ROTONDA CENTRAL / PANÓPTICO
MÓNICA ALONSO
A maxia do colibrí. Seis casos desesperados, 2015-2020
Mónica Alonso centra a súa primeira mostra individual no MARCO nunha única peza, baixo o título A maxia do colibrí. 6 casos desesperados. Unha obra que naceu en 2015, durante a estadía da artista en México, e que precisou de todo este tempo para madurar, escribirse e reescribirse. Nese ano Alonso presentou en México a obra O colibrí vermello, que está no xerme deste proxecto, vencellado coas historias e rituais máxicos asociados ao colibrí nas culturas precolombinas, e moi en liña co interese da artista sobre as relacións entre ciencia e superstición.
A maxia do colibrí reúne seis relatos de seis persoas angustiadas, con medos e obsesións comúns a outros seres humanos, a quen a través dunha médium se lles ofrece a posibilidade de curar os seus males (cada un deles asociado a unha cor) a través da morte dun colibrí. A obra está conformada pola reprodución dos colibrís como obxecto, xunto aos seis textos que relatan cada unha das historias. O conflicto xurde á hora de matar a un ser vivo. E, finalmente, todo pacto ten un prezo.
“Estamos ante as historias de seis persoas desesperadas por diferentes medos: medo ao fracaso como artista; medo á ansiedade; librarse da presenza da morte; medo á fealdade; recuperar o desexo de vivir; librarse da enfermidade do amor. Todas elas tentan curar os seus males coa ciencia pero acaban recorrendo á superstición –neste caso, á maxia do colibrí.
Todas teñen unha cousa en común: unha médium que escoita as súas historias e lles propón cazar un colibrí. A médium conecta co chamán en México, e este último co cazador.
As seis persoas desesperadas teñen que decidir se matan ou non o colibrí para curar o seu mal
A obra convida o espectador a que tome a súa propia decisión, ante a visualización de seis cadáveres embalsamados: o colibrí vermello (amor), o azul (ansiedade), o amarelo (fracaso), o branco (morte), o carne (fealdade), o negro (desexo de vivir). Os colibrís, malia seren paxaros mortos, manteñen a súa beleza, semellan ter sido retidos no mesmo instante da morte.
Con este traballo dou un paso máis na miña liña de creación. Gran parte da miña obra é confesional, chegando a traballar coas confesións doutras persoas. En A maxia do colibrí, a artista é a médium.”
Mónica Alonso
PATIO A3, GALERÍA A3, PERIMETRAL A3
ROSENDO CID
Todo aquilo que sucede e con todo non é
Sobre o seu proxecto específico para o MARCO, sinala Rosendo Cid: “A partir do título albíscase a intención chave deste proxecto expositivo, desviándome do meramente descritivo para afondar no feito mesmo de todo acto creativo como mero ocorrer, como acontecemento, sendo consciente de todo aquilo que aconteza antes de que a peza estea completada pero que igualmente está implícito cando se finaliza.”
As pezas e montaxes de Rosendo Cid responden a esta idea, talvez abstracta, talvez poética, empregando –como na maioría dos seus traballos– materiais atopados ou desfeitos, algúns procedentes do seu propio taller. Atopamos pezas escultóricas, fotográficas, e algunhas próximas ao pictórico, así como outras nas que o texto é parte fundamental, según a súa noción de que a palabra é tan importante como a peza ou o obxecto en si mesmo.
A proposta de Rosendo Cid reúne, xunto a obras exclusivas para esta exposición, pezas rescatadas doutras coleccións que encaixan no título e na liña de traballo deste proxecto.
“A base e substancia deste proxecto céntranse na natureza mesma do feito creativo como mero acontecemento, atendendo a todo aquilo que dificilmente pode definirse con palabras –pois sucede nun terreo non gramatical– pero que intervén e inflúe na resolución de calquera peza artística, sexa esta da natureza que sexa. Un material entón incerto que non desaparece en ningún momento e que segue estando presente unha vez finalizado a obra, aínda que para entón existan máis pistas do lugar ao que se pretendeu ir.
O título do proxecto (Todo aquilo que sucede e con todo non é) refírese polo tanto a ese mero suceder ou a todo ese material invisible, formado por intencións, azares, coñecementos previos ou alleos, erros ou intuicións que emprega calquera artista e que non se disipan nin aínda cando ten lugar a contemplación posterior, unha vez finalizado todo o proceso. Un material que actúa polo tanto en calquera acto ou proceso creativo, en maior ou menor grao, e que nunca somos quen de delimitar ou de materializar de ningunha forma específica, pero que resulta imprescindible para asentar as nosas certezas ou conviccións ante o traballo creativo.
As pezas e montaxes nas salas responden e nútrense destas ideas, entre abstractas e poéticas, empregando, para algunhas montaxes, materiais atopados ou desbotados, a maioría deles do meu propio taller, pretendendo pezas que teñan en conta elementos do propio proceso, do azar e das circunstancias que van xurdindo, chegando polo tanto a resolucións que non estaban previstas de saída. Un proxecto, en definitiva, cuxo mapa non pode ser outro que o propio traxecto que tivo lugar ata a resolución e presentación final nas salas.”
Rosendo Cid
PATIO A2, GALERÍA A2, PERIMETRAL A2
SALVADOR e JUAN CIDRÁS
As formas partilladas
Salvador Cidrás (Moaña, 1965) e Juan Cidrás (Vigo, 1968) forman, dende 2015, un colectivo artístico que investiga o medio cerámico e téxtil dende unha perspectiva escultórica e pictórica, respectivamente. “O noso traballo céntrase na forma e o concepto de ‘aberrante’, aquilo que se aparta do que se considera normal, natural ou correcto, en oposición ao que se aferra –a convención– ou o que é formal. As pezas establecen relacións entre elas, xa sexa a través da forma, a cor ou a súa instalación no espazo.”
O fío de lá é o medio que lles permite explorar a liña, a mancha e a cor, usando o tecido sen necesidade de imprimar nin superpoñer materia sobre el. As pezas téxtiles evidencian a unión, o ensamblado, e fan que as fibras adquiran formas xeométricas e volumes máis orgánicos. As pezas de cerámica exploran a súa natureza precaria e a manufactura vólvese inesperada tras a cocción. É precisamente esa calidade de transformación a que enriquece de matices o acto creativo. O proxecto para o MARCO incide nese carácter ‘aberrante’, implicando ao espectador e provocando percorridos e miradas cambiantes.
“A construción dun medio é a construción dunha linguaxe propia, a partir do uso de diferentes materiais ou técnicas. No seu libro Como nacen os obxectos? Bruno Munari afirma que proxectar é doado cando se sabe como facelo. Todo resulta fácil cando sabemos como proceder para chegar á solución dalgún problema. Nun determinado momento o meu irmán e eu sentimos esa necesidade de ‘saber como facer’ con dous medios: a cerámica e o téxtil.
Así, o primeiro contacto xurdiu desde a aprendizaxe da técnica cerámica e téxtil pero pronto a exploración dos materiais derivou en procesos que buscaban facer as cousas desde as marxes, case un proceso de deconstrución do medio, e unha volta ao uso experimental dos materiais, onde a linguaxe escultórica e pictórica brindábannos dualidades expresivas: anverso/reverso, interior/exterior, cor/textura, o que se mostra/o que se esconde…
Cando o proceso íase enriquecendo, a palabra ‘aberrante’ fíxose un oco na nosa práctica artística. Interésanos o termo ‘aberrante’ como aquilo que se aparta do que se considera normal, natural ou correcto, en oposición ao que se aferra –a convención– ou é formal. Entendémolo como unha práctica que se move desde a convención e o costume cara aos seus límites, unha sorte de estrañamento das formas que dilúen o cotián en favor do ‘ambiguo’, o ‘estraño’ ou o ‘misterioso’.
Catherine de Zegher (2010) define el dibujo como una práctica cinestésica de tracción –atracción, extracción– que- ‘nace de un gesto externo que vincula los impulsos internos y los pensamientos con el otro a través del contacto de una superficie con líneas y gráficas repetidas’. En nuestro trabajo, algo similar ocurre; las piezas no ocultan el gesto y el proceso creativo surge de la implicación física con el material. Las piezas se manifiestan capaces de establecer relaciones entre ellas y mutar, ya sea a través de la forma, el color o su instalación en el espacio…”
“…O fío de la é o medio que nos permite explorar a liña, a mancha e a cor, usando o tecido sen necesidade de imprimar nin superpoñer materia sobre el. As pezas téxtiles evidencian a unión, o ensamblado, e fan que as fibras adquiran formas xeométricas; volumetrías que xeran marañas e sombras no soporte.
As pezas de cerámica exploran a súa natureza precaria e a manufactura manual vólvese inesperada tras a cocción, ao non controlar que textura que cor ou que zona da peza sobrevive ou se transforma. É precisamente esa cualidade de transformación a que enriquece de matices o acto creativo. As pezas constrúense na necesidade de improvisar solucións –máis arxila, un reforzo interior, a transición da cor …– á espera dos seguintes pasos que descobren o que se esconde, o inaccesible e incerto.”
Salvador Cidrás
PATIO A1, GALERÍA A1
MAR VICENTE
Sombras e cor
Mar Vicente (Lugo, 1979) propón un proxecto específico para os espazos do MARCO, en sintonía cun traballo que se caracteriza pola economía de elementos cromáticos e compositivos, e pola experimentación coa forma vencellada á transformación do soporte pictórico. O punto de partida é o cadrado, que a artista desenvolve cara a terceira dimensión. O cubo, como o seu volume máis directo, adopta actitudes non convencionais que, xunto á iluminación cambiante e o punto dende onde se observa, afectan á percepción dos volumes e dos espazos.
A mostra do MARCO inclúe, xunto á unha selección de obxectos escultóricos, dúas intervencións específicas nas que as ilusións ópticas e a teoría da cor se conxugan para dar lugar a novas versións do mesmo espazo, xerando distintas experiencias. O espectador é o elemento activo que orixina diversas escenas, e quen fai que a experiencia da obra se multiplique e prolongue indefinidamente.
“Na miña proposta para a exposición no MARCO de Vigo, a miña intención principal é que o espectador experimente diferentes estados de percepción do espazo e da cor.
No Patio A1 a sala está transformada, principalmente, por unha intervención mural que imita unha ‘arquitectura’. A esta composición xeométrica acompáñaa unha serie de obxectos de parede correspondentes á serie ‘Pitágoras’, que comecei no ano 2017, onde as diferentes formas e volumes se modifican dependendo do punto de vista dende o que se observan. Trátase de construcións modulares tridimensionais que, xunto á iluminación natural deste espazo, fai que poidamos apreciar variadas facetas destes obxectos ao longo do día. Poderemos reler moitas veces as formas e atoparemos sempre distintas versións. O exercicio de cambiar a perspectiva, cambiar a mirada unidireccional, fai que vexamos as cousas de distintas maneiras.
‘A sombra é a raíña da cor’. Así titula Derek Jarman un capítulo do seu libro Croma (2017). Menciónoo porque describe concisamente unha dirección cara á que mudou o meu pensamento sobre a cor e, polo tanto, influencia o meu traballo, pero tamén porque enuncia a instalación que se presenta no espazo da Galería A1.
Nas instalacións Cor-Sombra I e Cor-Sombra II poderemos experimentar algunhas das moitas facetas que ten este equilibrio entre luz e escuridade. Aquí a cor revélase como sombra. Do mesmo xeito, a ubicación da orixe de luz é o que determina a forma da sombra, esa parcela ‘escura’ onde se orixina a cor complementaria a de fonte de luz.
Mar Vicente