rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
OBRADOIRO DE ARTE PÚBLICA. A cidade como campo de xogo

OBRADOIRO DE ARTE PÚBLICA. A cidade como campo de xogo

Datas: 
12 novembro 2022 - 26 novembro 2022
Lugar: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Prezo: 
10 €

Organiza: AAM Agrupación Amiga do Marco
Imparte:  Lucía Romaní
Dirixido a:  Estudantes, docentes e persoas interesadas nas relacións arte-espazo público
Datas: 12, 19 e 26 de novembro
Horario:  12 de nov. De 11 a 13 h. / 19 e 26 de nov. De 11 a 14 h.
Inscricións: telf. 986 11 39 00 ou na billeteira do MARCO.

O curso formúlase como unha introdución á práctica artística contemporánea que ten lugar no espazo público hoxe –dende unha perspectiva transdisciplinar– que permita ás persoas asistentes percibir dita contorna como un espazo aberto á experimentación e ao desenvolvemento de intervencións artísticas de carácter efémero, puidendo vincularse estas a outras disciplinas como parte dun proxecto integral.

A través do propio corpo como instrumento de experimentación e da man de ferramentas creativas: 1. Traballaremos a observación, intuición e atención plena. 2. Abordaremos a interrelación co outro e o espazo coa intención de ampliar o campo perceptivo. 3. Fomentaremos a capacidade creativa dende o xogo e a actitude exploratorias.

A contorna do MARCO servirá como espazo de observación e análise á vez que experimentación. Na primeira sesión realizaremos unha aproximación teórica ó campo de estudo, mentres que na segunda sairemos á rúa coa intención de experimentar a cidade con outras lentes explorando novas posibilidades de transitar e habitar o espazo. Na última sesión, traballaremos en distintas ubicacións do centro da cidade utilizando esta como “campo de probas” para desenvolver micro-propostas de creación colectiva que nos permitan reflexionar sobre a mirada pasiva do cidadán e a posibilidade de transformala.

Palabras clave: arte, espazo público, exploración, xogo, observación, creación, participación social, comunidade.
Materiais (a aportar polas persoas asistentes): block de notas, bolígrafo e móbil. 

PROGRAMA

Sesión 1. Sábado 12 de novembro

Relacións arte e espazo público:

Aproximación histórica. Relacións espazo (tradicional, formal, virtual e híbrido) e tempo (efémero/procesual, acción, documental).

Modelos de intervención no espazo público: obras permanentes, intervencións efémeras, prácticas urbanas non programadas, laboratorios de creación e investigación, activismo social e político. 

Situación actual sobre modelos de intervención na cidade: contexto galego/outros.

Sesión 2. Sábado 19 de novembro

_  Percorrido por diversos puntos da contorna próxima ao MARCO abrindo diálogos cos diferentes espazos: a deriva como práctica transformadora e método de reinterpretación da realidade.

_ Posta en común dos achados, percepcións e reflexións. Análise dos modelos de intervención atopados.

_  Laboratorio de ideas/esbozo de propostas.

Sesión 3. Sábado 26 de novembro

_ O espazo público como campo de xogo: desenvolvemento de propostas-experimentación no espazo público.

_  Compartindo experiencias: análise dos procesos e resultados.

CV/ BIO

Lucía Romaní é doutora en Belas Artes e profesora Asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A súa tese xira sobre as relacións arte e espazo público tomando como referencia o contexto galego. Ten participado en iniciativas que indagan no feito artístico entrecruzándose co ámbito do público como fóra fai frío (2006), o Laboratorio de creación artística Explolab (2009), a proposta editorial N-550. Da estrada á rúa (2012) en colaboración con arquitectos e urbanistas, ou o Festival de Arte Pública Kaldarte (2019 y 2020). Entre as súas últimas colaboracións atópase o proxecto Roteiro por Coia (2022) que vincula o ámbito educativo co espazo público.

Publicou diversos artigos sobre arte pública e creación colectiva editando en 2019 o libro Im-pulsos Creativos. Canles Alternativas de Creación Contemporánea, no que participan colectivos artísticos de diversas disciplinas froito da colaboración entre a UVigo e a USC. Do seu interese polo contexto do social, dirixe dende 2018 iniciativas vinculadas a didácticas creativas nas que a expresión corporal e plástica funciona como ferramenta de aprendizaxe e transformación do suxeito. Ditas experiencias lle permiten observar como a arte pasa a ser un obxecto mediador na intervención socioeducativa obtendo unha visión poliédrica nas relacións arte, educación e sociedade. Recentemente, ven de participar como tallerista nas III Xornadas Didácticas das Artes: Crear para ensinar no marco do proxecto Interacciones artísticas en Galicia 2022.

Foto de portada: Intervencións espontáneas, Porto 2022