
Teresa Moro. O Efecto Reliquia
Miguel Fernández-Cid, Pilar Souto Soto, Teresa Moro
Para Teresa Moro, o “Efecto Reliquia” é aquela emoción que esperta nela cando cre atoparse ante un obxecto –unha paleta, un tallo, unha cama, unha peza de roupa…– que puidese ter pertencido ou ter sido utilizado por un artista, actual ou pasado, a quen ela admira. Obxectos de uso común, aos que a relación diaria cos seus donos converteu en únicos.
Nos santuarios da época clásica custodiábanse artigos venerables asociados co heroe, como roupas e mobles, que tiñan unha misión protectora. A mesma que inspira a Teresa Moro cando, hai xa varios anos, comezou unha persoal campaña de rescate de reliquias como estratexia defensiva fronte ás ameazas que sentía que asediaban o creador contemporáneo.
Este proxecto pretende mostrar parte do botín de exemplares atopados por Moro tras peregrinacións reais ou virtuais, e que como artista-coleccionista vai clasificando nun particular arquivo gráfico. Arquivo que traslada á parede do estudio, que paseniño adquire o aspecto dun altar votivo.
Teresa Moro concibiu este proxecto como un traslado do ritual diario do estudio á sala de exposición, como un convite ao público para compartir os segredos do culto á pintura, intercalando fotografías de arquivo con debuxos e cadros que van colonizando o espazo expositivo. Mostrándolles o escenario, a liturxia; replicando co pincel as ferramentas e espazos de traballo, ofrecéndolles penetrar no seu universo máis cotián para flanquearlles o paso á intimidade do proceso creativo.
Publicación dispoñible para compra na tenda-libraría LASAL BOOKS (vestíbulo do MARCO) o a través da web www.lasalbooks.com