rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Proxección audiovisual MARATÓN FOTOGRÁFICO. Unha retrospectiva

Proxección audiovisual MARATÓN FOTOGRÁFICO. Unha retrospectiva

Datas: 
29 outubro 2021 - 21 novembro 2021
Horario: 
Proxección en continuidade, de martes a sábados de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00; domingos de 11.00 a 14.30
Lugar: 
MARCO, sala vestíbulo principal


Organiza: Agrupación Fotográfica Galega

Co gallo do 25º aniversario do Maratón Fotográfico ‘Concello de Vigo’, e previo á exposición que se inaugurará na Casa Galega da Cultura o 18 de novembro, o MARCO acolle unha peza audiovisual producida para a ocasión, que recolle a traxectoria das diferentes edicións deste certame, e que se proxectará de forma continuada durante todo o horario de apertura ao público.

Un vídeo recopilatorio de fotografías, entrevistas a membros do xurado e gañadores dalgunha das últimas 15 edicións. Nesta peza pódese apreciar tamén a evolución da fotografía, os temas que foron fotografiados, e unha escolma de obras fotográficas na que caben todos os estilos e propostas.

O Maratón Fotográfico, que este ano celebra a súa XXV edición, está organizado pola Agrupación Fotográfica Galega e conta con patrocinio do Concello de Vigo Trátase, sen dúbida, dun dos concursos fotográficos máis antigos e con máis tradición non só en Vigo e a súa comarca senón tamén en toda Galicia.

As persoas participantes, en torno a cen, deben tomar as súas fotografías dentro dos límites do Concello de Vigo, inspirados por catro temas que se manteñen en segredo ata o momento da saída. Ao longo de 24 horas deben capturar catro imaxes que logo serán seleccionadas e conformarán unha exposición das que o xurado escollerá as gañadoras.

O Maratón Fotográfico e a AFG

A Agrupación Fotográfica Galega, fundada en 1946 e aberta a todos os amantes da fotografía e do cinema, foi pioneira en Galicia e veu desenvolvendo dende entón un importante labor, con actividades de formación e divulgación como cursos de fotografía ou encontros sobre foto e cinema. Foi en 1995 cando a AFG organizou o seu primeiro Maratón Fotográfico 'Concello de Vigo'. A partir de aí, o Maratón cambiou varias veces de espazo expositivo, evolucionou no seu formato e duración, e adaptouse aos cambios derivados dos avances técnicos e da fotografía dixital. Hoxe en día, aberto á participación de calquera persoa interesada e afeccionada á fotografía, o certame articúlase en torno a catro eixes: 24 horas de duración, 4 temas propostos pola organización, 20/25 series seleccionadas, e 3 series gañadoras.