
VISITAS ESCOLARES. Exposicións Gruber/Martins
Dende o inicio da súa actividade como centro de arte contemporánea, o MARCO ven ofrecendo unha programación estable de visitas e obradoiros para grupos de escolares, adaptadas a todas as idades e ciclos educativos. Os programas xiran ao redor das exposicións temporais, sacando partido da presenza das obras en salas e das súas posibilidades didácticas, traballando a percepción e compartindo reflexións mediante percorridos polos espazos expositivos e obradoiros, nos que se fomenta a participación individual e colectiva.
Nestes meses, a partir do 15 de outubro, o programa está relacionado con dúas exposicións que ocupan as salas do primeiro andar. Dúas mostras individuais que teñen o debuxo e a obra sobre papel como fío condutor, a través de estéticas moi diferenciadas: o relato de Eduardo Gruber (Santander, 1949) xunto á voz poética de Jorge Martins (Lisboa, 1940).
Toda a información sobre ambas as dúas exposicións, documentación e imaxes, están dispoñibles en:
JORGE MARTINS. Sombras e paradoxos (salas frontais do primeiro andar)
http://www.marcovigo.com/content/jorge-martins-sombras-e-paradoxos
EDUARDO GRUBER. O salón dos espellos (galería e sala perimetral do primeiro andar)
http://www.marcovigo.com/content/eduardo-gruber-o-sal-n-dos-espellos
Como é habitual na programación educativa do MARCO, os contidos e ritmo da visita-obradoiro deséñanse en función das idades e características dos participantes, con propostas diferenciadas para escolares de Infantil, Primaria e Secundaria/Bacharelato, e para grupos con necesidades específicas.
Os centros interesados poden concertar a visita no día e hora que máis lles conveña, dentro do horario das actividades para escolares: martes, mércores, xoves e venres, de 11.00 a 12.15 (1ª quenda) ou de 12.15 a 13.30 (2ª quenda).
Reservas a través do email info@marcovigo.com, ou chamando ao teléfono 986 113900 (ext. 304 ou 100)
Colabora: