rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Wilfredo Prieto
Wilfredo Prieto
Wilfredo Prieto
Wilfredo Prieto
Wilfredo Prieto
Wilfredo Prieto
Wilfredo Prieto
Wilfredo Prieto
Wilfredo Prieto
Wilfredo Prieto
Wilfredo Prieto
Wilfredo Prieto

Wilfredo Prieto. "Esquerda/Dereita". Entrar na obra II

Ficha

Datas: 
8 abril 2011 - 5 xuño 2011
Lugar: 
salas de exposicións do primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Agar Ledo
Comisariado: 
Iñaki Martínez Antelo

 

PRESENTACIÓN


A exposición de Wilfredo Prieto é a segunda proposta do ciclo ‘ENTRAR NA OBRA’, que se desenvolve ao longo de varios meses nas salas do primeiro andar, e cuxo nome está tomado da célebre peza de Giovanni Anselmo Entrare nell’opera (1971). O paradoxo que rodea o concepto de espectador e que o sitúa entre a pasividade e a acción é o punto de partida desta serie de proxectos, que analizan ao público, ao visitante, ao espectador, á audiencia, como un elemento inherente á obra.

OBRAS EN EXPOSICIÓN

O traballo de Wilfredo Prieto (Sancti-Spiritus, Cuba, 1978) revela unha posición crítica que é resultado da modificación sutil de obxectos cotiáns. Estas intervencións discretas, que recorren na súa maioría a obxectos do día a día, desprovistos de calquera aura, dan orixe a imaxes nas que o xesto artístico se volve practicamente invisible. Se ben o seu obxectivo non é entreter o espectador, o humor convértese a miúdo nun compoñente importante da súa práctica artística, non como un fin en si mesmo senón máis ben como resultado da distancia crítica do artista, ou da relación pouco convencional que establece cos temas ou os medios elixidos.

Síntese do proxecto

‘Entrar na obra’

‘Entrar na obra’ é un ciclo de exposicións que se está a desenvolver nas salas do primeiro andar do MARCO. O título do ciclo está tomado da célebre peza de Giovanni Anselmo Entrare nell’opera (1971), emulsión fotográfica sobre lenzo, na que o artista se fotografa a si mesmo atravesando unha aba nunha acción que interpretamos como reveladora sobre a relación entre o artista e a súa obra e entre o espazo e o tempo. O artista altera o seu papel e xera unha situación de integración, ante a que tamén reacciona o espectador, que, se ben non entra fisicamente na obra, participa sendo testemuña desta ruptura dos límites tradicionais que separan suxeito e obxecto. O significado último reside, pois, na reacción do espectador.

O papel fundamental do espectador no proceso de creación da obra de arte formou parte, nas últimas décadas, de discusións e ensaios. Ao longo do século XX xorden os conceptos de obra aberta, espectador emancipado ou morte do autor, e o rol do público pasa a ser esencial para completar a peza, mediante a súa mera presenza física ou a necesidade de implicarse activamente. O artista xa non é o eixe central do proceso e as coordenadas de percepción márcanas, como escribe Douglas Crimp, non só o encontro entre o espectador e a obra, senón entre ambos os dous e o espazo que ocupan. En que grao necesita o público estar ante a obra? O simple feito de mirar non ten xa valor?

O paradoxo que rodea o concepto de espectador e que o sitúa entre a pasividade e a acción é o punto de partida desta serie de proxectos, que analizan a condición do público como elemento inherente á obra. A relación directa entre ambos os dous, o intercambio físico ou a reciprocidade inmediata xeran unha nova dimensión na que tempo e espazo alteran as condicións da recepción e da percepción.

O ciclo ‘Entrar na obra’ iniciouse con Loreto Martínez Troncoso, para continuar agora con Wilfredo Prieto, ao que seguirán as propostas de Rubén Grilo (Lugo, 1981), Karmelo Bermejo (Málaga, 1979), Judi Werthein (Bos Aires, Arxentina, 1967), e Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979).

Wilfredo Prieto

Wilfredo Prieto (Sancti-Spiritus, Cuba, 1978) constrúe a súa obra a partir de materiais e obxectos cotiáns dos que se apropia, sen apenas manipulalos, para alterar a súa natureza dotándoos de novos significados. O absurdo e o humor únense á descontextualización duchampiana como estratexias que lle permiten construír un discurso ambiguo —pola sinxeleza da forma e a complexidade de significado— cuxo punto de partida é o espectador. O seu comportamento engade novas lecturas ás pezas superando a autorreferencialidade minimalista e abríndoas a múltiples interpretacións.

De carácter conceptual e formalmente mínimas, aínda que narrativas, as ‘intervencións’ de Wilfredo Prieto compórtanse como poemas visuais, froito da redución máxima da idea primeira e da aplicación de xogos de escala ou conceptos básicos do minimalismo como ‘lugar’ e ‘presenza’.

O título da súa intervención no MARCO, Esquerda/Dereita, alude á simetría bilateral do espazo do primeiro andar, con dúas salas laterais exactamente iguais nas súas dimensións e disposición. Wilfredo Prieto realiza unha conexión cun dos paradoxos máis estendidos da historia da filosofía. Según Jean Buridan —filósofo escolástico francés do século XIV—, cando nos atopamos fronte dúas alternativas desexables elixiremos a mellor e, en caso de que sexan iguais, a vontade retrasará esa elección para analizar as consecuencias.

Os satirizadores de Buridan, baseándose na suposta ‘inacción’ que supón equiparar razón e vontade, na súa defensa do libre albedrío e na súa reflexión sobre os límites da liberdade de elección, crearon un paradoxo sobre un asno famento que, ante dous montóns de comida iguais e equidistantes, morrería de fame ao non poder tomar unha decisión. Esa aserción, coñecida como o ‘asno de Buridan’, nos retrotrae a un parágrafo extraído de De Caelo, de Aristóteles: “e o [argumento] do que padece terriblemente de fame e sede pero que dista o mesmo dos alimentos e das bebidas, este, en efecto, se di que forzosamente permanecerá quieto [...]”.

A formalización dos pensamentos de Buridan, ou máis ben da redución ao absurdo das súas teorías, é o punto do que parte Wilfredo Prieto para levar a cabo esta intervención creada especificamente para o espazo do MARCO. A simetría das salas de exposición da primeira planta determina o percorrido e sitúa o espectador no dilema de elixir cara a onde dirixirse, cara á esquerda ou cara á dereita, para atoparse con dúas ‘esculturas’ idénticas de factura minimal, materiais cotiáns de evocación povera e a sutileza conceptual que definen a obra de Wilfredo Prieto.

Artistas

Wilfredo Prieto


Wilfredo Prieto naceu en Sancti-Spiritus, Cuba, en 1978; vive e traballa na Habana e Barcelona. Completou os seus estudos no Instituto Superior de Arte (ISA) da Habana, Cuba. Participou no grupo Galería DUPP (Desde una Pragmática Pedagógica), co que, durante a oitava Bienal da Habana, recibiu o premio UNESCO para a promoción das artes. Obtivo as residencias Kadist Art Foundation de París e John Simon Guggenheim de Nova York, entre outras, e en 2008 recibiu o premio F de Bos Aires e o da Fundación Cartier de Londres. Na actualidade prepara unha gran mostra no Museo de Arte Contemporánea de Detroit, e inaugurou recentemente as exposición Amarrado a la pata de la mesa no CA2M de Móstoles, Madrid, e Praxis, en ARTIUM, Vitoria. 

Wilfredo Prieto estivo presente nas últimas edicións da Bienal da Habana, e en eventos internacionais da talla da Bienal de Venecia de 2007 ou a Bienal de São Paulo de 2010. Entre as súas exposicións individuais cómpre mencionar Negro, Mate, Seco, NoguerasBlanchard, Barcelona (2010); Mountain, SMAK, Gante, Bélxica (2008); Dead angle (Lost Bills), Kadist Art Foundation, París, Francia (2006); Mute, McMaster Museum of Art, Hamilton, Canadá (2006); Mucho ruido y pocas nueces II, MUSAC, León, (2005). O seu traballo foi incluído en numerosas exposicións colectivas, entre as que destacan Lisson presents 4, Lisson Gallery, Londres, Reino Unido (2009); Stowaways, CCA Wattis Institute for Contemporary Arts, San Francisco, EUA (2009); That was then... this is now, PS1 MoMA, Nova York, EUA (2008); Environment: Perils, Promises and Perplexities, Fondazione Sandretto Re Rebaudengo, Turín, Italia (2008). Prieto participou tamén nas Bienais de Tesalónica, Singapur, e Cuvée, Linz (2009).

Wilfredo Prieto

Formación

2003 Profesor no Instituto Superior de Arte, A Habana
        Postgrao en Performance, Instituto Superior de Arte, A Habana, Cuba

1998-2002 Galería DUPP (Desde Una Pragmática Pedagógica, colectivos de artistas), Instituto Superior                 de Arte, A Habana, Cuba. Dirixido por Rene Francisco Rodríguez

1992-1996 Escuela Profesional de Artes Plásticas, Trinidad, Cuba

Exposicións individuais

2012 MOCAD, Museum of Contemporary Art, Detroit, EUA (próx.)

2011 Wilfredro Prieto. Esquerda / Dereita (Entrar na obra, 2), MARCO, Museo de Arte Contemporánea de             Vigo
        Wilfredo Prieto, Praxis, ARTIUM, Vitoria
        Kunsthalle Lissabon, Lisboa
        Atado a la pata de la mesa, Centro de Arte 2 de Mayo (CA2M), Móstoles, Madrid

2010 Negro, mate, seco, NoguerasBlanchard, Barcelona

2009 I am making Art, Wilfredo Prieto & Ignacio Uriarte, Taka Ishii Gallery, Kioto & Toquio

2008 Mountain, SMAK, Gante, Bélxica
        Desnudo, Galerie Martin Van Zomeren, Amsterdam

2007 S/t (Alfombra roja), NoguerasBlanchard, Barcelona
        Sacando al perro y comiendo mierda, Parque Lennon, A Habana, Cuba
        A minute of silence, Artists’ Web Projects, Dia Art Foundation, Nova York

2006 S/t (Grúa), Madrid Abierto, Madrid
        Grasa, jabón y plátano, Convento de Santa Clara, A Habana
        Mute, MacMaster Museum of Art, Hamilton, Canadá
        Ángulo muerto, Kadist Art Foundation, París

2005 Mucho ruido y pocas nueces II, MUSAC, León

2004 S/t (Biblioteca blanca), NoguerasBlanchard, Barcelona
        Speech, Galerie Martin Van Zomeren, Amsterdam

2003 Mucho ruido y pocas nueces, Galería Habana, A Habana

2002 Wilfredo Prieto en el Wifredo Lam, Centro de Arte Contemporáneo Wifredo Lam, A Habana

2001 Matrioska, Centro de Desarrollo de las Artes Visuales, A Habana

2000 Matrioska, Centro de Desarrollo de las Artes Visuales, A Habana

2000 Pie de obra, (con James Bonachea), Centro Cultural ICAIC; Fundación Ludwig de Cuba, A Habana

1999 Conceptualismo Aditivo, (con James Bonachea), Galería Oscar F. M. Sancti-Spiritus, Cuba

Exposicións colectivas (selección)

2010 29ª Bienal de São Paulo
        Beyond Entropy, 12ª Bienal de Arquitectura de Venecia
        Panamericana, Kurimanzutto, México City
        Future Generation Art Prize, Pinchuk Art Center, Kiev, Ucraína
        I'm Not Here. An Exhibition Without Francis Alÿs, De Appel Boys’ School, Amsterdam
        Antes de todo, CA2M, Centro de Arte Dos de Mayo, Móstoles, Madrid
        Cosas que sólo un artista puede hacer, MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

2009 Stowaways, CCA Wattis Institute for Contemporary Arts, San Francisco, EUA
        Lisson presents 4, Lisson Gallery, Londres
        10ª Bienal da Habana

2008 Objects of Value, Miami Art Museum, Miami
        Fuck You Human, Maribel López, Berlín
        That was Then… This is Now, PS1 MoMA, Nova York
        The Disobedients, Annet Gelink, Amsterdam
        Greenwashing environment: peril, promise and perpexlity, Fondazione Sandretto Re Rebaudengo,               Turín

2007 Territorios, 52ª Bienal de Venecia. Pabellón Italo-Latinoamericano
        Extraordinary Rendition. Nogueras Blanchard, Barcelona
        Errore di sistema-System error, Palazzo delle Papesse, Siena

2006 Bienal de Singapur

2005 The Hours. Visual Arts from Contemporary Latin America, Irish Museum of Modern Art, Dublín

2004 Cordially invited, (episode 3, Who if not we should at least try to imagine the future of all this?) 7           episodes on (ex)changing Europe, BAK, Utrecht

2003 VIII Bienal da Habana, Centro de Arte Contemporáneo Wilfredo Lam

2002 Exposición colateral á XXV Bienal de São Paulo, Memorial de América Latina, São Paulo, Brasil

2000 VII Bienal da Habana, DUPP

1999 El Tiempo como Espacio, Instituto Superior de Arte, A Habana

1998 I Festival de Performance Ana Mendieta, Unión Nacional de escritores y Artistas de Cuba, DUPP, A         Habana

1997 En busca de una huella (encuentro con la obra de Ana Mendieta), Cuevas de Jaruco, DUPP, A       Habana

Coleccións

Colección Peter Norton Family, California
Daros Collection of Latinamerican Art, Zúric
FRAC Corse, Francia
Verbund Collection, Viena
Colección Museum of Old and New, Tasmania

Texto curatorial


Apolítico é o título dunha das primeiras pezas de Wilfredo Prieto, coa que participou na 8ª Bienal da Habana (2003) e, quizais, a súa obra máis repetida e aclamada. O artista creou unha ‘escultura’ chocante a partir dunha mínima intervención nun obxecto tan cotián e simbólico como a bandeira: un conxunto de mastros e teas ondeando nun complexo militar español, sede da Bienal, chamaban a atención polo seu carácter aséptico, ao verse despoxadas de toda cor, reducidas a tonalidades grises e convertidas en obxectos neutros, ambiguos.

A pesar da sinxeleza visual da instalación, Apolítico é un dos traballos de Wilfredo Prieto que implica certa complexidade na súa factura, pola manipulación industrial á que se someten as bandeiras para o seu ‘lavado’. O caso oposto represéntao outra das súas obras temperás, Paseo (2000), unha performance consistente en levar ‘de excursión’ pola illa caribeña de Curaçao, sobre unha carreta, unha planta ornamental. A acción de liberar a planta do seu encerro pode entenderse como a transposición da mesma experiencia que o artista está a vivir no que foi a súa primeira viaxe fóra de Cuba, aínda que as lecturas políticas que emanan da obra de Wilfredo Prieto veñen dadas, máis que por decisión do artista ou as súas accións, polas connotacións que posúen certos elementos ou materiais que utiliza para elaborar as súas pezas e que, sobre todo na súa primeira obra, proviñan da súa Cuba natal: os chícharos ou o xornal ‘oficial’, o Granma. ‘Aínda que intente facer unha obra puramente poética, sempre hai unha carga política’, confesa o artista en clara alusión a Francis Alÿs, un dos creadores cuxa influencia é permanente na obra do cubano.

Como se deduce das dúas pezas mencionadas, formalmente diverxentes e con lecturas que van do político ao absurdo, o traballo de Wilfredo Prieto oscila entre o grandioso e o mínimo, entre o que pertence ao ámbito do irrealizable —converter un estadio de fútbol nun estanque onde os parrulos naden libremente ou construír unha autoestrada volteada como unha cinta de Moebius e pola que circulen os coches sen chegar a ningún sitio máis que ao punto de partida— e o que, pola súa discreción, pasaría desapercibido nun contexto alleo ao artístico. Levou a cabo accións ou obras con maquinaria pesada, como a grúa que se levanta a si mesma (Sen título (Grúa), 2006) ou o helicóptero atado á pata dunha mesa e en voo estacionario sobre o Centro de Arte Dos de Mayo en Móstoles (Amarrado a la pata de la mesa, 2011) mentres creaba algunha das súas obras máis contundentes co corazón dunha sandía (Políticamente correcto, 2009), uns charcos de ron e Coca-Cola (Cuba libre, 2010) ou dúas moedas de euro superpostas (Eclipse, 2010).

No ano 2008 Wilfredo Prieto cubriu o chan da galería Annet Gelink de Amsterdam con centos de gomas de mascar previamente mascadas e dispostas sobre o pavimento en cuadrícula, a unha distancia equidistante unhas doutras (Smart Gum (Goma de mascar intelixente), 2008). As gomas de mascar, como os outros materiais dos que se apropia para levar a cabo a súa obra —chícharos, plátanos, xabón, ovos, café, auga, excrementos, palla, roupa— permanecen, a maioría das veces, íntegros, apenas alterados pola man do artista, tan só desposuídos do seu habitual significado. Como estratexia, recorre ao absurdo e ao humor, que unidos á descontextualización duchampiana, lle permiten construír un discurso ambiguo —pola sinxeleza da forma e a complexidade de significado— cuxo punto de partida é o espectador, que ‘fai a metade do traballo’, como diría Duchamp.

Wilfredo Prieto entende o espectador como un elemento intrínseco á obra, como o sería o seu título ou calquera outro elemento comunicativo. Confesa que, se ben non posúe un interese particular en estudar ou coñecer a reacción do público, o seu comportamento e as súas deducións engaden novas lecturas a cada peza abríndoas a múltiples interpretacións.

As resonancias da obra de Gabriel Orozco na interpretación ao espectador, no uso dos materiais ou nos títulos, ou de Francis Alÿs na apertura de significado, perviven no traballo de Prieto. De carácter conceptual e formalmente mínimas, aínda que irónicas e narrativas, as súas ‘intervencións’ superan a autorreferencialidade minimalista, a alusión a si mesmas, e posúen abundantes referencias ao noso contexto próximo, social ou político. A alfombra vermella que situou nunha exposición (Sen título. Alfombra roja, 2007) contén unha referencia ao poder, é un ready-made que funciona como mero objet trouvé ata que nos decatamos de que posúe un elemento máis alá do símbolo, unha modificación, e son os entullos que o artista escondeu baixo a tea vermella. O lixo funciona como anti símbolo ou elemento contraditorio, un contrapunto que tamén atopamos en pezas como Uno, 2008: unha montaña de 28 millóns de diamantes falsos que agochan un real. A intervención do artista consiste sempre nese xesto mínimo, ás veces imperceptible, que se nos desvela no título e na descrición dos materiais. Son ‘actos de experimentación’, como os define el mesmo, froito da liberdade coa que se enfronta ao seu traballo, fuxindo de catalogacións e definicións.

Esquerda / Dereita

A simetría bilateral do espazo de exposición funciona como punto de partida na intervención que Wilfredo Prieto crea especificamente para o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. As dúas salas, situadas na primeira planta, determinan o percorrido e sitúan o espectador no dilema de elixir cara a onde dirixirse, cara á esquerda ou cara á dereita.

Se decidimos dirixirnos cara á esquerda, percorreremos un corredor que desemboca nunha escultura monumental, un paralelepípedo rectangular, unha forma xeométrica simple executada a grande escala a partir dunha maqueta do artista. E, cara á dereita, atopámonos cunha escultura de exactas dimensións nun espazo idéntico ao do seu lado oposto.

Traballar ‘co espazo’, máis que ‘no espazo’, é o que define toda peza site-specific, que xera o seu significado a partir da relación entre obra e lugar. Esta é unha obra que responde á arquitectura do lugar, así como a algúns presupostos que caracterizan ese regreso á forma que supuxo a arte minimalista nos anos sesenta do século XX. A simplicidade formal, a monumentalidade, unida á produción industrial dos módulos que conforman as pezas, situaríannos ante un ortoedro minimalista se non fose polo carácter povera do elemento construtivo: palla de cebada. As alusións que rexeitaba Donald Judd cando declaraba ‘non illusions, non allusions’, aparecen evocadas no material que elixe Wilfredo Prieto, no olor, a textura, a procedencia e na narratividade, tan relevante no seu traballo.

A intervención condúcenos a un dos paradoxos máis estendidos da historia da filosofía. Segundo Jean Buridan —filósofo escolástico francés do século XIV que defendía que a liberdade non está necesariamente baseada en fundamentos racionais—, cando nos atopamos ante dúas alternativas desexables elixiremos a mellor e, en caso de que sexan iguais, a vontade atrasará esa elección para analizar as consecuencias.

Os satirizadores de Buridan, baseándose na suposta ‘inacción’ que supón equiparar razón e vontade, na súa defensa do libre albedrío e na súa reflexión sobre os límites da liberdade de elección, crearon un paradoxo sobre un asno famento que, ante dous montóns de comida iguais e equidistantes, morrería de fame ao non poder tomar unha decisión. A redución ao absurdo da teoría do filósofo, extraída de Aristóteles e popularizada como o ‘asno de Buridan’, sérvelle a Wilfredo Prieto para elaborar ‘Esquerda / Dereita’, reinterpretando o paradoxo a partir da fórmula que o crítico Gerardo Mosquera ideou para resumir o seu traballo: idea neta (+) obra sinxela (=) significado máximo’’.

 

[Extracto do texto curatorial para o catálogo da exposición]

Comisariado

Agar Ledo


Agar Ledo
é responsable de exposicións do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, onde ten dirixido e coordinado os proxectos expositivos durante unha década. Comisariou exposicións de artistas como Ánxel Huete, Grace Schwindt, Gintaras Didžiapetris, Patricia Esquivias, Pedro Barateiro, Carlos Bunga ou Diego Santomé, ademais de propostas centradas na análise da produción cultural en Galicia e nas implicacións sociais e políticas que rodean á práctica artística. Cun Mestrado en museoloxía e estancias de formación no Fred Jones Jr. Museum of Art (Norman, OK), Le Consortium (Dijon), Musée d’art contemporain de Lyon e no ICI-Independent Curators International (Nova York), a súa carreira profesional ten transcorrido en espazos como o CGAC (Santiago de Compostela, 1998-2004), a Fundación Luís Seoane (A Coruña, 2005) ou a primeira BIACS (Sevilla 2004-2005), onde traballou como coordinadora no equipo de quen foi un dos máis visionarios comisarios e historiadores da arte do século XX: Harald Szeemann. Escribe regularmente en publicacións especializadas e é membro do Consello de redacción da revista Grial. Imparte docencia en distintos cursos de posgrao, como o Mestrado en Arte Contemporánea, creación e investigación (UVigo, 2016-2017), o Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural (USC, 2015-2017) ou o Mestrado en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas (USC, 2008-2012). 

Iñaki Martínez Antelo


Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é director do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, dende o 18 de novembro de 2005. É licenciado en Historia da Arte Contemporáneo pola Universidade de Santiago de Compostela, e máster en Estética e Teoría da Arte polo Instituto de Estética adscrito á Universidade Autónoma de Madrid. Tras o seu paso polo Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (1996-1998), foi coordinador de exposicións no Auditorio de Galicia (1998-2002) e coordinador de actividades culturais en Casa Asia, Barcelona (2002-2003). Dende o ano 2003, pouco despois da súa inauguración, viña desempeñando o cargo de responsable de exposicións do MARCO, ata que, tras un concurso público, foi designado director a finais de 2005. En febreiro de 2011 é elixido presidente da Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España.