rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

XULIO VERNE. Os límites da imaxinación

Ficha

Datas: 
19 abril 2018 - 21 outubro 2018
Lugar: 
MARCO, salas de exposición da planta baixa
Horario: 
de martes a sábados (festivos incluidos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 Domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
Fundación Telefónica / Asesor contidos para Vigo: Eduardo Rolland
Comisariado: 
María Santoyo
Comisariado: 
Miguel A. Delgado


UNHA EXPOSICIÓN DE 

 

PRESENTACIÓN


Xulio Verne. Os límites da imaxinación é unha exposición de Fundación Telefónica que, tras o seu paso por Espazo Fundación Telefónica de Madrid e Arxentina, e o Centro Niemeyer de Avilés, chega ao MARCO de Vigo, onde poderá visitarse do 19 de abril ao 16 de setembro.

A curiosidade e a ansia de coñecemento e de aprendizaxe de Xulio Verne (Nantes, 1828 - Amiens, 1905) chegaron a convertelo nun dos autores máis prolíficos, populares e influentes da literatura universal, cun centenar de obras publicadas. Nelas, creou un imaxinario de grande verosimilitude, grazas ao seu interese pola ciencia e á súa avidez por documentar todo o que narraba. As súas novelas recolleron o espírito do seu tempo, cartografaron o mundo coñecido e abriron as portas a espazos ata entón apenas intuídos.

A mostra, comisariada por María Santoyo e Miguel A. Delgado, pretende retratar as fronteiras, ás veces invisibles, entre ficción e realidade, que neste caso se dilúen e converxen. A partir dunha trintena das súas obras máis representativas e dos distintos ámbitos en que transcorren as súas novelas —a terra, o aire, o xeo, a auga, o espazo e o tempo— internarémonos no imaxinario de Verne da man dos seus contemporáneos. Nun percorrido polas súas obras e o seu legado, a mostra disecciona o universo literario verniano e traslada á realidade as proezas e aventuras das súas novelas a través de vinte e sete personaxes históricos, que se atreveron a levalas a cabo e que foron pioneiros nas súas disciplinas a mediados do século XIX e comezos do XX.

No caso da exposición en Vigo, tendo en conta o singular vencellamento de Xulio Verne coa cidade —en 2018 cúmprense 150 anos da entrada do Nautilus do capitán Nemo na ría de Vigo na novela Vinte mil leguas baixo dos mares, e 140 anos da primeira visita de Verne a Vigo— a exposición incluirá contidos especialmente relacionados, grazas ao asesoramento de Eduardo Rolland. Así, a sección Mobilis in mobili mostra, por primeira vez de xeito conxunto, pezas únicas vencelladas á figura do escritor francés cedidas por museos e coleccións particulares de Galicia, dende unha maqueta do navío Saint Michel III ata gravados holandeses da Batalla de Rande, e pezas orixinais de traxes de mergullador do século XIX.

Durante a súa estadía en Vigo, a exposición estará acompañada dun conxunto de actividades paralelas —percorridos guiados, charlas e mesas redondas, e unha mostra bibliográfica na Biblioteca-Centro de documentación, entre outras— ademais dun programa para escolares de todos os ciclos educativos.

A exposición Xulio Verne. Os límites da imaxinación foi posible grazas á colaboración dun bo número de museos e institucións de ámbito nacional e internacional —como prestadores das obras que integran a mostra— xunto a auténticas xoias procedentes de coleccións particulares como as de Francisco Román Huerta, Diego Quevedo Carmona, ou a Colección Clark & Joan Worswick. Para a sección que ilustra a relación de Xulio Verne e Vigo, reuníronse pezas procedentes do Museo do Mar de Galicia, Museo da Cidade ‘Quiñones de León’, Museo Massó, Museo de Pontevedra, Autoridade Portuaria de Vigo, e coleccións particulares.

Información e visitas guiadas


O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900/11

Síntese do proxecto

PERCORRIDO POLA EXPOSICIÓN


O GABINETE DE VERNE

O percorrido pola exposición parte do Gabinete de Verne, o seu espazo de creación, onde se disecciona a imaxinación do autor a través das súas novelas, personaxes, seres fantásticos e animais, medios de transporte e enxeños que coparon a súa obra. Nesta sección destacan varias xoias bibliográficas, entre elas, a primeira edición mundial de Veinte mil leguas de viaje submarino (1869) que, por circunstancias históricas, foi española. Descubriremos tamén unha serie de ilustracións de personaxes de Verne, dende Phileas Fogg ata o capitán Hatteras; ou inventos e enxeños presentes nas súas novelas, como o telégrafo ou a bobina de Ruhmkorff. Por último, unha instalación audiovisual descóbrenos o bestiario que aparece ao longo da súa vasta creación literaria.

OS TERRITORIOS VERNIANOS

A terra coñecida e descoñecida

As Viaxes extraordinarias de Verne buscaban descubrir toda a Terra aos seus lectores; de aí o subtítulo de Os mundos coñecidos e descoñecidos. Verne estaba ao tanto das grandes expedicións da súa época, un período no que o imperialismo conducía a lugares tan afastados e inexplorados como o interior de África. Peza destacada nesta sección é unha instalación audiovisual con seis proxeccións que reproducen os fenómenos que os protagonistas de Viaxe ao centro da Terra (1864) atoparon no seu periplo: a cova, teatro de sombras, un volcán ou o lume como luz primixenia. Un mapping recrea ademais as rutas xeográficas arredor dos cinco continentes das principais novelas de Verne.

Trotamundos

Xulio Verne nace en Nantes en 1828 e, 44 anos máis tarde, escribe A volta ao mundo en oitenta días (1872). En só catro décadas, produciuse un desenvolvemento vertixinoso dos medios de transporte, que cambiou a concepción do mundo e do tempo. O desafío imposible de Phileas Fogg de dar a volta ao mundo faise viable a mediados do século XIX, e Verne reflicte nesta novela toda a información dispoñible sobre o estado mundial das comunicacións. Phileas Fogg usa no seu periplo todos os transportes existentes naquela época, dende a zorra ou o elefante ao paquebote ou o tren.

Este apartado é unha homenaxe aos viaxeiros e exploradores de mundo e a todos os escenarios que descubriu Fogg na súa aventura. Máis de trinta fotografías de época da Colección Clark & Joan Worswick —unha das máis importantes do mundo en mans privadas, coñecidos por recompilar o legado do fotógrafo norteamericano Walker Evans— recrean todos os lugares percorridos en tempos de Phileas Fogg. Boa parte das imaxes foron tomadas en países exóticos de Oriente Medio e desvelan civilizacións hoxe perdidas como, por exemplo, a China imperial.

A figura de trotamundos está tamén representada por Nellie Bly, a xornalista norteamericana que entre 1889 e 1890 logrou dar a volta ao mundo en 72 días, batendo a marca de Phileas Fogg. Na súa viaxe, fixo parada en Amiens e visitou ao mesmo Verne.

Nesta sección descubriremos así mesmo os territorios da Volta ao mundo en oitenta días dende a óptica do teatro. Exemplo diso son as montaxes do musical Around The World de Orson Welles e Cole Porter, representados na exposición a través de fotografías inéditas e o audio do espectáculo.

Mobilis in Mobili. Verne e Vigo

A paixón polo mar é un dos temas recorrentes no universo literario de Xulio Verne. Se ben varias novelas xiran en torno a esta temática, como Os fillos do capitán Grant, é sen lugar a dúbidas Vinte mil leguas baixo dos mares a súa mellor creación.

Nesta obra Verne idea unha máquina capaz de fascinar a quen finalmente inventou o primeiro submarino eléctrico; o mariño español Isaac Peral. Maquetas e carteis dos primeiros paquebotes comerciais do século XIX, imaxes do Great Eastern —o meirande transatlántico do momento no que Verne viaxou en 1867— ou memorabilia de Isaac Peral permítennos coñecer os transportes marítimos da época. Este capítulo complétase coas primeiras fotografías submarinas realizadas a máis de 50 metros de profundidade polo biólogo Louis Marie Auguste Boutan.

A sala titulada Mobilis in mobili céntrase especialmente na relación do escritor francés con Vigo, a través das súas dúas visitas á cidade, da batalla de Rande e da novela Vinte mil leguas baixo dos mares. Reúnense aquí pezas únicas, cedidas polo Museo do Mar de Galicia, Museo da Cidade ‘Quiñones de León’, Museo Massó, Museo de Pontevedra, Autoridade Portuaria de Vigo e coleccións particulares.

A batalla de Rande —que se librou en outubro de 1702 entre as coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa durante a Guerra de Sucesión Española— deu lugar á lenda dos galeóns afundidos cargados con grandes tesouros. É nesta busca do tesouro onde Verne sitúa o Capitán Nemo, protagonista de Vinte mil leguas baixo dos mares, e a entrada do Nautilus na ría de Vigo. Nesta sección poderemos contemplar gravados holandeses da batalla de Rande, madeiras dos galeóns da prata, accións das compañías de rescate dos tesouros, e pezas singulares como unha moeda inglesa acuñada con metais preciosos do botín inglés, ou un dos famosos ‘bastóns de Rande’, comercializados no século XIX.

Tamén veremos un traxe de mergullador orixinal do século XIX, co seu fol e escafandro; un antigo temón, e maquetas de barcos mercantes de vapor como os que aparecen nas novelas de Verne ou que o autor vía recalar no porto de Nantes. Ademais, exhíbese unha primeira edición mundial da novela Veinte mil leguas de viaje submarino, que curiosamente foi editada en España antes que en Francia.

Unha maqueta do 'Saint Michel III', o luxoso iate en que Xulio Verne visitou Vigo, abre o recordo das súas visitas. Un mapa de época permitirá percorrer os escenarios das dúas estadías do escritor, en 1878 e 1884, cando participou nas festas da cidade, contemplou a procesión do Cristo da Vitoria dende os balcóns de El Casino ou asistiu a un baile na sociedade La Tertulia.

A influencia da imaxinación de Verne nos adiantos técnicos do futuro queda reflectida na ‘boia lanzatorpedos’, estreada por Antonio Sanjurjo Badía en 1898, trinta anos máis tarde da publicación de Vinte mil leguas baixo dos mares. Aínda que todo apunta a que o industrial e o escritor xamais se coñeceron, é probable que lese as súas novelas e soñase con elas para construír o seu enxeño.

Desertos de xeo

Na época de Verne, os polos representaban o límite entre o coñecido e o descoñecido e fascinaban a moitos lectores. Unha curiosidade cara ao ignoto que na mostra se exemplifica a través de personaxes que acometeron expedicións ata estas terras xeadas e inhóspitas, que Verne anticipou e imaxinou en A esfinxe dos xeos (1897) ou As aventuras do Capitán Hatteras (1886).

Esta sección reúne imaxes de expedicións polares que remataron en fracaso, como a do sueco S. A. Andrée ou a do irlandés Sir Ernest Shackleton, un capitán Hatteras de carne e óso que quixo ser o primeiro en cruzar a Antártida de punta a punta. Dez imaxes desta expedición, cuxos negativos conxelados se atoparon en 2013 na Antártida, exhíbense por vez primeira en España.

Flotar ou voar

Un capítulo especial dedícase ao debate xerado, nos inicios da aeronáutica, entre os defensores dos voos máis lixeiros que o aire —representados polos globos— e os que apostaban polos máis pesados; é dicir, os primeiros avións. Un percorrido pola conquista do aire, a través de personaxes como o brasileiro Santos Dumont, aos que moitos consideran o primeiro en facer voar un avión en 1906, ou o fotógrafo francés Nadar, autor das primeiras fotografías aéreas da historia e apaixonado da aerostática, que Verne retratou no díptico Da Terra á Lúa e Arredor da Lúa.

Arredor da Lúa

A fascinación por viaxar á Lúa, presente na literatura universal dende o século IV a.C., foi un motivo recorrente na cultura popular do século XIX e non podía ser menos na obra verniana, representada polas novelas Da Terra á Lúa (1865) e Arredor da Lúa (1870), que tiveron fonda influencia no imaxinario colectivo e que hoxe en día revelan asombrosas coincidencias coa chegada real do ser humano a este satélite en 1969.

Unha instalación xeodésica mostra vinte formas de viaxar á Lúa representadas na literatura universal, dende os Vedas hindús ata A muller na Lúa da autora alemá Thea von Harbou, que sería levada ao cinema por Fritz Lang. A febre lunar queda ademais recollida a través dunha serie de carteis relacionados coa Lúa, que representan dende espectáculos da época a imaxes de filmes de George Méliès ou as óperas de Jacques Offenbach inspiradas en Verne. Móstrase tamén a peza creativa documental ‘Vivir nunha bala’, que recrea Da Terra á Lúa; unha viaxe que Verne imaxinou nun proxectil lunar disparado por un canón.

2889

Verne foi chamado o pai da ciencia ficción moderna, cando en realidade o que fixo foi recoller e transmitir a través do seu legado literario o progreso que caracterizou o mundo da segunda metade do século XIX. Só houbo dúas excepcións nas que o autor francés se adiantou verdadeiramente á súa época e foi máis alá do seu contemporaneidade: a novela París no século XX (1863), centrada nun progreso baseado na ditadura do cientifismo, e A xornada dun xornalista americano no 2889 (1891), un relato moito máis positivo onde a tecnoloxía levaba consigo beneficios para a humanidade. Dúas visións distantes do concepto verniano do progreso.

O epílogo da exposición mergúllanos nestas dúas obras futuristas a través de ilustracións de autores franceses do século XIX, que recrearon avances científicos do ano 2000, e dos gravados do debuxante francés Albert Robida, que anticipou na mesma época que o seu coetáneo Verne algúns inventos do afastado século XX. A mostra finaliza cun criptograma dunha cita de Verne, que condensa o sentido da súa obra literaria.