rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

‘PROJECT MOSCOW’

Ficha

Datas: 
4 xullo 2013 - 8 setembro 2013
Lugar: 
salón de actos
Horario: 
martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30

Artistas

Marta Alvim, Christian García Bello, Jacobo Bugarín, Federico Vladimir Strate Pezdirc

Comisario

Alberto Carton

Obras

Marta Alvim, The Death of an Owl, 2012, vídeo HD, cor, son, 9’45’’ 

Christian García Bello, Los Tres Estanques, 2012, vídeo HD, b/n, son, 8’25’’ 

Jacobo Bugarín, Carta a las generaciones futuras, 2012, vídeo HD, b/n, son, 10’46’’ 

Federico Vladimir Strate Pezdirc, Vladimir x3 el Grande, 2012, vídeo HD, cor, son, 24’

Síntese do proxecto

PROJECT MOSCOW é unha exposición concibida como unha obra única, formada por catro videocreacións que mostran as experiencias na capital rusa de catro artistas: Marta Alvim (O Porto, 1979), Christian García Bello (A Coruña, 1986), Jacobo Bugarín (Santiago de Compostela, 1983) e Federico Vladimir Strate Pezdirc (Bos Aires, 1983). Durante varios meses percorreron, gravaron, fotografaron e viviron a cidade de Moscova a través das súas rúas e habitantes.


O resultado foi a creación dunha obra en vídeo por cada un dos artistas participantes, producidas por 9THE13LAB (Dánada Libertas, A Coruña), e un documental sobre o proxecto realizado polo cineasta Rogelio Fernández e o compositor Ismael Berdei. PROJECT MOSCOW presentouse ao público por primeira vez en decembro de 2012 no Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC). No caso do MARCO, o proxecto exhíbese en formato vídeo monocanle, no espazo do salón de actos.

PROJECT MOSCOW funciona como vértice no que converxen as sensibilidades de catro artistas, dende a inquietude suscitada por un ámbito urbano descoñecido para todos eles. Neste proceso, interiorizan e expoñen elementos non só creativos, senón tamén de reflexión individual sobre a pegada psicolóxica da percepción e o seu reflexo na plástica e na videoarte. A idea do desprazamento a un espazo xeográfico descoñecido ábrese a factores nos que o individuo se converte en protagonista actoral da súa propia existencia.

A particularidade deste proxecto é o tratamento colectivo dunha acción artística nunha cidade allea que, malia a súa aparente uniformidade de criterio, é profundamente variable ao conxugar as personalidades de catro individuos. Os resultados, dende unha mesma localización, fannos tomar conciencia dos diferentes estados anímicos, da súa influencia no subconsciente, da transmisión de conceptos entre a sensibilidade, a percepción e a súa conversión en linguaxe.

Abordar un proxecto dende a distancia, sen a influencia inmediata da contorna, sumerxe á persoa nun estado case de ensoñación, onde o principal amarre, o respiro e a seguridade, proceden dun mesmo para poder enfrontarse ao caos externo, á agresión do estraño.

Nas catro propostas artísticas de PROJECT MOSCOW, a introspección, a análise, o proceso de investigación, a aceptación do desencontro dende o encontro, xeran un resultado que se estrutura en torno á dependencia da memoria, do inmaterial, e da xustificación dun mesmo ante unha sociedade despoxada da seguridade máis cotiá ou inmediata.

Artistas

Marta Alvim (O Porto, Portugal, 1979)

“O meu trabalho reflecte especificidades e convergências entre o novo cinema e a arte contemporânea. A través do vídeo e da fotografia, exploro práticas artísticas e suas finalidades críticas. O meu trabalho foca frequentemente a condição material e imaterial do ser humano, propondo reflexões acerca do conceitos de tempo, consciência e realidade”.

Marta Alvim é graduada en Imaxe e Son (Escola de Artes, Universidade Católica do Porto) e máster en Cinema. Durante os últimos catro anos participou en programas de residencia artística en España, Francia e China. Un dos seus filmes experimentais gañou en 2008 un Remy Silver Award no Festival Internacional de Cine Independente WorldFest Houston (EUA). En 2012 presentou No Green, No Blue, dentro do programa Hungry Summer de 9THE13 (Dánada Libertas, A Coruña). Ese mesmo ano foi seleccionada para FUSO 2012 (Lisboa) e participou no Festival de Curtas Solar (Vila do Conde, Portugal). En 2013 o seu filme No Green, No Blue foi seleccionado para Panorama, Festival de Documentário Português.

Christian García Bello (A Coruña, 1986)

“O traballo que veño realizando durante os últimos anos xira ao redor da paisaxe, e máis concretamente a paisaxe galega, a súa relación coa idea de saudade e a (in)visibilidade da liña do horizonte. Estes termos leváronme a investigar plástica e teoricamente sobre como a paisaxe pode influír na idiosincrasia dunha rexión e como esta, á súa vez, ve a paisaxe que a rodea, xa que esta, por definición, só é pensable a través do individuo que a mira”.

Licenciado en Belas Artes e máster en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo, Christian García Bello participou en numerosas mostras colectivas en cidades como A Habana (Cuba), Balmaseda (Vizcaya), Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña e Ourense. Tamén foi seleccionado e recibiu premios en diferentes certames, como os convocados pola Fundación María José Jove, Deputación de Ourense ou Auditorio de Galicia, entre outros. En 2010 foi elixido para participar en Outonarte, e na colectiva Watts (Sala X, Facultade de Belas Artes, Pontevedra). En 2011 participou na mostra Traballo Fin de Máster #0 na Fundación RAC (Pontevedra), e foi premiado cun dos catro accésits do xurado do VII Premio Auditorio de Galicia. En 2012 participou na colectiva Mmmmmh! 8 praceres visuais (Museu Nogueira da Silva, Universidade do Minho, Braga; Sala X, Facultade de Belas Artes, Pontevedra). En 2013 foi seleccionado para o Programa de Residencias Artísticas Locais do MAC (A Coruña), e expuso Detenido (Al pie de la loma) en Zona C (Santiago de Compostela).

Jacobo Bugarín Osorio (Santiago de Compostela, 1983)

“Interésame o traballo sobre a percepción das cousas que nos rodean. A relación entre esas cousas, a persoa e a sociedade. Entender así o individuo e as súas necesidades, físicas e mentais. Que lugar ocupan esas ‘cousas’ na nosa vida e como poden axudarnos a cuestionarnos ou a asumir determinados problemas inherentes á nosa condición. Así, por exemplo, quixera ‘ordenar’ as cousas para entendelas dunha maneira coherente. Nese ‘ordenar’ aparecen situacións externas ao obxecto e/ou internas a el que fan que o percibamos dun xeito distinto ao que anteriormente o facíamos. Outras veces en cambio interésame facer algo só para forzar que a percepción desas cousas sexa, máis tarde, distinta á que é: a consciencia como parte fundamental do proceso. A aceptación desa realidade é sempre un paso lóxico dentro do proceso, pero tamén o é o intento de aceptación por parte da colectividade.

Cando reflexiono sobre as cousas por un longo período de tempo paso pronto a empatizar con elas, a entendelas dunha maneira complexa e en consecuencia o cambio que propoño pasa a ser menos radical, menos pretencioso se se quere. Unha nova relación entre as partes que faría que o todo, e sobre todo a súa esencia, non se desvirtuara. Neste traballo sobre a percepción entendín que o cambio adoita devir en mínimo, por iso cada vez son menos quen de explicar o que fago e ao mesmo tempo fago moito menos do que facía antes. E cando falo de cousas tamén refírome a espazos, a persoas, a conceptos...”.

En 2011, Jacobo Bugarín recibe un dos catro accésits concedidos polo xurado do VII Premio Auditorio de Galicia, e en 2012 recibe a Bolsa de Estudos Artísticos que anualmente concede a Deputación Provincial da Coruña. A súa obra foi exposta en lugares como Auditorio de Galicia, Fundación Granell, Fundación CaixaGalicia, ou Fundación Araguaney (Santiago de Compostela), así como o Pazo da Cultura de Pontevedra, Sala Musaca (CBA28, A Coruña), Colexio Oficial de Arquitectos (Lugo), ou Museo Kloster Asbach (Passau, (Alemaña).

Federico Vladimir Strate Pezdirc (Bos Aires, Arxentina, 1983)

“A miña obra, sexa en forma de instalación ou de peza audiovisual, consiste en crear narrativas de ficción entrelazando obxectos, textos e imaxes que utilizan o íntimo e o documental para encher os ocos que a ficción non é quen de cubrir. Os anacronismos e discontinuidades da narración rachan a súa linealidade e a converten nunha sucesión de secuencias que se contrapoñen e se reflicten entre elas nun labirinto de ecos”.

Federico Vladimir Strate Pezdirc é licenciado en Comunicación Audiovisual (Universidad Complutense, Madrid) e máster en Comunicación Visual (Royal College of Art, Londres). En 2010 recibiu o Premio de Creación INJUVE 2010 e un accésit do Man Photography Prize (Londres) por Bruxismo, e en 2011 foi gañador do 1o Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas. Entre as mostras colectivas máis recentes nas que participou se contan Man Photography Prize, Courtyard Gallery, Royal College of Art (Londres, 2010); Artes Visuais Creación INJUVE 2010, Círculo de Bellas Artes (Madrid, 2010); Premio Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela, 2011); Acoustic Images (Royal College of Art, Londres, 2011); Show 2012 (Royal College of Art, Londres, 2012); e Cinéma du Réel, Festival Internacional de Cine Documental, Centro Pompidou (París, 2012). Ten colaborado con distintos proxectos na realización de vídeos de promoción e documentación de pezas musicais e de artes escénicas.