Di Pasolini que abonda con mover un milímetro o punto dende o que se mira o mundo para descubrir outro distinto. Alberto Ardid (Vigo, 1986) practícao, mesmo sen xirar o ollo: observa a realidade e interrógaa non como aparencia senón polo que representa, suxire e oculta. Busca os materiais axeitados e ofrece os seus comentarios en imaxes, intencionadas pero abertas sempre á interpretación.
En Hai un lugar, converte os patios do MARCO en espazos exteriores. Nun dispón Lugar, unha instalación que nos fala da propiedade privada, en clave galega: formas de cor (pinturas, moquetas) simulan parcelas ou terreos, con marcos de pedra que delimitan os lindes de cada unha. Como conxunto é unha paisaxe, na que empezamos a descubrir detalles e intencións: no muro que recibe o visitante, os cristais de peche foron substituídos por fragmentos de cerámicas de Sargadelos; as formas amarelas, que definen o espazo dos terreos, son axexadas por outras grises; un arco vixiante ameázanos dende un balcón próximo e vai cobrando as súas primeiras pezas...
A propiedade privada invade o espazo público na primeira galería, na que se reúnen os servizos: a educación, a comida, a enerxía, o ocio. Todo parece relacionarse, pero convén deterse ante cada obra, porque o observador atento descobre un lado quizais menos prácido, pero igualmente real, e non poucas sorpresas: encerados convertidos en dianas, pinturas envasadas ao baleiro como comida fresca, unha candea acendida que desafía a alarma antiincendios do museo.
Polas salas, asistimos a unha sucesión de paradoxos, de encontros intencionados: niños de bronce, que son de avespas asiáticas; po do COVIDE, convertido en reliquia; pinturas expostas como se almacenan os produtos industriais seriados...
Coma se se tratase dun relato en secuencias, o segundo patio ofrece unha imaxe primeira próxima, familiar, cun palleiro e alusións a unha paisaxe e un sol (Universo), que axiña se transforman en escenario de debate. Descubrimos outras interpretacións posibles: a paisaxe é pancarta, dende o palleiro dispárase. Algunhas accións son máis íntimas, como a tentación agochada no cuarto da limpeza, ou a máquina que prega insistente ao espectador que a desconecte.
Na segunda galería, o efecto tende a ser inverso: cortar unha árbore pode ser un xesto ecolóxico, se se trata dun eucalipto; os materiais rotos únense, con humor; un puntal industrial é tuneado con adornos xónicos, mentres as pezas mestras atopan o seu lugar, case solitario. Camiñamos entre residuos, pero queda algo de esperanza.
No panóptico, visto como cruzamento de camiños, volve a realidade: os restos dun accidente e o recordo dun ramo de crisantemos, proba dun xesto que xera empatía.
O anterior non é un relato, tampouco unha explicación. Trátase de invitar a que o paseo sexa curioso, aberto a interpretacións. Porque Alberto Ardid nunca formula obras pechadas.
Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto, comisarios da exposición