RESULTADO CONVOCATORIA PROXECTOS ANEXO 2017
No día de onte, mércores 7 de setembro, tivo lugar a reunión dos integrantes do comité de avaliación da Convocatoria de proxectos Anexo 2017, un concurso pensado para seleccionar, entre os participantes, a programación do espazo Anexo do MARCO dende marzo de 2017 a xaneiro de 2018.
Mela Dávila, directora de programas públicos do MNCARS Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía; Julio Gómez, codirector de Sinsalaudio; Sören Meschede, membro de hablarenarte; e Agar Ledo, responsable de exposicións do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, chegaron ao acordo de que entre os 24 presentados, o proxecto que mellor responde ás bases da convocatoria é o seguinte:
#Salón do MARCO. Un lugar para facer, coordinado por Fran Quiroga: unha proposta que pretende transformar o Anexo “nese lugar de socialización, nese espazo de encontro e de interacción e debate que transite entre os dentros e aforas do propio centro de creación, co obxectivo de participar nesas praxes que facilitan procesos de axenciamento colectivo”.
Os membros do comité analizaron e debatiron cada un dos 24 proxectos presentados á convocatoria, que incluían varios ciclos de exposicións e actividades, algúns cun alto compoñente educativo, e tamén propostas experimentais de carácter colaborativo. O debate centrouse nas catro propostas que resultaron finalistas.
Do proxecto seleccionado valorouse, entre outras cuestións, “a boa articulación dos contidos e da xestión, tamén económica, do proxecto”; “a implicación de públicos que non proceden necesariamente do campo da arte”; “o carácter colaborativo da proposta, en cuxa redacción participaron os colectivos implicados, que ademais amplían o marco de participación fóra do ámbito da arte contemporánea”; e “a apertura do espazo á cidadanía, para que se apropie del participando e producindo contidos”. Os integrantes do comité que valorou as propostas destacaron que se traballe para “converter o espazo Anexo nun lugar no que sexa o visitante ou o asistente quen forme parte crucial do desenvolvemento da actividade”.
---------------------
Fran Quiroga (Ourense, 1982) é fundador e director da empresa KOLECTIV, Oficina de I+C+I (Premio Emprende Gaias Sixto Seco 2015) e ten acreditada experiencia no campo da creación contemporánea, así como na investigación entre os eixos de participación, arte e comúns. Ten impartido conferencias en centros como MUSAC, Arts Santa Mònica, MediaLab Prado, Ministerio de Educación y Cultura, USC, ou University of Pennsilvania, entre outros. Ten impulsado encontros e sesións en universidades e centros de ensino. Cooordina Montenoso, proxecto de creación contemporánea, co que obtiveron a Mención de Honra no Ars Prix Electronica (Austria 2014). Coordina o Programa de Estudos en Mancomún: Ruralidades, Feminismos e Comúns, que ven de obter financiamento pola Fundación Daniel & Nina Carasso. Coordina o CulturaLab do Máster en Servizos Culturais da USC, e está iniciando o proxecto de investigación Ruraldecolonizado, camiñando por pluralismos epistemolóxicos. http://franquiroga.gal