BREVE PERCORRIDO POR SALAS
1
Entre 1921 e 1925, Laxeiro vive en Cuba. Durante a súa estadía na Habana, ve exposicións de Ignacio Zuloaga e Jesús Corredoyra. Laxeiro é aínda cativo, mais retén imaxes e ideas. Anos máis tarde, sendo xa pintor maduro, sinala: “Estas exposicións foron as que me fixeron estremecer todo o que eu levo como pintor no meu cerne”. Sexa máis ou menos literal o recordo, sinala a Zuloaga e Corredoyra non como compañeiros senón como punto de arranque para pintar, consciente do que xa eles tiñan conseguido. Pintores feitos fronte a quen se inicia, se sorprende e realiza as súas primeiras seleccións; pintores densos, de carnes, de cor e sombras.
2
Autorretrato e iconografía. Os autorretratos delatan, de cote, os devezos do pintor: algúns, sendo novos, retrátanse maduros, afirmando se cadra a condición que queren alcanzar. Laxeiro reflíctese fiel ao seu momento e á linguaxe da súa pintura. O que axiña define son os seus temas iconográficos predilectos, aos que volve en distintos momentos: a vida, a pintura, o entroido, os nenos, os músicos, as escenas familiares, a síntese de relatos populares reais ou ficcionados, os retratos, a pintura de xesto, a mancha, a cor... Imaxes de composición pechada, cun chisco de relato teatral, de escena que arrinca diante dos nosos ollos.
3
Os anos trinta e o contacto con pintores próximos, de preocupacións afíns. Época na que se fixan modelos, formas de pintar, iconografías e ideario. A pintura como mandorla e a nube como composición, o apoio no trazo do debuxo. A relación entre as figuras e entre elas e a paisaxe ou a arquitectura: as referencias ao rural, á escultura románica. Pintar Galicia, definir unha nova arte galega, asumir un compromiso estético e político. Revisar a tradición co desexo de dar un paso cara ás novas propostas. Temas afíns e un vínculo común (Galicia, os seus valores), nun intento de representala dun xeito novo, menos costumista, grazas á linguaxe da pintura.
4
A construción do cadro, a elección dos materiais. En Laxeiro hai un debate entre figuración (necesidade de pintar por capas, matizando) e xesto libre (a súa facilidade como debuxante, facendo correr o pincel). Resólveo ao descubrir que a clave é a composición, a estrutura interior do cadro, algo que intuía cando os empezaba polo debuxo. Áxil e rápido para ver, fíxase no románico, na paisaxe galega (as montañas), e formula unha proposta persoal, de composicións sobrecargadas, de adaptación ao marco, de imaxes que se apoian e xustifican na relación que manteñen. Na súa pintura, as figuras teñen peso e ancóranse na terra, como esculturas feitas de densidade.
5
Fronte á imaxe de Laxeiro como personaxe alegre, pintor do cotián, do próximo, a súa pintura é densa e dramática, como a festa popular. O popular é alegría e celebración, pero tamén drama, dor, unha liña moi unida –vivida– no mundo rural, nos ditos e proverbios, na relixión, nos símbolos, nos xogos, nos contos e fabulacións, na literatura, nesa linguaxe oral da que se nutría Laxeiro. Como nas obras dos grandes novelistas dos que foi amigo, nas pinturas de Laxeiro conviven escenas, escalas, accións, relatos, pero todo rexido por unha orde aparente. E suceden moitas cousas no interior do cadro.
6
Todo artista ten as súas “afinidades electivas”. Laxeiro recoñece a súa ledicia cando ve ou coincide con Gutiérrez Solana, Vázquez Díaz ou Benjamín Palencia, aos que podemos sentir achegados por defender a independencia das súas propostas: en aparencia máis próximo o xeito de pintar de Solana, mentres Vázquez Díaz mostra composicións que asimilan un cubismo case cálido, paisaxista, ou Palencia a paleta dunha paisaxe diferente. Ou encontros, como o xeito de estruturar o cadro de Torres García ao carón do pintar orgánico de Maruja Mallo, que permiten entender a contemporaneidade dos cadros que Laxeiro formula como retablos ou vidreiras.
7
Rembrandt e Goya son dous referentes intemporais para Laxeiro. Rembrandt e a densidade da pintura, o gusto pola materia, polo matiz. Pintar engadindo capas, pintura de carnes e aparicións. A actitude de Goya pintando escenas cotiás ás que engade sentenzas, deterse no que a imaxe di e insinúa. O gusto por ver aparecer a pintura, o interese por opinar dende a pintura. E xunto ao pintor que busca e investiga, o debuxante áxil, rápido e seguro, con pontes con Castelao e Seoane.
8
Entre 1950 e 1971, Laxeiro vive en Bos Aires e a súa pintura faise máis libre no xesto, pero densa e expresiva, ata dialogar con naturalidade coas propostas informalistas europeas. Fronte á dimensión de Saura; a proximidade de Canogar á greta, ao berro, pero tamén á homenaxe a Rembrandt, os retratos, as cabezas de Laxeiro delatan as súas devocións (como lle ocorre a Seoane no seu famoso cartafol de gravados). Difícil imaxinar un grupo que sinale mellor unha época e o carácter individual da proposta de Laxeiro.
9
Fronte ao empeño localista por encerrar a un artista nun lugar, nunha xeografía, atreverse a analizalo dende a súa práctica da pintura. Por que non ver a Laxeiro como un raro ao estilo Derain? Un pintor que pinta o que quere, que volve sobre os seus temas e escapa cara a lugares complicados. Que se mira a Picasso é quen de unir o drama do Guernica coa sensualidade das súas figuras máis clásicas; que non parece desdeñar ao último De Chirico ou a Picabia. Unha vez establecida unha historia oficial da arte galega, que por oficial non deixa de asumir certa borgiana infamia, por que non mirar de fronte a obra e deterse no que sempre queda nas marxes?
10
E se buscamos orde no Laxeiro máis solto e colorista? Ese que é consciente da súa facilidade, do seu dominio, e pinta “coma se nada”, coma quen pasea, coma quen fala ou debuxa. Outros artistas próximos apóianse na forza da cor, ou na composición, mesmo en certa xeometría manual, cálida, de colaxe. Laxeiro como “pintor vello” (Tiziano, Matisse), atrapado pola pintura, convertido en pintura. Durante anos esforzouse en compoñer obras pechadas, que apoiaba con frecuencia nun groso debuxo previo, e coa madurez sabe que pinta mesmo no ar, que é pintura.
11
Se a pintura fose un percorrido lineal, xulgala sería máis doado. Afortunadamente non o é, e o atractivo é revisala segundo os criterios de cada época. Laxeiro é autor de cadros incontestables, con independencia da súa época, tamaño ou factura, e dun ruxerruxe de debuxos e pinturas que lle garanten o eco da proximidade. Cando se selecciona vemos que o mesmo pintor busca definir un cadro e axustar unha composición, pero na madurez é quen de deconstruír a imaxe sen rebaixar a pintura, talvez de xeito inconsciente, por seguir investigando. As multitudes de Grosz, as batallas de Paolo Uccello, as fugas de Ensor: os laxeiros en Laxeiro.