rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
SUSANNE S. D. THEMLITZ. A linguaxe das cousas mudas

SUSANNE S. D. THEMLITZ. A linguaxe das cousas mudas

Ficha

Datas: 
8 novembro 2024 - 13 abril 2025
Lugar: 
Salas da planta baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Miguel Fernández-Cid

Dende que se deu a coñecer, a mediados dos anos noventa, en proxectos comisariados por Luís Serpa, Susanne S. D. Themlitz (Lisboa, 1968) defendeu unha práctica artística na que recorre aos medios e materiais máis próximos. As súas pinturas iniciais e obxectos de pequena escala e de tratamento denso, deron paso a fotografías e recreacións de paisaxes transportables, xeralmente habitadas por pequenos personaxes. Nas últimas décadas, dende a súa dobre residencia, portuguesa e alemá, formula unha obra ambiciosa na que plasma as ideas en debuxos e pinturas sobre papel ou muro, esculturas, fotografías, vídeos, obxectos, textos, xunto a materiais recollidos dos almacéns das instalacións nas que expón.

O seu proxecto para o MARCO, ademais de servir de reflexión sobre a memoria dos materiais, a vida do propio centro e a súa contorna, revisa as diferentes formulacións estéticas da artista, cunha montaxe que busca a sorpresa do público, ao pensar de modo diferente cada unha das salas. Susanne Themlitz constrúe un mundo con autonomía en cada espazo. A partir da grande instalación visual e sonora construída con canas de bambú no primeiro dos patios, a circulación pola planta baixa continúa por unha sala concibida a xeito de arquivo ou laboratorio da artista, e dende aí vai transitando pola idea dunha paisaxe habitada, a través dun conxunto de obras en distintos formatos que se van apropiando dos espazos.

Unha exposición, polo tanto, que permite repasar os intereses estéticos da artista, a evolución da súa obra, e a súa mirada sobre a cidade que acolle a mostra.

Catálogo

Con motivo desta mostra, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, editará unha publicación que, xunto a imaxes e documentación das obras en exposición, incluirá textos do comisario e director do MARCO, junto a outros autores.

Programación para escolares

Colabora: Fundación “la Caixa”

A partir do 15 de novembro
Horario: de martes a venres de de 10.00 a 11.30 e de 11.30 a 13.00
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 200 / 986 113900 Ext. 308 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com

Obradoiros infantís

Colabora: Fundación “la Caixa”

A partir do 23 de novembro
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 200 / Correo-e: recepcion@marcovigo.com

Información e visitas guiadas

O personal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais: todos os días ás 18.00 / Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita.

Rutas interactivas a través da App Vigo

O sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.

Fotografía portada:
Susanne Themlitz. A linguaxe das cousas mudas
Fibra de vidro, xeso, cerámica, madeira, felpa, 55 x 64 x 30 cm.
Cortesía da artista

Artistas

Susanne S. D. Themlitz


Susanne S. D. Themlitz
, nacida en 1968 en Lisboa, vive e traballa en Colonia e Lisboa. Levou a cabo os seus estudos de Artes Visuais entre 1987 e 1995 en Ar.Co. (Lisboa), Royal College of Art (Londres) e Kunstakademie de Düsseldorf.

Entre as súas exposicións individuais dos últimos años cóntanse Still/Home, Galería Martins&Montero (Bruxelas, 2024); Ghosts and Weeds, Maus Hábitos (Porto, 2023); Poemas, Galería Ángeles Baños (Badajoz, 2023); Dentro, Galería Vera Cortês (Lisboa, 2022), Transformatório Themlitz & Companhia, Arquipélago Museum for Contemporary Arts, (Azores, 2022); From the Forest Floor, Galería Alex Serra (Colonia, 2022); Um berlinde no chão, quase no meio da sala, Casa da Cerca (Almada, 2021/22); Momento Monumento, Porta 14 (Lisboa, 2021); Longe. Desvelado. Ao vento, Sismógrafo (Porto, 2020); The Still Life of Landscape, Matjö Raum für Kunst (Colonia, 2019); El silencio cerca de la línea, Galería Ángeles Baños (Badajoz, 2019); Três linhas, um canto vezes quatro. E uma paisagem, Galería Vera Cortês (Lisboa, 2018); Respiração. Pausa – Entre dois pontos, Galería Vera Cortês (Lisboa, 2016); Le loir est rendormi, Houg Gallery (París, 2015); Entre el Tiempo, Museo de Arte Moderno y Contemporáneo de Santander y Cantabria (Santander, 2011).

A súa obra formou parte de exposicións colectivas en institucións, museos e galerías como Bienal de Arte Contemporánea de Coimbra (Coimbra, 2024); MU.SA, Museu das Artes de Sintra (Portugal), Inje Naeseorak Art Museum, Gangwon-do (Corea), Kunsthalle Niendorf (Hamburgo, 2024); Fundación MAAT (Lisboa, 2024, 2019, 2016); Fundação Calouste Gulbenkian (Lisboa, 2023, 2021, 2016, 2012, 2004); Fundação Carmona e Costa (Lisboa, 2024, 2023); Atelier-Museum Júlio Pomar (Lisboa, 2023); Contemporary Arts Center (Coimbra, 2023); Centro de Artes Oliva (S. João da Madeira, 2023, 2022, 2018); MNAC (Lisboa, 2023); Fundação PLMJ (Lisboa, 2023); Culturgest (Lisboa, 2021, 2013, 2003, 2000); Arpad Szenes – Museo Vieira da Silva (Lisboa, 2021, 2019, 2013, 2002); CAAB (Beja, 2021); MEIAC (Badajoz, 2021, 2003); Museu de Arte Contemporânea Nadir Afonso (Chaves, 2020); Galería Frank Schlag (Essen, 2020); Kunsthalle (Düsseldorf, 2019); Kulturbahnhof (Eller, 2019); Casa da Cerca (Almada, 2019); Fundação Eugénio de Almeida (Évora, 2019); The Kreeger (Washington, 2018); Carreau du Temple (París, 2018); Museu do Oriente (Lisboa, 2017); Galerina Steiner (Berlín, 2016); Rompone Kunstsalon (Colonia, 2016); Arquipélago (S. Miguel/Azores, 2022, 2015); Museo de Arte de Huelva (Huelva, 2015); MACE (Elvas, 2014); Galería Martina Kaiser (Colonia, 2013); Fundación Hans-Peter-Zimmer (Düsseldorf, 2012); Centro Cultural de Belém (Lisboa, 2010, 2009, 2007); Museo Patio Herreriano (Valladolid, 2008); MACUF (A Coruña, 2008).

O seu traballo está presente en coleccións de museos e institucións como: Museo Amadeo de Souza-Cardoso, Colección António Cachola, Arquipélago Museum for Contemporary Arts, Bordalo Pinheiro Museum, Caixa Geral de Depósitos/Culturgest, Fundação Calouste Gulbenkian, Fundação Carmona e Costa, Fundación Centenera, CACE Colecção de Arte Contemporânea do Estado Português, Fundação EDP/MAAT, Colecção Figueiredo Ribeiro, Fundação FLAD, Colecção Municipal de Lisboa, MAS Museum Santander, MEIAC Badajoz, Colección Norlinda & José Lima, Fundação PLMJ, Fundação Serralves, Colección Jorge Pérez, e Colección Vasco.

Recentemente, Themlitz foi seleccionada na última convocatoria de ‘Apoio á Creación’ de Fundació ”la Caixa”, para un proxecto a realizar durante o ano 2025.

+INFO sobre a súa obra, proxectos e documentación en https://susannethemlitz.net/

Texto curatorial

Artista formada entre Portugal e Alemaña, Susanne S. D.Themlitz (Lisboa, 1968) dáse a coñecer no arranque dos anos 90, sorprendendo polo persoal dun imaxinario cheo de referencias a obxectos cotiáns e a un mundo de fabulación ao tempo plástico e literario. Fronte ao interese de moitos artistas portugueses da súa xeración en delimitar liñas moi concretas de traballo, decide combinar elementos procedentes das dúas culturas das que se alimenta: fragmento e síntese, paisaxe e paseo, caos e orde. Esa elección lévaa a relacionarse con artistas de xeracións anteriores (Sigmar Polke, Thomas Schütte, Juan Muñoz), interesándose na busca de novas formas de sentir o espazo e integrar na obra a presenza do relato, a ficción, o eco, a palabra, o son ou a metamorfose como dimensión, afastándose da rixidez da suxeición a aspectos exclusivamente formais.

Partindo dunha escala pequena e un tratamento nu ou denso, as súas primeiras pinturas, obxectos, colaxes, fotografías e vídeos seducen, atraen, provocan, como eses contos infantís que esconden relacións tensas e paixóns ocultas. Cando a obra crece, preséntase como unha especie de paisaxe, de natureza aberta, viva, en transformación. Percibimos murmurios, pasos perdidos, conversas imposibles, ecos, xerminación, cambio natural. Intúese unha idea inicial de paseo, observación e comentario, ao modo de Robert Walser e Herberto Helder; do mirar intenso e inquisitivo de Borges ou Calvino; do xogar cos conceptos de Baudelaire, e o resultado é un imaxinario ao que asoman os irmáns Grimm, Lewis Carroll, as sagas medievais, Tolkien, os relatos con cambios de dimensión, a transferencia entre mundos, a realidade aparente e os microrrelatos. Discursos nos que se trazan historias, se acompaña o relato, se desvela o proceso pero non se valora, non se xulga. Sen nostalxia, con férreo compromiso contemporáneo.

Dese ámbito e da reivindicación do taller como lugar no que os materiais reclaman a súa memoria e establecen relacións, nacen pensamentos que hai que expresar en imaxes. A idea central é escultura, e ao seu redor, buscándoa, o debuxo como murmurio, referencia. Nada se impón, todo se entretece para definir planos, habitar o espazo: a pintura é un xesto que suxire por onde ir pero non delimita nin concreta, non cobre o soporte; xoga a se sentir fragmento, bosquexo, nunca imaxe pechada, final. Como as liñas de bambú ou as súas sombras, verdadeiros debuxos no aire e sobre a parede, modos tamén de tentear o espazo, de achegalo. Espazo como caderno de apuntamentos, libro de notas no que o debuxo é bruma, a cor turbillón, o texto murmurio.

Todo está en contacto e transformación, esperando a curiosidade de quen mira. As formas xorden do orgánico, pero nacen do chan, da natureza. As figuras non son fantasías nin soños ou imaxinacións: entran no noso mundo, descubrimos que xa estaban e quizais nos observan, de xeito que provocan inquietude, fannos sentir estrañeza, entrar noutra realidade.

As imaxes, obxectos, instalacións de Susanne Themlitz escapan das certezas, suxiren o momento previo, a aparición ou a fuxida. Un mundo que descubrimos por sorpresa, que vemos dende outra dimensión. Non é un magma que se estende: é un paseo, unha paisaxe, un xogo de miradas, un convite á curiosidade, a non nos contentar coa imaxe primeira, a descubrir micromundos, reflexos, xanelas abertas, ocos que se abren a outras realidades. Un relato continuo, que se autoalimenta, interminable.

Fronte aos artistas que necesitan o espazo branco, Susanne Themlitz móvese a gusto entre "contaminacións", mesmo parece buscalas. Cando pensaba como darlle forma á súa exposición no MARCO, paseaba polas súas salas, corredores interiores e almacéns, tomáballe o pulso (mesmo anímico) ao conxunto, coma se fose unha paisaxe que debía habitar, facela súa. Buscaba elementos que integrar no seu proxecto, dando sentido ao diálogo, nunca á imposición. Como resultado, instalacións nas que se despregar e a recreación do arquivo, do taller, do almacén no que se gardan obras que, nas súas conversas, anuncian as seguintes, invitándonos a descifrar, como no poema de Baudelaire, "a linguaxe das flores e das cousas mudas”.

Susanne Themlitz invita a preguntarnos sempre polo que se esconde, polo que hai detrás, dentro, oculto, previo: a caracola como memoria do que contivo, o molde exterior da escultura en bronce como pegada e obxecto, a lupa que nos descobre o mundo agochado no menos perceptible, as liñas que suxiren direccións. Non se trata de reproducir a realidade senón de actuar nela, tomándoa como paisaxe que se pode modificar. Algo está a piques de suceder ante os nosos ollos, sempre que os manteñamos abertos. A cuestión é querer ver.

Miguel Fernández-Cid, director do MARCO e comisario da exposición