Baixo o título ALÉN DOS XÉNEROS, este proxecto expositivo formula unha revisión das prácticas artísticas feministas en Galicia, a través dunha selección de obras de medio centenar de creadoras e creadores que teñen vinculación con Galicia e que —con excepción das obras realizadas a finais dos setenta por Roberto González Fernández (Monforte de Lemos, 1948), pioneiro á hora de dar visibilidade ao colectivo homosexual no Estado Español— foron producidas dende os anos noventa ata a actualidade.
A proposta reúne pezas de diferentes artistas, nalgúns casos pouco coñecidas e/ou inéditas, agrupadas por cuestións temáticas e conceptuais, á marxe de criterios cronolóxicos, xa que persegue trazar un discurso que de forma fluída mostre as diferentes tendencias e achegas das múltiples correntes feministas á arte contemporánea. Alén dos xéneros inclúe obras realizadas tanto por mulleres como por homes, desbotando o tópico dunha arte feminista producida só por mulleres, e incorporando autores masculinos que traballan dende unha perspectiva de xénero e/ou queer.
Alén dos xéneros indaga na pluralidade de aspectos da arte feminista e dá visibilidade a xeracións máis novas, vinculándoas coa obra de artistas cunha traxectoria máis consolidada. Permite contextualizar o traballo artístico que aborda as cuestións de xénero, poñendo en relación o ámbito galego co estatal e internacional. Á súa vez, tende pontes entre as producións artísticas e os movementos sociais e políticos reivindicativos, como os grupos activistas feministas e LGTBQI (Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais, Queer e Intersexuais).
A montaxe estrutúrase en tres grandes bloques temáticos: a relación entre o feminino e o feminista; a revisión do concepto da masculinidade; e, por último, os corpos e as sexualidades queer, termo anglosaxón usado como insulto homofóbico e que foi reapropiado dende os feminismos para defender ideas anti-normativas sobre as identidades de xénero. Estas categorías superpóñense entre si; non deben ser consideradas pechadas nin excluíntes, posto que hai artistas que transitan dunha a outra chegando mesmo a abordar os tres eixes.
O diálogo entre as obras fai posible que emerxan temas esenciais na loita feminista como o corpo das mulleres e a súa sexualidade, as relacións de parella, a maternidade, a violencia machista, os roles de xénero, a dicotomía entre o espazo doméstico e o público, a relación coas antepasadas, os rituais máxicos vinculados á espiritualidade feminina... Este primeiro eixe temático permite, así mesmo, unha reflexión sobre o rol da muller artista.
Con respecto á teoría queer, a mostra formula múltiples cuestións en torno ao desexo, os corpos e a sexualidade lésbica, gai e transxénero. Suxírese que a masculinidade e a feminidade son entendidos como unha mascarada, ou unha representación de códigos. Tamén se insiste na performatividade de xénero; é dicir, afírmase que os xéneros e as identidades sexuais son construcións socio-culturais e, polo tanto, transformables.
Ao carón das obras en exposición, Alén dos xéneros incorpora documentación complementaria ás prácticas artísticas. Así, na mostra están presentes destacadas revistas feministas galegas como Andaina e A festa da palabra silenciada, xunto a información relativa ao activismo feminista e LGTBQI. Dende mediados dos setenta os primeiros grupos feministas, como AGM (Asociación Galega da Muller), e os colectivos homosexuais mobilizáronse en Galicia en favor da igualdade de dereitos e en defensa da liberdade sexual. Posteriormente a Marcha Mundial das Mulleres constitúe un dos movementos máis representativos e aglutinadores de diferentes tendencias dende finais dos noventa. Na exposición préstase especial atención aos colectivos queer que empregan a linguaxe artística como ferramenta política: Maribolhèras precárias, Lerchas, Mulleres Transgredindo ou Nomepisesofreghao foron exemplo diso, xunto ao novo grupo Queer Avengers.
Ao longo destes meses, a exposición xerará varias actividades paralelas. En torno ao 8 de marzo, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, programaranse tres sesións audiovisuais nas que se abordarán cuestións relativas ao ámbito profesional feminino, e proxectaranse películas de artistas participantes na mostra, como María Ruido, Uqui Permui, Xoán Anleo, Claudia Brenlla ou Xisela Franco. Así mesmo, levarase a cabo unha serie de propostas escénicas que combinan a performance, o teatro ou a danza dende unha perspectiva de xénero. Este programa iníciase durante a xornada inaugural, cunha sesión na que Félix Fernández presenta o seu DJ set (DE)GENERADXS da man do seu alter ego musical JËAN FIXX, á que se une a actuación en directo de EDU (Eduardo Fernández), coa presentación do seu vídeo ‘Chica de la coru’, peza incluída tamén na exposición.
Por outra banda, a Biblioteca-Centro de documentación do MARCO acolle unha mostra bibliográfica, concibida como documentación adicional, que inclúe selección de textos, publicacións e catálogos con información sobre prácticas feministas artísticas e os diferentes temas abordados na exposición.
A imaxe gráfica do proxecto, obra da deseñadora compostelá Uqui Permui, está inspirada na estética do ‘feito a man’, o Do It Yourself característico da autoxestión e da comunicación activista, e destaca a utilización da lambda (λ) como símbolo internacional do movemento LGTBQI.
| En 1970, a letra grega lambda (λ) foi seleccionada para simbolizar a campaña de liberación homosexual para a Alianza de Activistas Homosexuais. Catro anos despois, o Congreso Internacional de Dereitos Homosexuais en Edimburgo elixiu o mesmo símbolo para representar os dereitos de lesbianas e gais. A organización de dereitos homosexuais, Lambda Legal, fai unha alusión a este símbolo no seu nome. |