SÁBADO 18 de maio
Actividades para públicos de todas as idades
ENTRADA LIBRE E GRATUÍTA ata completar capacidade
Día Internacional do Museo 2019
Como cada ano dende 1977, o ICOM (Consello Internacional de Museos) convida aos museos de todo o mundo a celebrar o 18 de maio o Día Internacional do Museo, creado para promover o interese xeral pola xestión e as actividades dos museos e centros de arte. O lema elixido polo ICOM para o DIM 2019, Os museos como eixos culturais: o futuro da tradición, fala do presente e de como os museos, ao tempo que preservan as súas misións principais (conservación, exhibición, comunicación, investigación), están transformando e activando as súas prácticas para achegarse ás comunidades ás que serven, e creando tradicións que terán novos significados para as xeracións futuras.
O MARCO súmase a esta celebración e ofrece unha programación especial o sábado 18 de maio, con actividades para públicos de todas as idades, que se suman ás exposicións que actualmente se exhiben en salas: a individual de Álvaro de la Vega (ciclo Metrópole III) no 1º andar, e a exposición Destacados. Colección Telefónica, que se presenta dous días antes, o xoves 16 de maio, nas salas da planta baixa.
Con Alba María e Mani Braga
Ás 12.30
Sala do vestíbulo principal
Para público en xeral
Moi en relación co lema do DIM deste ano (O futuro da tradición), o MARCO convértese en escenario para unha das manifestacións máis tradicionais que existen en Galicia, a regueifa, revitalizada hoxe polas xeracións máis novas. Un desafío oral en verso, protagonizado por Alba María e Mani Braga, que nesta especial ocasión terá como motivo de partida e como pano de fondo imaxes históricas do edificio do MARCO: unha reportaxe realizada polo fotógrafo Manuel G. Vicente en 1999, pouco antes de comezar o proxecto de remodelación do edificio.
A actividade está promovida pola Biblioteca-Centro de Documentación do Museo, onde segue en marcha o proxecto ‘Documentando o MARCO’, relacionado co pasado do edificio, e sobre o cal haberá información dispoñible na mesma sala.
Alba María. Promesa da nova xeración de cantoras galegas, é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela (2017). Cun disco publicado (Aínda. aCentral Folque, 2014), estudou música no CMUS de Vigo e participou en diversos certames de poesía e improvisación, acabando por ser unha destacada poeta e regueifeira. Alba María, alén de realizar actuacións e ofrecer obradoiros, vaise asentando no eido da improvisación, introducindo novos temas como o discurso de xénero na arte da regueifa. Fonte: www.regueifa.org [3]
Mani Braga. Estudou arte dramática na Escola Municipal de Vigo, e é unha das últimas incorporacións ao mundo da regueifa. Alén doutras actuacións e colaboracións, foi presentador do programa Entérate en Televigo, e participante na xira do espéctaculo ‘O señor das dunas’. En 2017 fixo parella coa cantadora portuguesa Naty Cantadeira na Gala do Patrimonio da Deputación. Foi tamén actor no filme ‘La felicidad de los perros’, gañador do premio do xurado e do público na 8ª edición do Festival Primavera do Cine.
É autor do libro de poemas Libretas (ed. Buboc).
Proxección e versión comentada polo historiador Xurxo Martínez González do filme recuperada por Miguel Piñeiro
Ás 20.00
Patio 1 (planta baixa)
Para público en xeral
O 17 de maio, Día das Letras Galegas, o MARCO de Vigo presenta o documental RESCATADA. 68 anos agardando a memoria filmada; un documento histórico filmado en 1951 e 1952, procedente dos arquivos da familia Beiras Cal, recuperado do olvido por Miguel Piñeiro e o equipo da produtora Atlantis Multimedia. A partir desa data e ata o 15 de setembro, o documental proxectarase de xeito continuado nunha das salas da planta baixa.
O filme inclúe unha reportaxe sobre o arquitecto Manuel Gómez Román e o seu acto de ingreso na Real Academia Galega, xunto a outras gravacións históricas realizadas polo intelectual galeguista Antón Beiras, a modo dun ‘contra NODO’ destinado á cultura galega no exilio.
Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Museo, o historiador Xurxo Martínez González (que vén de recibir esta mesma semana o premio da Gala do Libro Galego ao ellor ensaio) ofrecerá unha narración en vivo e en paralelo ao filme, a modo de visión comentada.
Ficha técnica:
Rescatada: 68 anos agardando a memoria filmada
Duración: 37 min
Atlantis Multimedia
Miguel Piñeiro. Director e produtor do proxecto / Manuel Iglesia. Técnico de dixitalización / Fernando Alfonsín, de Alfonsín Lab. Postprodución / Carme Varela. Contidos e documentación
Obradoiros infantís para público familiar
De 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00
Laboratorio das Artes (1º andar)
Para nenos/as a partir de 3 anos, sós ou acompañados de adultos
Ata completar capacidade (hora límite de entrada ás 12.15 e ás 18.15)
Colabora:
O público máis novo ten un lugar preferente neste Día do Museo, con obradoiros infantís dirixidos a público familiar que estarán en marcha durante a mañá e a tarde do sábado. A partir da idea de xogo de mesa, e coa axuda de mímica e son, crearemos todos os elementos e materiais para unha actividade colectiva baseada na relación de letras e imaxes.
De 18.00 a 20.00
Biblioteca-Centro de Documentación (1º andar)
Para público en xeral
Pensado, deseñado e fabricado en Galicia, Sabidurius é un xogo de mesa creado por Eduardo Armada e Miguel Carrera, baseado nas palabras e as súas definicións, na imaxinación e na escrita. Sinxelo e divertido na súa dinámica e funcionamento, Sabidurius é un proxecto lúdico-educativo que reúne diversas disciplinas, cun deseño especial e único, e con máis de trinta ilustracións creadas expresamente polo artista Ramón Trigo.
Coincidindo co Día Internacional do Museo, e partindo dunha experiencia do Día do Libro, convídase ao público a participar nunha experiencia compartida ao redor deste xogo, na que se poderá participar por quendas, organizadas en grupos de ata 8 persoas.
De 11.00 a 12.00 e de 17.00 a 18.00
Biblioteca-Centro de Documentación (1º andar)
Para público en xeral
Iria Fernández Mouriz, responsable de Documentación, achega aos visitantes os fondos e funcionamento deste espazo singular, con atención especial ao proxecto ‘Documentando o MARCO’, que ten como obxectivo recoller testemuños sobre o pasado do edificio, para axudarnos a recompilar a súa historia a través de experiencias persoais.
Sábado 18 de maio, ás 11.30, ás 18.00 e ás 19.30
Salas de exposición da planta baixa e do primeiro andar
Para público en xeral
Enlaces:
[1] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/DIM_600x200_2_0_0.jpg
[2] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/Documentando_200x150_0.jpg
[3] http://www.regueifa.org
[4] https://www.marcovigo.com/sites/default/files/NP%20nota%20prensa_DIM%202019_gal_0.pdf