ArtFutura, o Festival consolidado como o foro máis importante dedicado ás implicacións sociais, culturais e artísticas da tecnoloxía dixital e os novos medios, chega ao MARCO a partir do 4 de novembro, en exclusiva para Galicia, cun programa audiovisual que se proxectará de forma simultánea nas quince cidades do CircuitoFutura ao longo de todo o mes.
A edición deste ano ten como protagonista o documental ‘We Live in Public’, un extraordinario filme sobre as redes sociais e a privacidade en Internet, gañador da pasada edición de Sundance, e que forma parte da colección permanente do MoMA de Nova York. Dirixido por Ondi Timoner, analiza a experiencia de Josh Harris e a súa compañía Pseudo no Nova York das ‘punto-com’. Harris creou a primeira rede de televisión por Internet e intuíu con gran clarividencia as consecuencias da nosa vida futura na rede.
Ademais de ‘We Live in Public’, o programa inclúe seleccións de animación 3D, un especial dedicado a Passion Pictures, a selección Futura Graphics (motiongraphics, virais e videoclips) e a nova sección World Wide Work, dedicada á creatividade en Internet.
Xoves 4 nov
19.00 Programa A
Venres 5 nov.
19.00 Programa B
Sábado 6 nov.
17.00 Programa C
19.00 Programa D
Xoves 11 nov.
19.00 Programa D
Venres 12 nov., sábado 13 nov.
e domingo 14 nov.
Maratón ArtFutura
Especial Aniversario MARCO Programas A-B-C-D
Xoves 18 nov.
19.00 Programa C
Venres 19 nov.
19.00 Programa D
Sábado 20 nov.
17.00 Programa A (*)
19.00 Programa B
Xoves 25 nov.
19.00 Programa A
Venres 26 nov.
19.00 Programa B
Sábado 27 nov.
17.00 Programa C
19.00 Programa D
NOTA*: O sábado 20 de novembro o programa A non incluirá o documental ‘Chico y Rita’, e as proxeccións rematarán ás 20.30, por coincidir cunha performance do Festival ‘Chámalle X’.
Duración total: 2 horas
Chico y Rita - Making Off (30 minutos)
Documental sobre a realización da película ‘Chico y Rita’; un proxecto conxunto de tres grandes artistas namorados de Cuba. Javier Mariscal e Fernando Trueba, coa axuda de Tono Errando crean esta pequena obra de arte, plena de vivas cores, que reflicte fielmente a Habana de finais dos anos corenta. Para levar a cabo esta película de animación, Mariscal inspirouse en fotografías da Cuba de 1949, recreando todos os escenarios coa precisión dun artesán. Para dar máis realismo aos movementos das ilustracións, a película rodouse con actores de verdade en La Habana, co fin de obter a información óptica necesaria sobre os seus xestos e poder recrear os movementos de cámara. Como música de fondo, soan cancións de Charlie Parker, Dizzy Gillespie, ou o cubano Chano Pozo, fusionando talentos americanos e cubanos. Pero a verdadeira banda sonora pona Bebo Valdés.
We Live in Public (90 minutos) - Versión Orixinal Subtitulada
Resultado de dez anos de traballo e máis de 5.000 horas de metraxe, o filme ‘We Live in Public’ revélanos o efecto da tecnoloxía dixital na nosa sociedade, a través dos ollos do ‘pioneiro máis importante de Internet do que nunca oíras falar’: o artista e visionario Josh Harris. Ondi Timoner (gañadora do Grande Premio do Xurado de Sundance por este filme) documentou a tumultuosa vida de Harris durante máis dunha década, recreando unha historia fascinante e que nos adianta a visión dun mundo virtual que, inevitablemente, toma o control das nosas vidas. Harris, chamado tamén o ‘Warhol da Web’, fundou Pseudo —a primeira rede de televisión por Internet que xurdiu durante o apoxeo das punto-com— nos anos noventa, e encargouse de comisariar e financiar proxectos como ‘Quiet’, con máis de 100 persoas vivindo xuntas nun búnker subterráneo de Nova York mentres se producía o cambio de milenio. Con ‘Quiet’, Harris demostrou a renuncia consciente á nosa privacidade, a cambio do recoñecemento social que todos desexamos. E como avances tecnolóxicos como MySpace, Facebook ou Twitter fan que esta renuncia consciente da privacidade sexa cada vez máis patente.
Duración total: 2 horas
3D ArtFutura Show (1 hora)
A edición de 2010 volve traer a selección dos mellores traballos de 3D producidos nos últimos doce meses, con magníficas curtas procedentes de Xapón, Francia, Hungría, Polonia, Estados Unidos e Alemaña. Entre as pezas deste ano destaca ‘Salesman Pete’, unha hilarante animación de Marc Bouyer, Max Loubaresse e Anthony Vivien, así como as curtas ‘Cours Toujours’ (Olivier Barre e Elise Garcette), ‘Suiren’ (Tomoya Kimpara) e ‘The Light of Life’ (Daihei Shibata).
Passion Pictures (1 hora)
Passion Pictures é sinónimo de innovación e excelencia no terreo do cinema documental e a animación. Con grande proxección internacional (premios da Academia de Hollywood, Sundance Festival e Festival de Annecy), Passion conta con oficinas en Londres, París e Melbourne. A súa traxectoria inclúe documentais como ‘We Live in Public’ e ‘Stones in Exile’ (sobre o clásico álbum dos Rolling Stones, coa participación de Martin Scorsese). Os seus traballos mesturan animación e imaxe real en anuncios e videoclips que se converteron en referentes mundiais. Esta selección presenta as animacións do videoxogo Beatles Rock Band, anuncios como o realizado por Darren Walsh para Sony Bravia, e os revolucionarios videoclips de Gorillaz dirixidos por Peter Candeland.
Duración total: 2 horas
Futura Graphics (1 hora)
Futura Graphics presenta unha selección das animacións e obras de Motiongraphics máis destacables do panorama actual, seleccionadas por Octopus. Pezas gravadas con teléfono móbil de última xeración (Dot), outras que se serven de web cams e da complicidade dos usuarios de redes sociais (Sour, Hibi No Neiro), ou sofisticados grafismos en 3D (IDN, Morbidus), son só algúns dos medios de produción destas obras que conseguen ir un paso máis aló en canto a creatividade e uso das tecnoloxías. Con obras de Andreas Hykade, Masashi Kawamura, Blu, Jeff Lieberman e Eric Gunther, Dvein, Universal Everything-World Design Studio e outros.
World Wide Work (30 minutos)
World Wide Work é unha nova sección dedicada á creatividade en Internet, que inclúe dous proxectos de calidade internacional provenientes de Europa e América. ‘Coalition of the Willing’ ilustra un texto de conciencia ecolóxica realizado a base de colaboracións de varios autores. O colectivo creador de videoclips ‘N.A.S.A.’ pon en contacto talento do norte e o sur de América (músicos, ilustradores e animadores) para crear orixinais videoclips. Ambos os dous proxectos teñen en común o ter nacido de forma independente, á marxe da industria audiovisual, e o seren realizados con baixos orzamentos.
Launder my Head (42 minutos) – Versión orixinal en inglés por decisión do autor
Aquí están algúns dos arquivos secretos de Josh Harris; unha fascinante recompilación de materiais en bruto e pezas pouco coñecidas, editada en exclusiva para ArtFutura 2010. Cando Pseudo, a primeira rede de televisión por Internet, saíu a bolsa, Harris gañou en pouco tempo máis de 80 millóns de dólares, e coa súa nova fortuna dedicouse a comisariar e financiar proxectos radicais e innovadores como ‘Quiet’, ‘We Live in Public’ e ‘Operator 11’. Poderíamos resumir a complexa personalidade de Harris con adxectivos tales como artista polémico, Warhol da web ou visionario salvaxe. E, non obstante, sería demasiado ambiguo. Para entender a este xenio do sarcasmo é necesario coñecer a súa historia.
Duración total: 2 horas
Flux Music Video Showcase (1 hora)
Selección comisariada por Jonathan Wells, fundador orixinal de Resfest e actual Director de Flux, unha comunidade creativa con base en Os Ánxeles e dedicada ao cinema, o deseño, a música e a cultura. O programa inclúe vídeos musicais pouco coñecidos e outras brillantes pezas visuais. Dende a última obra de Michel Gondry ao traballo de directores como Andreas Nilsson, Allison Schulnik e Saam Farahmand.
3D + Motiongraphics en Español (30 minutos)
O premio 3D en España é historicamente a convocatoria máis relevante no noso país, destinada a premiar os mellores traballos de animación 3D e efectos especiais producidos ao longo do último ano por compañías, estudantes e artistas independentes.
Demos + Processing (30 minutos)
ArtFutura presenta unha vez máis un programa monográfico coas obras máis destacables producidas no ámbito da Demoscene. Imaxes, sons en sincronía e grandes doses de imaxinación e destreza técnica caracterizan os traballos desta subcultura da creación dixital.
+ INFO en:
FACEBOOK: http://www.facebook.com/artfutura [3]
TWITTER: http://twitter.com/artfutura [4]
YOUTUBE: http://www.youtube.com/user/ArtFutura2009 [5]
VIMEO: http://vimeo.com/artfutura [6]
www.artfutura.org [7]
Enlaces:
[1] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/Artfutura600x200.jpg
[2] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/ArtFutura200x150.jpg
[3] http://www.facebook.com/artfutura
[4] http://twitter.com/artfutura
[5] http://www.youtube.com/user/ArtFutura2009
[6] http://vimeo.com/artfutura
[7] http://www.artfutura.org
[8] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/nota%20prensa%20ARTFUTURA%202010_GAL.pdf