ARTISTAS / OBRAS
ANTÍA ENCISA GONZÁLEZ
Buscándome fóra de min, 2022
Antía Encisa González (Tebra-Tomiño, Pontevedra, 2000) considera que a autopercepción se ve alterada pola era dixital na que vivimos. Deste xeito, quen observa a súa obra navega a través de diferentes soportes (corpos) que revelan un autorretrato contado a través de imaxes e textos apropiados. A partir dunha metodoloxía procesual créase unha instalación multidisciplinar que combina vídeo, fotografía, colaxe, autoedición e bordado, e a peza convértese nunha viaxe persoal dende a mente doutra persoa, buscando unha autodefinición entre a mirada colectiva e a individual, dende unha perspectiva non binaria e disidente de xénero.
CARMEN SUÁREZ MARCOS
O olvido na mente, a memoria no corazón, 2022
O proxecto de Carmen Suárez Marcos (O Barco de Valdeorras, 2000) intenta afondar nas conexións coas mulleres da súa contorna para así chegar a comprender a súa identidade individual e como esta se relaciona coa súa propia. A obra representa a conexión coas mulleres máis próximas ao seu día a día, para así mostrarlles o modo en que a artista as percibe, agradecéndolles participar no seu proceso de madureza, por ser quen son e por quen a fan ser.
CÉSAR SOUTO RODRÍGUEZ
Figuras, 2022
A obra Figuras, de César Souto Rodríguez (Pontevedra, 1992), nace en equilibrio entre o desexo de expresión corporal e unha profunda poética da ausencia. Unha serie de pinturas de grande formato sobre tea sen bastidor cuxa formalidade abstracta acolle un diálogo no que conviven tempo, amor, corpo e identidade. O impacto emocional dun xeito de sentir a corporalidade en favor da memoria, e a sombra conceptual que reflexiona sobre a propia natureza do tempo, conforman o misterio, a precisión e a sutileza dunha pintura en constante tensión entre o sintético, o emocional, o físico e o intelectual. Unha obra rendida á grande forza expresiva que se recoñece na contemplación directa e na súa relación co espazo expositivo, que estende os límites do comportamento da imaxe e defende a creación dunha presenza pictórica separada da representación.
ELSA BOUZAS
Intimidade compartida, 2022
Intimidade compartida, o proxecto de Elsa Bouzas (Santiago de Compostela, 2000), rastrexa no fogar a subxectividade persoal dos cantos máis íntimos do mundo que habitamos, intentando traspasar as fronteiras entre o que está dentro e fóra de nós. Supón, ademais, repensarnos como parte dun sistema vivo, complexo e interconectado: Gaia, o noso fogar no universo, chea de presenzas psíquicas, introspección, reflexións, sentimentos, sensacións e intuicións.
Sempre quixen traballar nun faro á beira do mar e ver os mariñeiros embarcarse en longas viaxes marítimas. Algúns elixen a profesión por amor ao mar, outros non aturan a inmobilidade da terra. No momento no que os barcos abandonan os peiraos, nacen e morren os soños. Eu sinto as dúas cousas dentro de min. Pero cando emigro en busca de novos horizontes, non pertenzo nin á terra nin ao mar. Sorpréndome espertando nunha cama estraña, rodeada de caras estrañas. É alí cando a casa vibra dentro do peito, como un faro que suxeita os rumbos. Eu, que nunca quixen ser parte dun mundo estático, atópome en busca dos ritmos lentos da terra.
JUNCAL A. CASTRO
Relatos da memoria, 2022
Para Juncal A. Castro (A Coruña, 1999) Relatos da memoria é unha reflexión, por medio da práctica artística, sobre a dimensión física dos recordos e como a memoria se ancora e se relaciona cos espazos nos que vivimos. No contexto dunha sociedade acelerada e individualista que empeza a establecerse cada vez máis no mundo dixital, os obxectos físicos de valor duradeiro e sentimental escasean. Na peza, a artista combina diversas técnicas e xeitos de facer propios da pintura e a escultura, para falar dunha forma de mirar ao pasado individual e colectivo para aprender e comprender o mundo que nos rodea dende o interior de cada un, co obxectivo de poder habitalo e compartilo do mellor modo posible.
LAURA CID RASCADO
Un día, 2022
Se ben algúns consideran que a idea de felicidade é complexa e inalcanzable, Laura Cid Rascado (Vigo, 1999) cre que se pode lograr co máis mínimo ou nunha situación inesperada. Unha historia sinxela, ausente de palabra, onde o protagonista –un oso preguiceiro– analiza os seus arredores e descobre o benestar e a tranquilidade que transmiten esas paisaxes, en compañía das persoas que máis aprecia. Un completo exercicio de atención plena que nos axuda a descubrir que a verdadeira felicidade se atopa nas cousas sinxelas.
LUCÍA PERDIZ
Errare humanum est…, 2022
Errare humanum est... é un conxunto de obras que xiran en torno ao concepto de mobilidade territorial. Articúlanse todas elas a partir de elementos da contorna inmediata; obxectos cotiáns pertencentes ao fogar, imbuídos de significado, que se mesturan con materiais reciclados e restos industriais. Facendo uso da linguaxe do precario, o urxente e o inestable, Lucía Perdiz (Muíños, Ourense, 1988) establece un eixe condutor entre as pezas. Os materiais xa non pertencen a ningún lugar, están ao servizo das circunstancias, onde se transforman nun acto de supervivencia.
RAQUEL ÁLVAREZ MÉNDEZ
Encuentros y escondites, 2022
En Encontros e agochos, Raquel Álvarez Méndez (Vigo, 1998) aborda o concepto de refuxio como un lugar de abrigo secreto e seguro. O proxecto desenvólvese a partir da construción dunha cabana tecida que evoca ese espazo protector. A través dun imaxinario persoal apélase aos sentidos coa elección de cores vibrantes e texturas suaves e cálidas. A reflexión sobre o sentido de habitar e a necesidade dun acubillo esténdese máis alá dese pequeno refuxio, cubrindo unha serie de cadros con textos tecidos que amplían o relato e se presentan en forma de instalación.
SANDRA GUTIÉRREZ ALDAO
Memorias antropomórficas, 2022
Partindo da tradición de que todas as mulleres da súa familia teñen o seu propio xardín, Sandra Gutiérrez Aldao (Vigo, 1996) crea un de seu. Interésase así polas capas ocultas da visión que lle achegan estes xardíns; as que pasan desapercibidas a simple vista e que nos mostran indicios que nos permiten deducir a existencia de seres monstruosos, aqueles que xorden de aspectos larvados da razón. A través do mórbido, do enfermizo, crea un mapa xeográfico do seu arredor co obxectivo de mostrar o que está agochado nas cousas máis próximas, no cotián e na natureza.
XOEL GÓMEZ LÓPEZ
Carne: transitando o eu, 2022
Carne: transitando o eu é unha viaxe pola construción da identidade propia que parte dun proceso persoal de transición e reafirmación como persoa non binaria. Xoel Gómez López (O Porriño, Pontevedra, 2000) acompaña a performance dunha peza musical e unha escenografía: unha peza con forte carga autobiográfica, un verdadeiro experimento de autodescubrimento, deconstrución e reensamblaxe dun mesmo, con multiplicidade de matices e o espectro infinito de estados intermedios. Fluír no xénero, rexeitalo e crear un novo “eu”, unha identidade que se adecúa no agora, en constante evolución e cambio infindo.