
AAM: Visita guiada "Joyas de la Raspa 1990-2025"
O próximo luns 19de maio ás 19.30 temos unha visita guiada moi especial pola exposición antolóxica "Joyas de la raspa 1990-2025" da man dunha das creadoras da marca, Virginia R. Lorenzo, na EMAO (Rúa de García Barbón, 5, Vigo).
Nesta mostra coñeceremos boa parte da traxectoria desta fascinante firma viguesa, fundada por Virginia R. Lorenzo e Miguel Sánchez-Cantón no ano 1988, coincidindo coa súa etapa de estudos na EMAO. Retornando ao espazo que os viu nacer como artesáns e marca, nesta visita achegarémonos ao pensamento que está detrás das pezas seleccionadas. Dende procesos a resultados, mergullándonos nun mundo de ourivaría contemporánea, fauna mariña e creatividade.
Unha marca recoñecida a nivel nacional con galardóns como o "Premio Nacional de Deseño e Moda" no ano 1991, o "Premio Antonio Fraguas de Artesanía Contemporánea" no 2006 ou o "Premio Nacional de Artesanía Produto 2008", e que 36 anos despois segue sorprendéndonos co seu legado.