rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Proxección do filme “De Profundis”, de Miguelanxo Prado e coloquio co director

Proxección do filme “De Profundis”, de Miguelanxo Prado e coloquio co director

29 marzo 2022

Club de Lectura #BiblioMARCO / Biblioteca-Centro de Documentación

Martes 29 de marzo ás 19.00

Salón de actos do MARCO
Aberto ao público en xeral
ENTRADA GRATUÍTA ata completar capacidade
Posibilidade de reserva de praza ata o 24 de marzo para participantes Club Lectura e membros da AAM Agrupación Amiga do MARCO en centro.documentacion@marcovigo.com

Actividade accesible a persoas con discapacidade auditiva, mediante:

Mochilas vibratorias durante a proxección
Intérprete lingua de signos no coloquio posterior

Imprescindible reserva mochila ata o 24 de marzo en centro.documentacion@marcovigo.com

Coa colaboración de: Concello de Nigrán 

No contexto da programación do Club de Lectura #BiblioMARCO, e como actividade complementaria da lectura do mes de febreiro —Ardalén, de Miguelanxo Prado— a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO organiza a proxección do filmeDe Profundis”, seguida dun coloquio co seu director.

“De Profundis” (Miguelanxo Prado, 2006)

Duración: 75 min.
Nominada aos Premios Goya na categoría de Película de Animación, 2006
Trailer: https://www.youtube.com/watch?v=vyhakiu4ftE

“De Profundis” conta unha historia marabillosa, onírica, con raíces nos mitos das culturas atlánticas, dos pobos asomados a este Pai Océano. Pretende adoptar a estrutura simple das narracións tradicionais e recrear as sensacións fabulosas dos contos mitolóxicos. Os personaxes principais son un pintor que soña ser mariño e pescador, e unha muller que toca o violonchelo, namorados e habitantes dunha casa no medio do mar.

Actividade accesible para persoas con discapacidade auditiva

“De Profundis” é un filme de animación de gran forza visual, poética, e sen diálogos. O coloquio posterior, contará con intérprete de lingua de signos e, durante a proxección utilizaranse mochilas vibratorias, grazas á colaboración do Concello de Nigrán na súa cesión e uso para esta actividade.

Que son as mochilas vibratorias?

Son instrumentos creados para que persoas con discapacidade auditiva poidan gozar da música, dun espectáculo, cinema ou teatro. Esta novidosa tecnoloxía transforma o son en vibracións, rompendo así barreiras sensoriais e facilitando unha experiencia diferente.

O número de mochilas dispoñibles é de cinco, para ser utilizadas por dez persoas en total (á metade da proxección farase unha pausa para intercambiar as mochilas e ampliar así a experiencia). A reserva para a utilización das mochilas será por rigorosa orde de inscrición.

Sobre o filme

Ficha técnica
Título: De Profundis / Ano: 2006 / Dirección e guión: Miguelanxo Prado / Produción: Continental Producciones, Desembarco Producións / Música: Nani García / Técnica: animación 2D / Duración: 75 min.

“En 2001 comecei a pensar na posibilidade de facer unha película de animación "en solitario". De inmediato apuntouse ao proxecto Nani García, amigo, músico e compositor. Fíxoo cun entusiasmo imprudente, pois o único que había era unha declaración de intencións. En 2002 comezamos a traballar "en serio".

Cando o proxecto tivo un primeiro guión completo e unha primeira planificación visual acabada, Chelo Loureiro, que acabaría sendo a produtora executiva, aceptou subirse ao barco. Ela xestionou a participación de Continental Produccións como produtora principal, e a das demais produtoras e entidades que lle deron viabilidad ao proxecto, e nos deu apoio e ambición sen límites.

A Orquestra Sinfónica de Galicia gravou a banda sonora e a interpretou en directo nas dúas presentacións "en vivo" que se fixeron ata o momento.

Foron catro anos de "traballos forzados" e unha experiencia irrepetible. E sei moi ben o que quero dicir cando digo irrepetible”.

Miguelanxo Prado

 

AdxuntoTamaño
NP_BiblioMARCO_proxección De Profundis_gal_.pdf712.84 KB