rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Rosario Sarmiento

Rosario Sarmiento Escalona é licenciada en Xeografía e Historia, cunha salientable traxectoria profesional na programación e xestión de proxectos culturais de diversa tipoloxía: artes plásticas, música, teatro, cinema, audiovisual, conferencias, publicacións, etc. Ten un amplo coñecemento do eido cultural e moi especialmente do relacionado co sistema da arte e o coleccionismo, crítica, mercado, museos e institucións, galerías e artistas.

Con máis de trinta anos de experiencia profesional, dirixiu a colección de arte Caixa Galicia, actualmente Abanca, e foi subdirectora da Fundación Caixa Galicia, cunha importante traxectoria na dirección e xestión dunha colección de arte corporativa, así como na selección de obras para a súa posible adquisición e de artistas para a programación de exposicións e actividades, e na organización, comisariado, coordinación, deseño e montaxe de exposicións. Colaborou con diversas institucións, entre outras, Academia de Belas Artes de Galicia, Auditorio de Galicia, Concello da Coruña, Xunta de Galicia, Museo Casa Natal Picasso, Chillida-Leku, Casa del Lector Madrid, Museo e Bienal de Pontevedra, Museo das Mariñas e Museo Arqueolóxico da Coruña.

A súa actividade inclúe a xestión de proxectos culturais de amplo espectro, e a difusión de actividades culturais a través da organización e xestión de proxectos didácticos. Entre 1992 e 1996 foi crítica de arte no suplemento cultural de La Voz de Galicia, colaborando tamén en revistas especializadas como Arte Ibérica, Arte Omega e Arco Noticias. É autora e coautora de diversas publicacións, e foi membro fundador da Asociación Galega de Críticos de Arte. Ten comisariado, entre outras, as exposicións Carlos Sobrino; Si une grand'âge...; Julia Minguillón; A Xeración Doente; Contravento e Marea; A arte inexistente: artistas galegas do século XX; Urbano Lugrís: viaxe arredor do meu mundo; Territorio de mujeres; Isaac Diaz Pardo; Picasso: entre el equilibrio y el vértigo.

www.rosariosarmiento.gal