Pittore é o título co que o MARCO de Vigo presenta, por vez primeira nun museo español, unha completa panorámica da produción recente de Lluís Lleó (Barcelona, 1961) dende o seu regreso dos Estados Unidos en 2017. Un traballo, realizado na distancia do retorno á súa terra natal, que ofrece unha mirada retrospectiva e introspectiva da súa experiencia de case trinta anos en América.
Baixo este epígrafe, extraído dun cadro de Philip Guston, Lleó rende homenaxe a algúns dos artistas que lle inspiraron –Eva Hesse, Jannis Kounellis: Hesse (2021-22 e 2023), Jannis en Lalibela(2023)– e á mesma pintura, que se desprega na exposición nas máis variadas técnicas e soportes, incluíndo disciplinas como a escultura e a instalación. Pero, sobre todo, Pittore é a afirmación como pintor dun artista con vocación de arquitecto –Yo quería ser arquitecto (2023)–, cuxa obra expándese máis aló das marxes do marco ou do soporte parede –Nosotras (2020-22), Guetaria 1895 (2022-23)–, ábrese a múltiples “xanelas” dentro do cadro –Gould (2019), Acuérdate de mirar (2022), Paisaje líquido I e II (2022)– ou constrúe ámbitos nos que habitar a pintura –Aquí vive un pintor (2022).
O corazón da mostra é o panóptico, onde Lleó instalou unha estrutura circular de aceiro revestida de terracota pintada ao fresco, The Perfect Year, unha peza iniciada en 2008 tras o finamento de seu pai, tamén pintor.
The Perfect Year é unha sorte de dietario íntimo do artista: 365 son os bloques que compoñen esta obra en proceso na que Lleó foi anotando paisaxes, datas, presenzas e, sobre todo, ausencias. Un círculo espazo-temporal que vén a pechar, dalgún xeito, todo un itinerario vital.
A partir deste centro, o universo de Lleó esténdese polas galerías e patios do MARCO a través de pinturas sobre liño ou papel e esculturas en madeira e pedra cubertas por fresco, óleo, acrílico, acuarela, tinta ou grafito, pezas que dialogan entre si e transforman a experiencia do espazo nunha montaxe que é unha intervención. Todo un despregamento de técnicas que exhiben a mestría dun pintor afecto ao oficio e que teñen o seu principio no debuxo, a idea anotada no caderno, que logo toma corpo nos máis variados soportes.
Así, a serie sobre papel Nepal ou Buhtan de 2015-16 –Cypris, Vitrea, Hecuba, Nestira...–, obras que levan por título os nomes das corenta e oito variedades de bolboreta Morpho. Un conxunto que evoca a delicadeza do lepidóptero e a fraxilidade do soporte: debuxar na á dunha bolboreta. Pero tamén o grupo de esculturas titulado Oz (2022), bloques de pedra en forma de L invertida (LLuís LLeó?) dos que colgan papeis a cera e lapis que insinúan os calcos para trasladar o debuxo ao fresco e que se dispoñen ao xeito dos marcos dos camiños. Unha serie que suxire a idea, tan cara ao pintor, da pintura habitable, “refuxio”. momentáneo para o espectador nunha obra, a de Lleó, que é sempre “unha sorte de viaxe”.
O traballo de Lluís Lleó conxuga a intimidade e a apelación ao espectador, a contundencia e a lixeireza, a expresividade de técnicas e materiais e a depuración das formas, para tamén disolver as fronteiras entre abstracción e figuración, o xeométrico e o orgánico, pois os seus motivos, aínda os menos referenciais, sempre remiten a emocións, recordos, paisaxes ou habitáculos vividos.
Rosa Gutiérrez Herranz e Miguel Fernández-Cid, comisarios da exposición