FESTA DIM, DÍA INTERNACIONAL DO MUSEO 2012. "MUSEOS NUN MUNDO CAMBIANTE. NOVOS RETOS, NOVAS INSPIRACIÓNS"
Como cada ano dende 1977, o ICOM (Consello Internacional de Museos) convida aos museos do mundo enteiro a celebrar o Día Internacional do Museo, creado para promover o interese xeral pola xestión e as actividades dos museos e centros de arte. O lema para o DIM 2012 é “Museos nun mundo cambiante. Novos retos, novas inspiracións”, que se centra tanto no crecemento dos museos e a construción do seu futuro, como nas posibilidades abertas polas redes sociais e os novos medios de comunicación electrónicos.
Unha vez máis, o MARCO súmase a esta celebración e ofrece unha programación especial o venres 18 e sábado 19 de maio, con actividades para públicos de todas as idades, que se suman ás exposicións que se mostran en salas:
PRESENZA ACTIVA. Acción, obxecto e público, na planta baixa Performance e instalación están baseadas no mesmo principio de presenza; de presenza activa. Esta exposición aborda diferentes posibilidades de relación entre ambas as dúas disciplinas artísticas. O seu obxectivo é a confluencia de performance e instalación nunha paisaxe variada de instalacións dinámicas activadas polos artistas e/ou o público, dentro dos espazos do museo.
AMAYA GONZÁLEZ REYES. Entrar na obra, perder(se) nela, no primeiro andar Amaya González Reyes reserva para o espectador un espazo propio e emprázao a descifrar as obsesións da artista. Un conxunto de obras que, a partir da idea central de perda, fan referencia a xogos de significado, a sensacións contraditorias ou complementarias, ao dilema entre sentimento e razón, en liña co inconformismo e ambivalencia que son característicos da súa obra. [Serán os últimos días para visitar esta mostra, que se clausura o domingo 20 de maio]
Xunto ás visitas guiadas ás exposicións, a programación do DIM 2012 no MARCO inclúe obradoiros Xabarín18 para público infantil, concertos de música de cámara en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Vigo, actividades na Biblioteca-Centro de Documentación, a presentación do último videoclip do grupo galego Holywater, e un novo intento de récord do ‘Solo de guitarra máis longo endexamais interpretado' por parte de Gabriel Domínguez na peza de Thom Kubli. Pola súa banda, os Amigos do MARCO terán a oportunidade de demostrar as súas dotes facendo de reporteiros por un día, e como ocasión especial nesta Festa DIM, realizarase un sorteo de dúas noites no Hotel MARCO entre todos os visitantes durante a fin de semana. Ademais, a tenda-librería reinicia as súas actividades baixo o novo nome RESCRÓMICA.
PROGRAMACIÓN E ACTIVIDADES
‘xabarín18’. Obradoiros infantís
Obradoiros de ilustración en torno á maioría de idade de Xabarín, e proxección dos ‘xabarretratos’ con diferentes versións do personaxe realizadas por ilustradores participantes no proxecto ‘xabarín18’
Para nenos/as a partir de 3 anos acompañados de persoas adultas
Lugar: salón de actos
Horarios: venres de 17.00 a 20.00 e sábado de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00
XABARÍN18 é un proxecto promovido polo EEI, Monte da Guía (Vigo) e CEP Sequelo (Marín), coa colaboración de Televisión de Galicia
Xabarín, ‘o porco bravo máis famoso da televisión’, creado por Miguel Anxo Prado para o Xabarín Club da TVG, cumpriu 18 anos o 18 de abril de 2012. Con este motivo, os centros de ensino EEIMonte da Guía de Vigo e CEP Sequelo de Marín, coa colaboración de TVG, puxeron en marcha o proxecto XABARÍN18, no que 21 ilustradores galegos crearon as súas propias versións do personaxe, os ‘xabarretratos’.
O proxecto cobra agora maior visibilidade con ocasión da Festa DIM no MARCO. O venres 18 e sábado 19 terán lugar obradoiros para público infantil en torno á maioría de idade de Xabarín, dirixidos por ilustradores participantes no proxecto, que colaboran de forma desinteresada nesta iniciativa, coa axuda do persoal de didáctica do Museo.
Simultaneamente, unha proxección con banda sonora e momentos especiais do Xabarín Club, presenta a totalidade dos ‘xabarretratos’ realizados por 21 debuxantes: RAMÓN TRIGO - KIKO DA SILVA – DAVID AMOEDO ‘DAVIDA’ - UXÍO COUTO - PEPE CARREIRO - AUGUSTO METZTLI - LUZ BELOSO - DAVID BUCETA - XOSÉ LOIS ‘O CARRABOUXO’ - ABRAHAM CARREIRO - ALBA CASTILLO - NURIA DÍAZ BERRIDE - JACOBO FERNÁNDEZ - JORGE FERNÁNDEZ PERAL - GABRIEL IGLESIAS - MARTÍN JARIO - IDOIA DE LUXÁN – DIEGO OMIL - QUICO - ANTONIO SEIJAS - CARLOS TABOADA.
HORARIOS OBRADOIROS
VENRES
De 17.00 a 18.00 obradoiro con KIKO DA SILVA De 18.30 a 20.00 obradoiro con DAVIDA e UXÍO COUTO
SÁBADO
De 12.00 a 14.00 obradoiro con RAMÓN TRIGO De 17.00 a 18.30 obradoiro con PEPE CARREIRO De 18.30 a 20.00 obradoiro con AUGUSTO METZLI e MARTHAZUL
Concertos de música de cámara
A cargo de alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Vigo
Horario: sábado ás 13.00 e ás 20.00
Lugar: vestíbulo de acceso a salas
Organiza: Conservatorio Profesional de Música de Vigo
Con ocasión da Festa DIM, e en liña co obxectivo de ampliar as súas actividades a outros espazos culturais da cidade, o Conservatorio Profesional de Música de Vigo colabora co MARCO ofrecendo actuacións dos seus alumnos nos espazos do Museo. Concertos de música de cámara en lugares non habituais; espazos de tránsito de visitantes nos que a presenza do público se une ao son dos instrumentos.
Ferenc Farkas. Danzas antigas do s. XVII Franz Danzi. Quinteto en SibM op. 56 nº 1 Claude Debussy. The Little Negro
SÁBADO ás 20.00
Pablo Rouco Blanco (frauta), Ignacio da Vila Benavides (clarinete)
André Jolivet. Dúo para clarinete e frauta Heinrich Sutermeister. Capriccio para clarinete solo Eugène Bozza. Image para frauta solo Giacinto Scelsi. Suite para clarinete e frauta (I, II, III, IV)
O MARCO por dentro
Visitas guiadas ás exposicións
Lugar: salas de exposición
Horario: vernes e sábado ás 12.00, 17.00 e 19.00
Durante a fin de semana, o persoal de salas estará a disposición dos visitantes para realizar percorridos comentados polos espazos expositivos: a mostra colectiva PRESENCIA ACTIVA, na planta baixa; e os últimos días para visitar a individual de AMAYA GONZÁLEZ REYES, que se clausura o 20 de maio no primeiro andar. Unha vez máis, o público poderá gozar da parte máis interactiva das obras, penetrando no túnel translúcido de Sergio Prego, accionando a instalación de Gary Hill, probando o ximnasio de Mads Lynnerup, mesturando slogans na peza de La Ribot, explorando as posibilidades da instalación de Sue-C+AGF, ou paseando polos espazos do Museo.
Novo intento de récord de solo de guitarra
Gabriel Domínguez volve activar a peza de Thom Kubli, Record Attempt
Lugar: galería 2, salas de exposición da planta baixa
Horario: venres a partir das 10.00
Participante: Gabriel Domínguez García
Record Attempt [Intento de récord], de Thom Kubli, é unha das obras da exposición PRESENZA ACTIVA. Esta instalación e plataforma de performance presenta un escenario en directo para que os participantes tenten bater o récord do ‘Solo de guitarra máis longo endexamais interpretado’, que o artista conseguiu o 9 de febreiro cun rexistro de 7 horas, 5 minutos e 4 segundos. Dende entón, o concurso está aberto ao público para responder ao reto, que ata agora conseguiron superar o propio Gabriel Domínguez (7 horas, 10 minutos, 6 segundos), Cristian Matos (9 horas, 0 minutos, 0 segundos), e Rubén Fernández, que ten a marca actual de 12 horas, 0 minutos, 0 segundos, conseguida o pasado 11 de abril.
Cada actuación —que ten lugar nunha cabina illada provista dunha fiestra para ver o interior— está supervisada por unha testemuña e é retransmitida en tempo real a través da web.
‘Reporteiros por un día’
As mellores imaxes do DIM, vistas polos Amigos do MARCO
Lugar: todos os espazos do Museo
Horario: venres de 17.00 a 21.00, sábado de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00
Os membros da Agrupación de Amigos do MARCO terán oportunidade de participar de forma especial na fin de semana do DIM, fotografando os momentos máis importantes e curiosos que se van vivir o venres 18 e o sábado 19 nas salas do Museo. Coa súa cámara fotográfica, vídeo ou teléfono móbil, poderán captar imaxes dos ilustradores do Xabarín18, do grupo Holywater na presentación do seu último videoclip, da actividade na Biblioteca, do solo de guitarra, dos participantes nos concertos, vistas das salas de exposición, etc. Unha selección das mellores imaxes subirase posteriormente á web do Museo —'o DIM, visto polos Amigos do MARCO'— e incorporarase á Memoria de Actividades 2012.
Presentación do último videoclip de Holywater e actuación do grupo en versión acústica
Lugar: MARCO restaurante&café
Horario: venres ás 20.30
Organiza: RitmosDaVisión
RitmosDaVisión organiza o acto de presentación do último videoclip do grupo galego de rock&roll Holywater, no MARCO restaurante&café. Será a première oficial desta peza audiovisual na que colaboraron novos artistas galegos de varias disciplinas: escultores, pintores urbanos, actores, músicos ou creadores de monicreques son algúns exemplos da amalgama de expresións e vontades que se uniron para poder facer posible este proxecto. Tras a proxección, o grupo interpretará temas de The path to follow en versión acústica para agradecer ao público a súa asistencia e pechar así a xira de concertos deste o seu último disco, sen dúbida unha ocasión excepcional para gozar da súa música en directo, antes da paréntese que se tomarán para compoñer o seu novo álbum.
Sorteo de dúas noites no Hotel MARCO
Sorteo de dúas noites no Hotel MARCO entre os visitantes da fin de semana do DIM
O Hotel MARCO, sito no Espazo Anexo, é un proxecto do artista Michael Lin e rvr arquitectos, que transformou o lugar nun cuarto de hotel con distintos usos. Tras un período de apertura ao público como espazo expositivo, continúa o seu uso como cuarto de hotel, sexa dentro do programa de residencias ou para reservas de particulares.
Durante a fin de semana do DIM —venres 18, sábado 19 e domingo 20— todos os visitantes terán a posibilidade de participar no sorteo de dúas noites no Hotel MARCO, apuntando o seu nome e número de teléfono e depositándoo nunha urna situada no vestíbulo de entrada. O gañador coñecerase o luns seguinte, 21 de maio, e dende a Secretaría do Museo poranse en contacto para concretar a data elixida.
Horario: martes a sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00; domingos de 11.00 a 14.00
Recentemente, a tenda-librería do MARCO reiniciou as súas actividades, nun avance do que será a súa próxima inauguración oficial baixo o novo nome de RESCRÓMICA. Publicacións especializadas, catálogos, libros de deseño, obxectos de autor e artigos de regalo, a disposición dos visitantes do Museo e do público en xeral.