
Que conta a miña roupa?. Obradoiro para público infantil e persoas usuarias de AFAGA
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
En colaboración con AFAGA. Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia
Destinatarios: persoas usuarias de AFAGA e público infantil de 7 a 12 anos
Gratuíto. PRAZAS LIMITADAS
Previa inscrición en recepcion.marco@gmail.com
Coincidindo co 26 de abril, o MARCO súmase á celebración do Día do Neno e da Nena, e ao Manifesto difundido pola Fundación Crecer Jugando, a Asociación Española de Fabricantes de Juguetes e as entidades, organizacións e empresas do ámbito da infancia que quixeron participar e dedicar esta xornada aos máis pequenos.
Para ese día preparamos unha actividade moi especial que reforza a colaboración entre o Museo e AFAGA, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, destinada a persoas maiores afectadas de Alzheimer e a público infantil que participa habitualmente nas actividades didácticas do MARCO. A partir deste contacto interxeracional, experimentamos o poder da arte como ferramenta terapéutica, como reflexión individual e como vía de socialización.
A proposta ten como punto de partida a exposición TERESA MORO. O Efecto Reliquia, que actualmente se exhibe nas salas do primeiro andar. Durante o percorrido por salas, centrarémonos naquelas obras nas que a artista reproduciu en formato pictórico varias pezas de vestir e obxectos persoais dalgúns dos seus artistas preferidos. A continuación, no taller, utilizaremos os materiais dispoñibles para personalizar as nosas propias camisetas, con cores e mensaxes que poñan de relevo a nosa personalidade, as nosas sensacións, e o lema deste día.