TERESA MORO. O efecto reliquia
Ficha
Coa colaboración de:
Deputación de Pontevedra
Acabado de estrear o ano 2022, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, inicia a súa programación cunha mostra individual protagonizada por Teresa Moro (Madrid, 1970) que, baixo o título O Efecto Reliquia, pon en escena un proxecto que nos fala da paixón da artista por coleccionar, rastrexar e arquivar obxectos singulares, como acto de resistencia e de reivindicación a través da pintura.
Para Teresa Moro, o “Efecto Reliquia” é aquela emoción que esperta nela cando cre atoparse ante un obxecto –unha paleta, un tallo, unha cama, unha peza de roupa…– que puidese ter pertencido ou ter sido utilizado por un artista, actual ou pasado, a quen ela admira. Obxectos de uso común, aos que a relación diaria cos seus donos converteu en únicos.
Nos santuarios da época clásica custodiábanse artigos venerables asociados co heroe, como roupas e mobles, que tiñan unha misión protectora. A mesma que inspira a Teresa Moro cando, hai xa varios anos, comezou unha persoal campaña de rescate de reliquias como estratexia defensiva fronte ás ameazas que sentía que asediaban o creador contemporáneo.
Este proxecto pretende mostrar parte do botín de exemplares atopados por Moro tras peregrinacións reais ou virtuais, e que como artista-coleccionista vai clasificando nun particular arquivo gráfico. Arquivo que traslada á parede do estudio, que paseniño adquire o aspecto dun altar votivo.
Cada unha das reliquias que Moro nos ensina é un recordo evocado no presente que, grazas ao acto de preservalo, se proxecta cara ao futuro. A pegada daqueles artistas aos cales pertenceron consérvase latente nos seus aparellos, revivirá grazas ao feito de reunilos, e esa reminiscencia quedará na obra realizada baixo a súa invocación.
A montaxe nas salas do MARCO organízase segundo un percorrido que nos vai deixando pistas e debuxando unha sutil liña narrativa en paralelo a esta serie de achados e descubrimentos: dende os Axexadoiros das portas que nos permiten asomarnos ao interior, as Postais con vistas exteriores das casas-estudio dos artistas, e os Estudios en si – coas mesas de traballo tratadas a xeito de bodegóns– ata a serie Reliquias propiamente dita, conformada por obxectos máis escollidos e persoais, como ferramentas ou roupa de traballo. Continuando nesta liña, a segunda sala desprega a serie Camas, que reúne pezas antigas xunto a obras realizadas neste último ano.
Teresa Moro concibiu este proxecto como un traslado do ritual diario do estudio á sala de exposición, como un convite ao público para compartir os segredos do culto á pintura, intercalando fotografías de arquivo con debuxos e cadros que van colonizando o espazo expositivo. Mostrándolles o escenario, a liturxia; replicando co pincel as ferramentas e espazos de traballo, ofrecéndolles penetrar no seu universo máis cotián para flanquearlles o paso á intimidade do proceso creativo.
Dossier documental
Paralelamente á exposición, a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO preparou un dossier documental, que reúne enlaces a artigos e información complementaria sobre a artista, accesible para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais.
Programación para escolares
Colabora: Obra Social “la Caixa”
A partir do 18 de xaneiro de 2022
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30
Previa cita: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 / Correo-e: comunicacion@marcovigo.com
Obradoiros infantís de fin de semana
Colabora: Obra Social “la Caixa”
A partir do 15 de xaneiro de 2022
Horario: sábados de 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
Previa inscrición: tel. 986 113900 Ext. 100 / 986 113908 / Correo-e: recepcion.marco@gmail.com
Información e visitas guiadas
O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:
Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113908
Rutas interactivas a través da App Vigo
O novo sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.
Artistas
Teresa Moro
Teresa Moro (Madrid, 1970) vive e ten o seu estudio en Pozuelo de Alarcón. Formada na Universidad Complutense (Licenciada en Belas Artes na especialidade de Pintura), e en Chelsea School of Art and Design de Londres, onde estudou un curso no Departamento de Pintura.
Vencellada dende 1997 á galería My name’s Lolita Art, e a partir de 2010 á galería santanderina Siboney, tamén colabora con Galería Trinta de Santiago de Compostela e Espacio Líquido de Xixón. Fóra de España traballou coa galería MCO de Porto e a de Nova York Foxy Productions.
Dende 1994, ano da súa primeira individual, realizou numerosas exposicións, entre as que se inclúen as seguintes: “Es fácil encontrar una cama de Judd” solo project para Arte Santander; “Soñar en el estudio, pensar en la cocina, pintar en la cama”, Minim Madrid; “Seguir pintando” galería Siboney, Santander; “Seguir pintando”, galería MCO Porto; “El mueble permanece”, galería Trinta, Santiago de Compostela; “Zona de confort”, Espacio Líquido, Xixón; “Línea italiana”, solo Project en SETUP, Bolonia; “Intento de apropiación de una silla de París II, spin-off”, galería Siboney, Santander; “La invitada inesperada”, galería My name’s Lolita Art, Madrid; “Atracciones”, galería Siboney, Santander; “La coleccionista”, galería Bacelos, Vigo; “Emboscada” (mural no marco do programa 4 paredes), CAB de Burgos; “Safari”, galería My name’s Lolita Art, Madrid; “Vida salvaje”, Sala Carlos III da Universidad de Pamplona; e “Wildlife”, Foxy Productions Gallery, Nova York.
Entre as colectivas nas que ten participado recentemente, destacan: “Epílogo a la siesta de un fauno”, Museo de Teruel; “Salón retaguardia”, Factoría del arte, Madrid; “A la manera de II”, galería Rafael Ortiz, Sevilla; “Las mujeres de Lolita”, My name’s Lolita Art, Madrid; “Dibujar la tormenta”, Biblioteca Central de Cantabria, Santander; “Casa-Calle-Estudio-Barrio”, CentroCentro Madrid; “Papeleo. Dibujo Contemporáneo Español”, TAM. Today Art Museum, Beijin; “Ecco Domus”, Art House Jersey City; “Pintura en voz baja. Ecos de Morandi en el arte español”, Centro José Guerrero Granada; “Freestyle. Perspectivas de dibujo contemporáneo”, sala de exposiciones Caja Murcia; Palacio de Pedreño; Cartagena; “Selections from the Hoggard-Wagner Art Collection”, English Kills Gallery, Brooklyn, Nova York; “Extrarradio”, MAG Mustang Art Gallery, Elche; “[I+E] La Colección”, CAB Centro de Arte Caja Burgos.
En 2020 obtivo unha das axudas á creación S.O.S. Cultura de VEGAP, e en 2009 unha bolsa na XI Edición de Becas Endesa para Artes Plásticas. En 1994 gañou a Beca Banesto de Creación Artística, e en 2001 unha estadía no Colegio de España en París, convocada polo Ministerio de Cultura.
A súa obra figura en distintos museos e coleccións como: Colección Coca-Cola; MoMA, Nova York (Colección Judith Rothschild) ; CGAC, Santiago de Compostela; Gobierno de Cantabria (Colección Norte); CAB, Burgos; Hoggard-Wagner Collection, Nova York; Museo de Arte Contemporáneo del Ayuntamiento de Madrid; Colección Himalaya; Ministerio de Cultura de España; Fundación Endesa; Colección Unicaja, Málaga; ou Diputación de Cádiz (Colección Aduana), entre outras.
Texto curatorial
Visitar o estudio dun artista é unha experiencia delatora: quen entra con ollos inquedos descobre os seus materiais, o seu xeito de traballar, os seus apoios, mesmo os seus costumes. Nalgúns reina unha orde case estrita, noutros unha desorde á que sempre lle é posible atopar sentido; por todos se moven os artistas con sorprendente soltura.
Hai artistas que clasifican brochas e lapis, que os teñen ordenados en perfecto estado de revista. Amorean outros os cadros en cuartos e corredores. Traballan uns en varias obras ao mesmo tempo e despréganas polas paredes dos seus estudios, mentres outros se envorcan nun único empeño. Antes había sempre unha mesa de debuxo, o espazo do teléfono e unha cadeira de brazos estratexicamente disposta para ver como avanza a obra.
Teresa Moro (Madrid 1970) leva anos deténdose neses espazos, visitando os dos seus amigos, viaxando para coñecer os de artistas cuxa obra admira ou se sente próxima, coleccionando reproducións ou copias de imaxes baixadas da rede. Dese material parte para realizar debuxos e pinturas, case sempre de pequeno formato, vendo os obxectos de fronte, sobre fondos en aparencia neutros, cun modo de pintar en extremo persoal.
Lentes, pipas, mesas de traballo, pinceis, tubos de pintura, paletas, cadeiras, sofás, roupa, libros, portas, axexadoiros das portas, placas, escaleiras, obxectos... e as camas dos artistas atraen a súa atención e lévaos á tea ou ao papel. O resultado é unha homenaxe á pintura, ao acto de pintar e talvez a súa resposta á pregunta do seu querido Ángel González García: “Quen sabe o que fan os pintores nos seus estudios? Durmir? Soñar talvez?”.
Miguel Fernández-Cid / Pilar Souto Soto
Texto artista
O Efecto Reliquia
A paixón urxente por rastrexar, recolectar e arquivar, alenta este proxecto. O clasificador que me interesa é o que usa a súa habilidade para analizar o pasado co desexo de entender o presente e proxectalo cara ao futuro. Tarefa que mudará feliz, se se acepta que un dos praceres inherentes a coleccionar é o feito de que nunca rematarás de facelo.
Durante a época clásica nos santuarios gardábanse artigos venerables asociados co heroe, incluídos roupas e mobles. En principio, os antigos gregos non atribuían a aqueles restos propiedades milagrosas, senón que a súa presenza tiña para eles unha misión protectora.
Actualmente son outras as ameazas. Nestes tempos de constante asedio dos que cuestionan a pertinencia de dedicarse á arte, fíxose evidente a necesidade dunha estratexia defensiva en torno á pintura. Esta está en risco de converterse nun ‘culto heroico’, e resulta inaprazable impulsar unha campaña de busca de reliquias que a tutele. Rastros e restos que foron propiedade de autores polos que senta devoción, que poidan restaurar a fe na súa práctica.
Así, o espazo de traballo, agora, transformouse nun lugar dedicado a render culto aos ídolos. Taller de artista-coleccionista convertido en cámara acoirazada onde se atesoura documentación de obxectos que puidesen ter pertencido ou ter estado en contacto con diferentes creadores. Porque esa relación cos seus donos é a que produce a metamorfose das cousas correntes en únicas. E é por ese estatus de singularidade polo que se engaden ao particular listado, que se nutre, principalmente, de pistas e achados conseguidos na rede e noutras publicacións.
Walter Benjamin, nun discurso sobre o coleccionismo[1], escribiu que os coleccionistas son fisonomistas do mundo dos obxectos. Máis adiante fala da evocación de imaxes e recordos que se espertan nel ao desempaquetar a súa colección de libros tras unha mudanza. E conclúe dicindo que para o coleccionista a propiedade é a relación máis íntima que se pode ter cos obxectos; e que non é que estes cobren vida nel, senón que el é quen vive neles. Desta idea emana a teoría do ‘Efecto Reliquia’.
Contáronse ao longo da historia infinidade de casos de reliquias falsas, que se seguían venerando. A pesar da súa dubidosa autenticidade, os fieis mantiñan a crenza nas súas propiedades máxicas. Algo parecido acontece cando, tras unha peregrinaxe xa sexa real ou virtual, se cre estar ante unha paleta, un tallo ou a cama deste ou daqueloutro pintor.
A colocación dese arquivo documental na parede do estudio recorda a forma en que se dispoñen os altares dos santuarios. Outros obxectos nos muros dos templos son os exvotos. Ao realizar un gouache da pipa de Duchamp e colgalo fronte á mesa, este convértese nunha especie de ofrenda a unha figura imprescindible da arte.
Obstinarse en colleitar e converter eses artigos de uso común en protagonistas da obra, e ademais facelo pintando, hoxendía, constitúe un acto de resistencia fronte á estandarización. Un xeito de render tributo aos mestres, e de proclamar que non se concibe a práctica artística separada da vida. Toda unha reivindicación da creación como experiencia extraordinaria.
Teresa Moro