INTERTEXTUAL
Ciclo de intervencións durante o ano 2015
Anexo
[A intertextualidade] “É unha noción que parece estar moi de moda. Pero eu non a entendo referida ao literario exclusivamente. A obra literaria ha de ser remitida a outros espazos estéticos. Aí existe un problema grave da crítica literaria, polo menos como se practica entre nós. A min influíume máis a estética musical de Anton Webern que as correntes literarias máis próximas. Tamén a pintura, e non só na súa contemplación, senón a lectura de textos teóricos, como é o caso de Kandinsky ou Klee. En xeral, a crítica literaria é absolutamente allea a este fenómeno”.
José Ángel Valente
A intertextualidade, segundo as palabras de José Ángel Valente, non se pode entender referida unicamente á relación entre creadores do campo da literatura. As influencias teñen que romper con esa serie de divisións invisibles e conectar dese modo as artes plásticas coa poesía, ou a música co pensamento filosófico, dando lugar a múltiples diálogos que deben ter como lugar común o día a día, o cotián.
Intertextual parte dunha selección de artistas pertencentes a unha mesma xeración, voceiros da realidade artística nacional e internacional dos últimos anos, que atopan nesa conexión de influencias un campo de traballo ideal. O espazo de tempo é un ano durante o que se levarán a cabo as cinco exposicións. A proposta nace da necesidade de configurar lugares para proxectos que ofrezan aos artistas a oportunidade de producir obras específicas, a partir da recreación e consolidación dun espazo como o Anexo do MARCO.
O antigo Espazo Anexo do MARCO, situado na praza peonil posterior, funcionou durante oito anos como sala de proxectos na que se invitaba a artistas a desenvolver obras in situ. Entre 2004 e 2011 leváronse a cabo vinte exposicións, nunha iniciativa que nalgúns casos supuxo a súa primeira mostra individual nun contorno museístico. A partir de agora, coa estrea do ciclo Intertextual, o lugar da antiga tenda-librería no vestíbulo principal ofrece un lugar privilexiado, tanto polas súas dimensións e características coma polo tránsito continuo de visitantes, para a visibilidade das propostas.
Á intervención de Carlos Maciá seguirán, ao longo de 2015, outros catro proxectos de Mauro Cerqueira (Guimarães, Portugal, 1982), Juan López (Cantabria, 1979), June Crespo (Bilbao, 1982), e Fernando García (Madrid, 1975)
CARLOS MACIÁ. 249 litros
249 litros, como mostra inaugural deste espazo, establece unha mirada cómplice coa exposición de Angela de la Cruz que en 2004 abriu o antigo Espazo Anexo. A intervención de Maciá realizada en 2013 no Pavillon Suisse de Le Corbusier en París, ou a recente 15 litros en Madrid, supuxeron dous bancos de probas para unha obra que supera os límites do abarcable e que representa para o artista un desafío a todos os niveis.
A obra de Carlos Maciá mantén un estreito vínculo coa arquitectura. Proveniente do campo da pintura, o seu traballo pasa en ocasións a desenvolverse sobre os muros do espazo expositivo, superando así o soporte bidimensional e establecendo un diálogo coa arquitectura, que envolve o espectador. A entrada de luz modifica o ámbito e capta eses momentos precisos nos que algo máxico parece estar a acontecer, como unha escusa perfecta para deterse e esperar.
Carlos Maciá volve ao MARCO nove anos despois da súa participación na exposición Urbanitas, ocupando un espazo sobre o que xa traballara entón e, aínda que inmerso nun proceso que inevitablemente se adscribe ao campo da escultura, cun traballo puramente pictórico.