer cos artistas. Ela e moitos outros dos autores na exposición colaboraron en máis dunha ocasión con ARTERIA DKV, xa sexa coa presenza da súa obra na Colección DKV, xa sexa a través da súa participación nas distintas bolsas ou mediante a preparación de intervencións site-specific ou de proxectos expositivos.

A continuidade no tempo da relación permite a ARTERIA DKV situarse máis aló do simple coleccionismo obxectual para se achegar a un modelo de mecenado contemporáneo, no que a compañía participa no crecemento persoal, profesional e creativo dos nosos artistas. Iso significa, dalgún modo, ser parte do proceso de elaboración do imaxinario cultural que estes creadores, os máis relevantes da escena actual, están a elaborar día a día. En última instancia supón a profunda convicción dunha enorme responsabilidade coa nosa sociedade, dun compromiso inquebrantable, a través da arte, co noso presente e o noso futuro.

Alicia Ventura
Comisaria da exposición

Comisariado

Alicia Ventura

Alicia Ventura é doutora en Historia da Arte e músico de formación, máster en Xestión Cultural por ESADE e a Universitat Pompeu Fabra. Responsable do Programa Arteria DKV e directora da Colección de Arte DKV, dirixe tamén o proxecto cuidArt do Hospital Marina Salud de Dénia. É patrón de LABoral Centro de Arte y Creación Industrial. No marco destes programas ten comisariado decenas de exposicións; entre as máis recentes, Paisajes: Naturaleza y artificio na Lonja de Zaragoza, Arquitectura Inadvertida no MACA de Alacante, Mira Bernabeu: Panorama de Bienes y Servicios en el Hospital de Dénia e ¿A qué huele una exposición? en LABoral.

Así mesmo, desenvolveu como comisaria independente máis de 50 exposicións e múltiples proxectos: ten comisariado a exposición do 25º aniversario da Fura dels Baus, a presentación da Colección Olor Visual, así como monográficas de Angel Marcos ou Mariña Nuñez e, máis recentemente, as mostras Analogías Musicales. Pablo Palazuelo, Dual-É. Tàpies Frente a Tàpies. Foi tamén galerista en Barcelona, coordinadora da feira de videoarte Loop de Barcelona nas súas dúas primeiras edicións. Directora de exposicións do Forum Ciudad. Dende 2004 posúe unha empresa de xestión cultural, Gestión Arte Ventura, que desenvolve diferentes proxectos artísticos a nivel nacional e internacional. Imparte regularmente cursos e conferencias e ten unha ampla bibliografía de artigos e publicacións.