“A prehistoria deste proxecto remóntase ao ano 2008, cando decidín ter familia xunto á miña parella. Conseguímolo sete anos despois tras moitos tratamentos. Foron xemelgos e resultou absolutamente desbordante. Case non teño imaxes (que non sexan de móbil) da súa primeira infancia, pero a experiencia parecíame tan impresionante que constantemente pensaba como podería representar e transmitir unha mínima fracción de semellante frenesí. Conseguín empezar a fotografar en serio cando xa tiñan catro anos e nos iamos despedindo desa primeira etapa de crianza no colo.
Este período de revolución existencial levoume a tomar conciencia da importancia do tema da maternidade, do seu potencial como motor de evolución persoal, social e, sobre todo, da importancia da arte como transmisor da visión en primeira persoa dos temas que atinxen directamente a este sector da poboación tan pouco representado –fóra de convencionalismos e idealizacións– na sociedade e na arte.
A raíz da miña investigación para a tese de doutoramento na que estou a traballar e da que estas pezas forman parte, fun consciente de que na literatura e fotografía contemporáneas existen cada vez máis autoras que falan con sinceridade dende a súa propia experiencia. Ler a Adrienne Rich, Jane Lazarre, Rachel Epp Buller, Laura Freixas, Patricia Merino, Esther Vivas, Carolina del Olmo, María Llopis, Julia Cañero ou María do Cebreiro foi fundamental. Coñecer o traballo de Ana Casas, Ana Álvarez Errecalde, Elinor Caruchi, Catherine Opie, Hannah Cooke, Megan Wynne, Jade Beall, Verónica Ruth Frías, Natalia Iguíñiz, Natalie Lennard, Carmen Winant, Irmina Walczak ou Jess Dobkin, entre moitas outras (todas elas artistas ás que admiro profundamente por atreverse a falar dende o seu ‘cuarto compartido’), deume a perspectiva e o acompañamento que necesitaba para emprender un traballo difícil, que podería resultar incómodo ou polémico nalgúns dos seus aspectos máis íntimos.
Trátase de temas dos que fai falta falar e que empezan a ser tidos en conta no ámbito cultural e tamén nun movemento feminista cada vez máis poliédrico e integrador, capaz de asumir as realidades diversas dos distintos tipos de mulleres, nais e persoas con capacidade xestante/lactante. De feito, nos últimos anos pódese rastrexar doadamente en España o interese por debater sobre as maternidades feministas, as violencias específicas exercidas sobre nais e criaturas, a crise de coidados, etc. Mostra diso é o xurdimento e rápido crecemento da Asociación PETRA Maternidades Feministas, da que formo parte, ou a abundancia de literatura recente sobre estes temas.
O proxecto Desapego está composto por un conxunto extenso de pezas en diferentes formatos (imaxes fotográficas, vídeos e instalacións) nas que reflexiono sobre a experiencia da maternidade propia dende un punto de vista non idealizado, deixando constancia das contradicións e desafíos que supón esta oportunidade ofrecida pola vida para cuestionarnos e crecer.
O título refírese ao proceso continuo de separación experimentado dende o momento do parto (ou uns meses despois, se se respecta a diada). Cambios de fase, adaptación contínua e despedidas. Unha evolución necesaria e liberadora, que tamén supón moita confusión e ambivalencia.
Cómpre salientar que, como estratexia performativa e visual, decidín non me cortar o pelo dende o nacemento ata o fin da etapa de lactación materna que, neste caso, foi de cinco anos. Esa melena longa, traballosa, incómoda, exuberante e bicolora, funcionou como símbolo do vínculo e da maraña existencial que supón a experiencia materna durante os primeiros anos de crianza. Finalmente xs meus fillxs cortáronme esa melena, tras o último contacto dos seus beizos co meu peito.
A maioría destas imaxes foron tomadas durante o ano 2020 dun xeito bastante espontáneo e precario entre a miña residencia habitual e a casa dos meus pais, onde pasamos o período de confinamento. Ademais, en xaneiro de 2021 realizamos catro accións no MARCO que dialogan con pezas dxs artistas Marina Abramović, Yoko Ono, Zhang Huan e Masahisa Fukase.”
Este proxecto foi posible grazas ao apoio de moitas persoas. Por suposto do MARCO e o seu persoal que me fixo sentir como na casa. Desxs amigxs que me asistiron cando llelo pedín: Roberto Alonso, Carolina González, Diego Fernández, e especialmente David Hernández e Álex Penabade, que fixeron posible as catro sesións no MARCO.
E á miña familia, como é obvio, débolles todo.
Andrea Costas Lago