rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Fermín cos seus fillos Avelino, Bautista e Pepiño. Soutelo de Montes, 1957
Familia 1958-59
Cerdedo, 1959-1960
Dorotea do Cará Soutelo de Montes, 1960-61
Cerdedo, 1961
Excursión a Vilagarcía de Arousa 1961
A rubia de Covas. Soutelo de Montes, 1960-1961
‘Changüí’, Marilena. Soutelo de Montes, 1964
1967
Familia de José Luis Caramés Cerdedo, 1969
Amelia, excursión a Vilagarcía de Arousa 1969
Pili a perruqueira.Cerdedo, 1974

Virxilio Vieitez

Ficha

Datas: 
22 outubro 2010 - 24 abril 2011
Lugar: 
salas de exposición da planta baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / Fundación Telefónica, Madrid
Comisariado: 
Enrica Viganò

OBRAS EN EXPOSICIÓN

Cando se cumpren dous anos do pasamento de Virxilio Vieitez (Soutelo de Montes, Pontevedra, 1930-2008), inaugúrase nas salas da planta baixa do MARCO a esperada retrospectiva deste fotógrafo, realizada en coprodución con Fundación Telefónica. A existencia dun importante arquivo familiar que garda a totalidade da súa produción, fixo posible unha investigación a fondo. Ademais dos traballos máis coñecidos de Vieitez, preséntase unha grande cantidade de obras inéditas, entre elas fotografías en cor e vintage, nunha selección comisariada pola italiana Enrica Viganò, especialista en fotografía. A mostra inclúe un total de 293 fotografías expostas en salas —261 en branco e negro e 32 a cor— das que máis da metade son traballos inéditos, ás que se suman os 142 vintage exhibidos en vitrinas. Unha sala biográfica e a proxección do documental Virxilio Vieitez. Más allá del oficio, realizado por José Luis López Linares en 2005, con entrevistas a Virxilio e á súa filla Keta Vieitez, completan o discurso expositivo.

ITINERANCIA

A exposición de Virxilio Vieitez poderá verse máis adiante nas salas de Fundación Telefónica en Madrid, para viaxar despois a outras cidades.

CATÁLOGO

Con motivo desta mostra, MARCO de Vigo e Fundación Telefónica editarán un catálogo que incluirá textos de varios autores, como a historiadora Naomi Rosenblum, que sitúa a Vieitez no contexto da fotografía internacional, un ensaio literario do escritor e xornalista Antonio Lucas, unha análise histórico-antropolóxica de Ramón Villares, e un texto da comisaria, Enrica Viganò, ademais de biografía e bibliografía do autor preparadas por Lucia Orsi, imaxes e información das obras en exposición.

Síntese do proxecto

O ano 2010 conclúe cunha grande mostra individual na planta baixa do MARCO. A exposición de Virxilio Vieitez (Soutelo de Montes, Pontevedra, 1930-2008), coproducida con Fundación Telefónica, ten lugar dous anos despois da súa morte e cando se cumpriría o octoxésimo aniversario do nacemento do fotógrafo. O seu traballo, analizado a posteriori, adquiriu un indubidable valor artístico e social pola confluencia de diversos xéneros e factores, que o sitúan hoxe entre os grandes da fotografía.

O arquivo de Virxilio Vieitez conforma un importante patrimonio cultural conservado en Soutelo de Montes (Pontevedra), o pobo no que naceu o fotógrafo en 1930 e no que traballou case toda a súa vida. A súa filla, Keta Vieitez, expuxo por primeira vez as fotografías do seu pai nunha mostra autoproducida e presentada en 1997 no seu pobo natal, e que incluía algunhas das que posteriormente serían consideradas as grandes obras de Vieitez. A primeira retrospectiva do seu traballo presentouse en Vigo no marco da Fotobienal, en 1998, comisariada por Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal. Outras mostras posteriores presentaban seleccións limitadas de obras, de entre o material dispoñible.

Para esta exposición, que asume o reto de ofrecer unha visión completa do seu traballo, levouse a cabo unha investigación que tivo en conta a práctica totalidade dos negativos datados entre 1953 e 1980. Analizáronse máis de 50.000 e recuperouse material inédito; caixas seladas e latas que contiñan metros de película xamais positivada despois da súa primeira utilización, isto é, tras o encargo do cliente da época.

Ademais das fotografías xa coñecidas, que podemos considerar clásicos da fotografía española, a exposición inclúe unha serie de traballos inéditos, seleccionados tras un longo período de estudio, capaces de desvelar a orixinalidade que posuía Vieitez á hora de interpretar o xénero do retrato fotográfico. Unha sala está enteiramente dedicada ás fotografías destinadas aos documentos de identidade, realizadas sempre sobre un fondo branco, que ofrecen unha representación etnográfica de gran valor, a través de rostros de persoas que, aínda coa súa singularidade e características propias, compoñen o retrato dun pobo. A exposición conclúe coas primeiras fotografías en cor de Vieitez; obras que marcan o avance dunha época na cal a innovación tecnolóxica coincide con cambios políticos e sociais que desencaixan e forzan tamén a linguaxe fotográfica. O conxunto enriquécese cunha sala biográfica, e a proxección dun documental de José Luis López Linares (RTVE, 2005) con entrevistas a Virxilio e á súa filla Keta Vieitez, que engaden unha nova perspectiva externa a través da incursión no universo do autor.

En 1993 Vieitez concedeu á súa filla liberdade absoluta para o emprego artístico das fotografías, e dende entón seguiuse sempre unha liña encamiñada a garantir unha gran calidade, tanto na impresión coma na selección de obras. As fotografías en exposición son copias modernas realizadas en laboratorios especializados. Nas vitrinas e na sala biográfica exhíbense, xunto a estas e por primeira vez, copias de época positivadas polo propio Vieitez e recuperadas en parte nos domicilios das familias para as que foran realizadas.

Artistas

Virxilio Vieitez


Nota biográfica

Virxilio Vieitez nace en Soutelo de Montes (Pontevedra) en 1930. Aos 18 anos viaxa ao Pirineo Aragonés, onde traballa como mecánico e onde compra a súa primeira cámara fotográfica. Posteriormente trasládase a Cataluña, e empeza a traballar na localidade de Palamós como axudante do fotógrafo Juli Pallí, con quen aprende as claves do oficio. En 1955 regresa a Galicia e abre un estudio fotográfico no seu pobo natal, traballando para clientes de toda a bisbarra de Terra de Montes, e retratando xeracións enteiras de veciños, especialmente dende principios dos sesenta, cando se impón a obrigatoriedade de incluír unha fotografía no carné de identidade. En pouco tempo converteuse no fotógrafo máis solicitado para reportaxes de cerimonias, vodas, retratos, preitos, funerais e bautismos, documentando coa súa cámara os momentos clave na vida das persoas e familias da súa contorna. A maioría das obras de Vieitez son en branco e negro, aínda que a partir dos anos setenta realiza tamén fotografía en cor. Se ben a súa etapa máis prolífica se desenvolve nas décadas anteriores, Virxilio Vieitez continúa traballando como fotógrafo ata finais dos anos oitenta, compaxinándoo con outros traballos. A partir de 2006 a súa saúde sofre un empeoramento e falece en Soutelo de Montes, o seu pobo natal, o 15 de xullo de 2008.

Exposicións individuais

1997 Enriqueta Vieitez organiza a primeira exposición de Virxilio Vieitez en Soutelo de Montes, Pontevedra
1998-2001 Virxilio Vieitez, 1955-1965, VIII Fotobienal, Vigo, 1998/ Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 1999/ ‘Encontros da Imagen de Braga’, Fundação Cupertino de Miranda, Famalicão, Portugal, 1999/ Canal de Isabel II, Madrid, 1999/ Pazo da Cultura, Pontevedra, 1999/ Museo del Bierzo, Ponferrada, 2000/ Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 2001/ Centro Torrente Ballester, Ferrol, 2001/ Convento de San Francisco, Ourense, 2001/ Instituto Jovellanos, Xixón, 2001/ ‘Explorafoto’, Patio de Escuelas de la Universidad, Salamanca, 2001
1999 Virxilio Vieitez, Galerie VU’, París, Francia
2003 Virxilio Vieitez. Álbum, FOAM, Amsterdam, Holanda, 2003
2003 Virxilio Vieitez. Fotografías, Cámara Municipal, Caldas da Rainha, Portugal
2006 Virxilio Vieitez. Retrospectiva, IV Bienal de Fotografía Xavier Miserachs, Teatro Municipal, Palafrugell
2006 Virxilio Vieitez. FNAC, Madrid. Exposición itinerante (Madrid, Bilbao)
2009 Sueños por encargo. Galería Juana de Aizpuru, Madrid
2009 Historias de una vida. Centre d’Arts d’Escaldes-Engordany, Andorra

Exposicións colectivas

1999 150 Años de Fotografía en España, Círculo de Bellas Artes, Madrid. Exposición itinerante (Oaxaca, Cidade de México, O Porto, Salamanca, Manila, Budapeste, Valencia)
1999 Collezionismi, la collezione della Fondation Cartier pour l’art contemporain, Palazzo delle Papesse, Siena, Italia
1999 Rendez-vous de l’Histoire, Blois, Francia
2000 PHotoEspaña 2000. España ayer y hoy: escenarios, costumbres y protagonistas de un siglo, MNCARS, Madrid. Exposición itinerante (Xaén, Vitoria, A Coruña)
2000 Diarios Íntimos, Centre Cultural Fundació “la Caixa”, Granollers. Exposición itinerante (Vic, Oviedo)
2001 Memoria gráfica de la emigración española, BBVA, Madrid Exposición itinerante (Europa, Iberoamérica)
2001 Las claves del siglo XX, Museo de las Artes y de las Ciencias, Valencia
2001 VU’ à la Fnac. 15 ans de l’Agence VU’, Fnac, París, Francia
2002 The Spirit of Family, Photographic Centre, Skopelos, Grecia
2002-2004 Alter Ego. Antropologies involuntaires, Mundaneum Museum, Mons, Bélxica/ Jeu de Paume - Site Sully, París, 2003 / Palma de Mallorca, 2003/ FOAM, Amsterdam, Holanda
2003-2004 Les Choix d’Henri Cartier-Bresson, Fondation Henri Cartier-Bresson, París, Francia/ Al gusto de Cartier–Bresson, CaixaForum, Barcelona, 2004
2003 Le pire est à venir. Images contemporaines du monde, Musée Nicéphore Niépce, Chalon-sur-Saone, Francia
2003 Uniques, Galerie VU’, París, Francia
2004 O feito fotografico. Colección fotográfica do Concello de Vigo 1984–2000, MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
2004 Fotografía e arte. Variacións en España 1900-1980, MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo/ PhotoEspaña, Centro Cultural de la Villa, Madrid/ CAAM Centro Atlántico de Arte Moderno, Las Palmas
2004 La Collection Ordóñez Falcón - Une passion partagée, Le Botanique, Bruxelas, Bélxica
2004-2005 The Ecstasy of Things, Fotomuseum, Winterthur, Suiza/ L’estasi delle cose nell'arte, Spazio Oberdan, Milán, Italia
2004 La alegría de mis sueños, I Bienal Internacional de Arte Contemporáneo de Sevilla, Monasterio Santa María de las Cuevas, Isla de La Cartuja, Sevilla
2004 Colecção Fotográfica do Concello de Vigo, Centro Portugués de Fotografia, O Porto, Portugal
2005 Paisaje humano, VI Encuentros de Fotografía Africana de Bamako, Musée National du Mali, Bamako, Mali
2006 Historia da fotografía en España, Fundación Caixa Galicia, Santiago de Compostela
2006 Photograpidsme, Galerie VU’, París, Francia
2007 Rencontres d’Arles 2007, Arles, Francia
2009 A Little History of Photography, CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago de Compostela
2010 Resiliences, Galerie VU’, París, Francia 

Publicacións monográficas

Manuel Sendón, Xosé Luis Suárez Canal. Virxilio Vieitez. Álbum, ed. Centro de Estudios Fotográficos, Vigo, 1998
Joan Fontcuberta, José Luis Canal, Manuel Sendón, Marcial Gondar. Virxilio Vieitez. O Retrato, ed. Universidade de Vigo, Grupo de Investigacións Fotográficas, 2000
Virxilio Vieitez. Revista Photovision n.29 (monográfico), IG Fotoeditor, Utrera, Sevilla, 2000
Laura Terré. Virxilio Vieitez, Col. Photobolsillo, La Fábrica Editorial, Madrid, 2008

Publicacións colectivas

Diarios íntimos (cat. exp.), ed. Fundació “la Caixa”, Barcelona, 2000
España Ayer y Hoy: escenarios, costumbres y protagonistas de un siglo, ed. España Nuevo Milenio, Madrid, 2000
Horacio Fernández et al. Fotografía e Arte. Variacións en España 1900-1980 (cat. exp. MARCO, Vigo, CAAM, Las Palmas), La Fábrica Editorial, Madrid, 2004
Le choix d'Henri Cartier-Bresson (cat. exp.), ed. HCB Foundation, 2003 /ed. Fundació “la Caixa”, 2004
Publio López Mondéjar. Historia de la fotografía en España, Barcelona, ed. Lunwerg, 2005
Revista Club Cultura 11 (reportaxe fotográfica exposición itinerante FNAC), FNAC, Madrid, 2006
Joelle Bolloch. Post mortem, Col. Photo Poche, ed. Actes Sud, París, 2007
Memoria gráfica de la emigración española, ed. Ministerio de Trabajo e Inmigración, Madrid, 2009

Documentais

José Luis López Linares. Virxilio Vieitez. Más allá del oficio, Cultural.es, canal RTVE, 2005
[Exhibido en salas como parte da exposición]

Texto curatorial

“Cando se inventou a fotografía, ninguén podía imaxinar o pouco que encaixaría o seu futuro dentro de esquemas e definicións. Non obstante, o seu destino xa estaba salpicado de achegas, non só no campo da tecnoloxía —o factor máis previsible— senón tamén no seu desfrute, na súa linguaxe e no seu valor. A natureza mesma da fotografía implica certa dose de ambigüidade que fai difícil encaixar unha imaxe nun contexto definido. Unha fotografía pode nacer cunha función moi precisa, para despois adquirir novas connotacións.

Un excelente exemplo desa metamorfose que a fotografía leva no seu ADN é a obra de Virxilio Vieitez. Un fotógrafo que sabía, ou mellor dito sentía, que era o mellor no seu oficio, pero que non se consideraba a si mesmo como autor, e que dende logo non imaxinaba que, despois de cincuenta anos, se recoñecería na súa produción o valor ‘autorial’ e artístico que o situou nunha encrucillada de xéneros e saberes.

Virxilio Vieitez sempre realizou as súas fotografías por encarga, percorrendo Terra de Montes ao longo e ancho para fotografar os seus clientes a domicilio. A súa obra reúne todas as características do fotógrafo rural que documentaba acontecementos e momentos vitais das persoas e familias da zona —dende bautizos ata vodas, primeiras comuñóns ou funerais— pero, a diferenza doutros, tiña un talento especial para conferir solemnidade a cada un dos retratos que realizaba. O seu estilo era inconfundible. Posuía unha capacidade e unha intuición extraordinarias á hora de formular a posta en escena, na que incluía obxectos e suxería poses que ás veces rozaban o surrealismo pero que, malia iso, se convertían logo en fragmentos de verdade, fortemente enlazados coa súa contorna.

O seu papel de fotógrafo de pobo naqueles tempos —de finais dos anos cincuenta aos setenta— gozaba de gran prestixio e encaixaba perfectamente no carácter dun personaxe especial como Vieitez: intelixente, rápido, competente, instintivo e consciente das súas facultades. Daba ordes aos seus modelos cunha firmeza que non admitía discusión e cunha lucidez que garantía o resultado. ‘Eu estudaba a papeleta e, cando premía o disparador, iso era o tiro seguro’. Virxilio Vieitez non desperdiciaba un disparo, era un profesional máis que fiable, unha aposta segura para os seus paisanos da provincia de Pontevedra.

Dos primeiros retratos de estudio —segundo ditaban os costumes da época— aos que ambientaba ao aire libre, os seus preferidos; das reportaxes de cerimonias ás fotos de tamaño carné para o DNI, así como os retratos para enviar aos moitos familiares emigrados: o conxunto das súas imaxes ofrece hoxe un excelente testemuño etnográfico, que se converte en memoria dun pobo e dunha época.

O arquivo de Virxilio Vieitez conforma un importante patrimonio cultural conservado en Soutelo de Montes (Pontevedra), o pobo onde o fotógrafo naceu en 1930, onde morreu en 2008 e onde traballou case toda a súa vida. A súa filla, Keta Vieitez, foi a primeira en comprender o incalculable valor histórico e artístico do material fotográfico do seu pai, que expuxo por primeira vez nunha mostra autoproducida e presentada en 1997 nun espazo improvisado de Soutelo. Dende entón sucedéronse outras exposicións que se centraron sobre unha primeira lectura do material máis accesible.

Nesta ocasión —na que se pretende realizar unha mostra rica en material inédito— a investigación foi máis profunda e extensa: Keta Vieitez, que custodia con paixón o arquivo, puxo á nosa disposición negativos, documentos, impresións orixinais, obxectos e memorabilia. Esta análise dos testemuños de toda unha vida permitiu reconstruír unha traxectoria verdadeiramente única, exemplar por un lado, e moi humana por outro. As salas biográficas representan, polo tanto, un elemento fundamental dun discurso expositivo, que, coas súas ‘probas concretas’, quere salientar as nosas premisas e reflexións sobre a natureza metamórfica da fotografía.

Como comisaria, foi un privilexio poder entrar en contacto co material orixinal dun fotógrafo cuxa cifra estilística deixou a súa pegada, con razón e con forza, na historia do retrato fotográfico, e se che crava na memoria visual pola súa elegancia formal, que fai que cada fotografía de Vieitez sexa intensa, nítida e potente”.

Enrica Viganò
Comisaria da exposición

Comisariado

Enrica Viganò


Enrica Viganò é xornalista, comisaria de exposicións e fundadora de Admira, axencia con sede en Milán dedicada dende 1997 á organización de eventos culturais no ámbito fotográfico. Con Admira comisariou numerosas exposicións, tanto individuais —Peter Beard, Edward Burtynsky, Robert Frank, Mario Giacomelli, Duane Michals, Ugo Mulas, Martin Munkacsi, Max Pam, Walter Rosenblum, Jan Saudek, Eugene Smith, Jonathan Torgovnik— como colectivas —Photo League: New York 1936-1951; De cerca nadie es normal; Fotógrafos insospechados. Celebridades detrás del objetivo— ou antolóxicas —NeoRealismo. A nova imaxe en Italia, 1932-1960. De 1992 a 1997 dirixiu as actividades da galería Diaframma-Kodak Cultura de Milán, organizando máis de oitenta exposicións entre as que destacan as de fotógrafos como Gisele Freund, Luis González Palma, Lewis W. Hine, Inge Morath ou Andrés Serrano. Dende a súa primeira edición en 1998 colabora con PHotoEspaña como comisaria de exposicións e catálogos, responsable de proxectos internacionais (1999) e comisaria invitada (2003). Dirixiu, ademais, as catro primeiras edicións de Campus PHE, programa de talleres e conferencias con mestres da fotografía internacional (2004-2007). Entre 2001 e 2005 dedicouse á promoción da fotografía emerxente baixo a dirección da galería ClicArt de Milán, realizando unha publicación monográfica de cada artista representado. Dende 2001 é directora artística de Foto&Photo, festival internacional de fotografía de Cesano Maderno, Milán. No marco deste festival, caracterizado por un amplo programa expositivo, teñen lugar conferencias e simposios interdisciplinares entrelazando temas como a filosofía, a crítica ou a colección fotográfica. Dende 2005 é membro de Oracle, asociación internacional de comisarios de fotografía, da que forman parte os máis importantes museos, institucións e comisarios independentes de todo o mundo. Ademais doutras publicacións, en 2003 estrea a actividade da editorial Admira Edizioni, coa que se publican libros como Mario Giacomelli, NeoRealismo. A nuova immagine in Italia 1932-1960, Walter Rosenblum. In preto di Pitt Street, ou Duane Michals 50.

Actividades

O instante detido

O instante detido

Datas: 
22 outubro 2010 - 24 abril 2011
Horario: 
martes, mércores, xoves e venres de 11.00 a 13.30
Lugar: 
salas de exposición e Laboratorio das Artes (1º andar)

[Actividad complementaria de la exposición de Virxilio Vieitez]

Visitas e obradoiros para escolares. Grupos de infantil, primaria e secundaria.
Previa cita nos tel. 986 113900/03

Baixo o título ‘O instante detido’ analízanse distintas formas de captar e percibir a realidade a través do ollo dunha cámara, con especial atención ao xénero do retrato dentro da fotografía. O título fai referencia á capacidade do fotógrafo para fixar e captar un momento, pero tamén á posibilidade de deternos para observar e falar do que vemos; para analizar e reflexionar sobre unha imaxe fotográfica. Un convite a descubrir o que unha imaxe nos pode contar.

Fotografías doutra época

Fotografías doutra época

Datas: 
22 outubro 2010 - 24 abril 2011
Horario: 
martes a venres de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00
Lugar: 
Biblioteca-Centro de Documentación


Como actividade complementaria da exposición de VIRXILIO VIEITEZ, a Biblioteca-Centro de documentación ofrece unha mostra bibliográfica sobre fotografía histórica, con selección de catálogos de autores e épocas que reflicten momentos da vida cotiá e acontecementos históricos a través da fotografía.