rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Tania Bruguera

(A Habana, Cuba, 1968; vive e traballa entre A Habana e Chicago, EUA)

Tania Bruguera é unha artista interdisciplinaria que traballa temas políticos principalmente mediante a arte de conduta, a performance, a instalación e o vídeo. Participou en Documenta, Performa, e en dúas ocasións nas bienais de Venecia, Kwangju e A Habana. A súa obra exhibiuse tamén en importantes museos de Europa e Estados Unidos, como a Tate Modern, The Whitechapel, Gallery PS1, ZKM, IVAM, Kunsthale Wien e The New Museum of Contemporary Art. As súas obras forman parte da colección da Tate Modern; Museum für Moderne Kunst; Darvos Foundation; Museum of Modern Art; Museo do Barrio; Bronx Museum; IVAM; Museo Nacional de Belas Artes, e Centro de Arte Contemporáneo Wifredo Lam. En 1998 foi seleccionada bolseira Guggenheim (EUA) e en 2008 obtivo o Premio Prince Claus.

As obras de Tania Bruguera céntranse na relación entre a arte, a política e a vida. Nelas, a arte concíbese como unha experiencia que debe atravesarse e como un espazo para a realización de proxectos utópicos. Interésalle en especial a inserción da arte na vida política cotiá. Dende 2002 -coa creación da Cátedra Arte de Conducta, un proxecto alternativo da escola de arte de A Habana- emprendeu unha serie de proxectos nos que traballa sobre a apropiación de estruturas e recursos de poder, e non só da linguaxe deste. Xa non lle interesa representar meramente situacións políticas, senón crealas poñendo en movemento na súa obra algunhas das mesmas estratexias usadas polos poderes políticos. O seu traballo, moitas veces de natureza efémera polo emprego de accións vivas, materiais fráxiles ou ambas as dúas cousas, reflicte a condición igualmente efémera de calquera verdade política.