
Xornada-Encontro APPS FOR GOOD
Xornada-Encontro APPS FOR GOOD
Aplicacións dixitais para a inclusión
Presentación proxectos / Premios Xurado / Marketplace
I Encontro Rexional Apps for Good en España
Inscrición e reservas https://cdi.org.pt/encontros-regionais-11afg/
Organiza: CPI Portugal, en colaboración coa EPAPU Nelson Mandela (A Lama) e o MARCO
O proxecto Apps for Good céntrase no deseño e desenvolvemento de aplicacións dixitais (apps) cun alto contido social, formulando solucións a problemas relacionados con persoas en risco de exclusión.
CPI Portugal https://www.cdi.org.pt/ é a ONG que coordina o proxecto Apps for Good, que ten un amplo percorrido en Portugal, con 11 edicións xa realizadas. En España esta será a primeira experiencia do proxecto, e realízase en colaboración coa EPAPU Nelson Mandela, A Lama.
Así, o proxecto de deseño de Apps para a inclusión transfórmase nun proxecto do eixo Atlántico ibérico onde centros portugueses e galegos presentarán as súas propostas de Apps a un xurado de expertos nesta 12ª edición.
Tres son os centros galegos participantes nesta edición do proxecto:
- EPAPU Nelson Mandela, A Lama
- EPAPU Pereiro de Aguiar, Ourense
- IES Illa de San Simón, Redondela
Un encontro cheo de inspiración, innovación e compromiso, onde os asistentes poderán coñecer as propostas e solucións tecnolóxicas desenvolvidas por estudantes para transformar o mundo que lles rodea.
Durante esta xornada asistiremos ás presentacións dos equipos, descubriremos o Marketplace de ideas e celebraremos a creatividade da mocidade que forma parte desta aventura.
Colaboración EPAPU Nelson Mandela, A Lama
A partir da experiencia do profesor Paulo Serra como participante e asesor da asociación non gubernamental Apps for Good, xurdiu a posibilidade de que outras escolas puideran unirse a este proxecto de deseño de Apps para a inclusión. O profesor Paulo Serra foi nomeado aos premios "Teacher Prize" pola súa acción de introducir o uso de internet nas aulas da institución penitenciaria de Castelo Branco, e foi premiado na 11ª edición do Apps for Good polo seu traballo con alumnado privado de liberdade.
A EPAPU Nelson Mandela xerou lazos estreitos con este docente, realizando un job-shadow nas súas aulas do centro penitenciario de Castelo Branco e convocándolle como experto dentro do programa Erasmus+. Actualmente, realizou unha formación (deseño de Apps en 6 sesións) para tres centros galegos (IES Illa San Simón de Redondela, EPAPU Pereiro de Aguiar na prisión de Ourense e a propia EPAPU Nelson Mandela) no primeiro proxecto/formación multicentros entre diferentes prisións en Galicia.