Vigo Rebelde, o metal en loita. Convocatoria para co-investigadores
Convocatoria aberta ata o 26 de xuño.
#Salón do MARCO. Un lugar para facer
Vigo Rebelde, o metal en loita é unha investigación experimental para percorrer o pasado, presente e futuro das subxectividades situadas/relacionadas coa industria do metal na cidade de Vigo. A través desta proposta pretendemos observar e visibilizar como a cidadanía constrúe movementos sociais que vindican a sustentabilidade das súas propias vidas. Estes movementos sociais son a manifestación dun compromiso, dun afectarse polo dereito á urbe como “ese dereito a facer cidade da maneira que queremos/desexamos” (David Harvey) e como a capacidade que temos as comunidades de afectadas de tecer memorias comúns, transmitíndoas a outras xeracións.
Neste proceso son fundamentais a escoita e o acompañamento, por iso facemos un primeiro chamamento a persoas e colectivos que queiran conformar unha comunidade de co-investigación para, entre todas, cuestionarnos: Que imaxinarios produciron/producen estas revoltas? Que outras subxectividades se constrúen a través destes procesos de mobilización cidadá? Que estratexias houbo e como se levaron a cabo fronte a estes procesos de acumulación por desposesión característicos do capitalismo? Ou que é o que une a estas revoltas urbanas?
Esta investigación experimental transita ao coñecemento a partires de diversas achegas: derivas pola cidade, mapexos colaborativos, debuxos, BIComún e demáis obradoiros que faciliten procesos colectivos de aprendizaxes mutuas e de rescate das memorias comúns. Con esta convocatoria buscamos impulsar unha comunidade epistémica experimental na que os corpos se xunten a facer, entre todas as persoas que formen parte, Vigo Rebelde, o metal en loita.
O proceso terá unha duración de 2 meses, en concreto 6 sesións de 2 horas, e será mediado por Adela Vázquez, quen facilitará o bo vivir da investigación experimental.
Seleccionarase un máximo de 10 persoas en función da carta de motivación, e procuraranse perfís variados, dende aqueles máis relacionados coa praxe e co experiencial a outros máis teóricos. Procuramos xuntar persoas con diversos perfís para que poidan acompañar o proceso de maneira granular, é dicir, na medida das posibilidades de cada quen; sempre co-responsabilizándose do rol que desexe asumir.
A primeira sesión terá lugar no #SalóndoMARCO o martes 27 de xuño en horario de 17.00 a 20.00.
A mediadora desta investigación experimental é Adela Vázquez. Licenciada en Historia da Arte; graduada en Conservación e Restauración de Bens Culturais; mestra en Traballo Social e co-coordinadora do proxecto Niquelarte. Vive en México e traballa entre Galiza e Yucatán co obxectivo de visibilizar as comunidades que coidan os bens comúns en ámbalas dúas latitudes.
Contacto e solicitude de participación:
As persoas interesadas poden solicitar a súa inscrición a través do correo salondomarco@marcovigo.com indicando no asunto: “Vigo Rebelde, o metal en loita. Co-investigación”, facilitando o seu nome, apelidos, email + tfno. de contacto, e explicando nunha carta de motivación (máximo 2 follas) o seu interese persoal e/ou colectivo en participar nesta comunidade epistémica.
A inscrición e participación son gratuítas.
CRONOGRAMA #VR
2ª Reunión Interna. Martes 11 de xullo ás 5 da tarde no #salóndoMARCO.
Mapexo Veciñal. Venres 14 de xullo dende as 11 da maña no Mercado de Abastos de Teis, a dirección é C/ Toural de Abaixo, s/n [Teis, Vigo]
Deriva-Roteiro no centro de Vigo. Venres 21 de xullo ás 6 da tarde; saída dende o #salóndoMARCO [por definir traxecto o martes na reunión].
3ª Reunión Interna. Mércores 26 ou xoves 27 de xullo ás 5 da tarde no #salóndoMARCO.
Galería Fotográfica BIComún. Venres 4 ou sábado 5 de agosto dende as 12 da mañá en Teis durante a Festa Gastronómica da Guía que se celebra neses días no Monte da Guía.
Presentación no #salóndoMARCO. Venres 18 de de agosto (tentativo)