
SINSAL OUTONO. SUN ARAW + ARBOREA
En Sun Araw conviven ecos tan distantes como o dub ou o afrobeat, liñas de guitarras repetitivas, teclados e ritmos enrarecidos cunha voz que xoga a dar ás súas composicións o estrano aire circular que as caracteriza. Sun Araw serían outra banda que revitaliza a psicodelia, de non ser porque insiren a súa particular proposta nunha escena contemporánea que mira cara aos ritmos tropicais.
Música atemporal, un folk etéreo que non renuncia ás sombras, á escuridade. Arborea baña as súas composicións no elemental para convertilas na cara complexa da sinxeleza. Guitarras, banjo e voz para evocar misterios, harmonías e melodías que con eles soan sempre distantes e distintas. Escoitar a Arborea relendo as pautas do folk clásico é atopar as raíces, sumerxirse nos profundos bosques dos que parecen vir.